A sentenza describe con detalle sucesivas agresións sexuais do antigo parlamentario de AGE (2012-16) a unha menor coa que estableceu contacto como profesor no seu instituto
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, vén de condenar o ex-deputado de AGE Xabier Ron a nove anos e medio de cadea. Conclúe así, pola vía da conformidade das partes, o caso iniciado a principios de 2025 coa detención de quen fora parlamentario de Alternativa Galega de Esquerdas (2012-16) por un delito de agresión sexual continuada a unha menor de idade da que fora profesor nun instituto da contorna de Compostela.
O ditame, emitido o pasado maio e ao que vén de ter acceso Praza.gal, describe con profusión as agresións cometidas por Ron e o seu contexto, no que sitúa como inicio o ano 2022, cando o ex-deputado impartiu clases no centro ao que acudía a menor, na altura de 12 anos. Dous anos despois, indica, desenvolveuse unha "relación de confianza e amizade íntima" no centro e fóra del, que "transcendía a relación académica" e derivou nunha "relación de dependencia emocional da menor".
A continuación, especifican os feitos probados na sentenza, producíronse intercambios de mensaxes con contido sexual e tocamentos en sucesivos encontros. É neste punto onde o tribunal describe con detalle sucesivas agresións en encontros na vivenda do agora condenado, salientando que deu en ordenar a menor actuar como "submisa" e especificando que, cando menos nunha ocasión, o "bloqueo emocional" lle impediu lembrar se accedera a algunhas das súas ordes.
Como resultado destas violacións, abonda o tribunal, a menor agredida por Ron tivo que ser sometida a seguimento en enfermidades infecciosas, padecendo cando menos unha doenza de transmisión sexual. Tamén secuelas psicolóxicas como "trastorno por estrés postraumático", polas que actualmente continúa a tratamento.
Alén da prisión e da indemnización xa pagada, a Audiencia imponlle 10 anos de liberdade vixiada e 19 de prohibición de achegarse á vítima ou acudir nin residir no mesmo concello ca ela
Por todos estes feitos, o avogado de Ron -en prisión provisional dende que foi detido- e as acusacións pecharon un acordo no que o ex-deputado admitiu os feitos e é condenado a nove anos e seis meses de prisión por "delito continuado de agresión sexual a menor de 16 anos", pena na que o tribunal inclúe a atenuante de "proceder a reparar o dano ocasionado" antes do xuízo co pagamento anticipado dos 82.000 euros en concepto de responsabilidade civil.
Asemade, Ron ten prohibido residir ou acudir ao concello da vítima durante 19 anos e medio e, polo mesmo tempo, tamén ten vetado aproximarse ou comunicarse con ela. Adicionalmente a estas condenas, a Sala imponlle réxime de liberdade vixiada por 10 anos adicionais e inhabilitación especial para traballar en contacto "regular e directo" con menores por 15 anos
Ron foi membro da Cámara galega na lexislatura 2012-2016 como deputado de Alternativa Galega de Esquerda, a coalición que encabezaban Anova e Esquerda Unida. Previamente fora cabeza de cartel nas municipais de 2007 e 2011 en Santiago pola propia EU, que no momento da detención subliñara que xa daquela non mantiña vencello ningún coa formación.