O anuncio da contratación de máis docentes non frea as concentracións para reclamar "aulas seguras" coa COVID-19

Concentración na Coruña pola seguridade nas aulas coa pandemia da COVID-19 CC-BY-NC CIG-Ensino

As concentracións convocadas por CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF e apoiadas por Anpas Galegas, Confapa, Erquer e Anega levan a 25 localidades galegas a reivindicación da seguridade nas aulas coa pandemia

Docentes, alumnado e familias saíron á rúa este mércores en 25 municipios galegos para reclamar "unha volta segura" ás aulas coa pandemia da COVID-19. Os sindicatos CIG-Ensino, CCOO, STEG e CSIF, apoiados polas plataformas de pais e nais Anpas Galegas e Confapa, e polas organizacións do estudantado Erquer e Anega, convocaron estas concentracións no día no que tiña que ter comezado o curso na ESO, Bacharelato e FP. Unhas horas antes, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou a "incorporación inmediata" de 847 docentes "para poder aplicar as medidas de seguridade contra a COVID-19".

Concentración no centro de Vigo contra a xestión da Xunta do inicio do curso escolar CC-BY-NC Foanpas

A comunidade educativa clamou por un protocolo que garanta a seguridade e a saúde e que non discrimine por centros nin etapas educativas. "A día de hoxe en Infantil, Primaria e Educación especial segue sen garantirse a distancia mínima e a redución de ratios e, polo tanto, a posíbel carga viral nas aulas, como recomendan as autoridades sanitarias para diminuír o risco de contaxio", sinala a CIG-esino. Co curso comezado nas escolas, a aplicación EduCovid, designada pola Xunta de Galicia para a comunicación de contaxios de coronavirus no eido escolar tanto á Consellería de Educación como á de Sanidade, non está en funcionamento.

"Nestes momentos xa se pode ver como algún centro foi foco de contaxio e nin sequera neste aspecto está correctamente desenvolvido o protocolo da Xunta, cando levamos apenas catro días lectivos, con períodos de adaptación na etapa de Infantil e inicio gradual en Primaria e Educación especial e xa hai 29 casos segundo os datos da propia Consellería", sinalou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino na concentración da Coruña. 

A praza das Praterías de Santiago acolleu a mobilización por un curso escolar seguro pola pandemia da COVID-19 CC-BY-NC CIG-Ensino

Para este mércores estaba previsto o inicio do curso escolar para o alumando da ESO, Bacharelato e Formación Profesional. A data foi adiada pola Xunta para unha incoporación progresiva nos días 23, 24 e 25. Para ese primeiro día, o 23, mantense a convocatoria de folga porque os sindicatos do ensino consideran que siguen "sobrando motivos" xa que "as medidas de presión fixeron que a Consellería teña que rectificar e que agora se anuncie unha cifra moi superior de contratos á que previamente comunicara a finais do mes de agosto, pero moi por debaixo da petición de persoal que facían os centros".

"Con esta concentración na que están representados todos os membros da comunidade educativa, estamos a reclamar uniformidade nos criterios para que non exista discriminación entre centros nin entre etapas educativas á hora de garantir o ensino presencial, o único no que se mantén a calidade do ensino e da atención educativa, e cando menos o metro e medio de distanciamento físico que se amosou como a medida máis eficaz, xunto co uso de máscaras ou a ventilación dos espazos, para reducir o risco de contaxios", sostivo Suso Bermello. 

Concentración contra o protocolo da COVID-19 ditado pola Xunta para o curso escolar en Ourense CC-BY-NC CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.