Este mércores unha muller de Gondomar foi asasinada polo seu esposo. Soledad, de 59 anos, levaba anos sufrindo malos tratos por parte do seu home, que se intentou suicidar despois de cometer o asasinato. O movemento feminista galego convoca para este venres concentracións nas cidades e vilas galegas para denunciar este novo feminicidio e demandar a adopción de medidas para loitar contra a violencia machista e previr os asasinatos de mulleres. Unhas concentracións que chegan apenas unha semana despois do 25 de novembro, cando o feminismo volveu saír á rúa para lembrar que o problema da violencia machista seguía aí.
Trátase da terceira muller asasinada este ano en Galicia por parta da súa parella ou ex-parella, o que eleva a 64 a lista dende o ano 2003, segundo as estatísticas oficiais, que non recollen todos os feminicidios
Trátase da terceira muller asasinada este ano en Galicia por parta da súa parella ou ex-parella, o que eleva a 64 a lista dende o ano 2003, segundo as estatísticas oficiais do Goberno central. Soledad únese a Clara María Expósito, asasinada en Lugo en febreiro, e a Manuela Iglesias, asasinada na Pastoriza en xaneiro,
Dado que ata agora só se tiñan en conta os asasinatos nos que a muller mantivera algún tipo de relación sentimental co seu verdugo, un gran número de feminicidios (cando menos 20 en Galicia dende o 2010) non entran nesta conta. Por exemplo, este mes de agosto, Genoveva G.R. foi asasinada en Soutomaior polo seu irmán, que tamén matou a Noelia R.G., filla de Genoveva e a súa sobriña.
Convocatorias
A Coruña, 20h no Obelisco
A Estrada, 20h diante do Concello
A Gudiña, 20h diante da Casa do Concello
As Pontes, 20h na Praza do Hospital
Ames, 20h Praza da Maia (Bertamiráns)
Barreiros, 20h diante do concello
Cabanas, 19h diante do Concello
Carnota, 20h na Praza da Pedra
Catoira, 20 no adro de Catoira
Celanova, 20.30h na Praza Maior
Chantada, 20.30h na Praza do Cantón (Praza de España)
Compostela, 20h na Praza 8 de Marzo
Ferrol, 19h na Praza Amada García
Lalín, 20.30h Rúa Monte Faro (diante do casino)
Lugo, 20h diante do Concello
Miño, 20h na Praza do Parchís
Muros, 20h Praza do Concello
Noia, 20h diante do Concello
Ourense, 20h na Castañeira (Subdelegación do Goberno)
Outes, 20h diante do Concello
Pontevedra, 20h diante da Audiencia Provincial
Redondela, 18.30h diante do Concello
Sada, 20h na Praza da Peixaría
Val Miñor, 20h no cruce da Ramallosa
Verín, 20h Praza Maior
Vigo, 20.30h no MARCO
Vilaboa, 20h Casa da cultura Riomaior
Vilagarcía de Arousa, 20h na Praza de Galicia
Críticas ao tratamento mediático
Xornalistas Galegas criticaron a cobertura realizada por moitos medios, que incluíron elementos de culpabilización da vítima ou de desculpa do agresor
Ao igual que sucedeu noutras ocasións, foron varios os medios de comunicación que non cumpriron as recomendacións deontolóxicas na súa cobertura informativa deste asasinato machista. Así o denuncia o colectivo Xornalistas Galegas, que criticaron a ausencia de "perspectiva de xénero" en moitos medios, que nas súas crónicas chegaron a introducir elementos lenitivos do asasinato, utilizando "fontes que non achegan información e xustifican o agresor", en citas como "el era boa persoa, non sei que puido pasar".
Noutras ocasións, os medios lembran que non había denuncias previas por parte da muller ou "antecedentes por violencia de xénero", o que en parte supón unha culpabilización da vítima. De igual xeito, critícase a utilización de conceptos como "lacra machista", que "desvirtúan o carácter estrutural e normalizado da violencia contra as mulleres".
O pasado 25 de novembro Xornalistas Galegas rexistrou no Parlamento galego unha proposición non de lei de iniciativa popular que propón medidas para asegurar que os medios de comunicación cumpran as leis de igualdade e para a prevención da violencia de xénero nos contidos que publican.
O colectivo pide que se reforcen os mecanismos de control dos contidos dos medios e solicitan a aprobación dun regulamento sancionador e medidas coercitivas directas e, así mesmo, lembra a existencia de múltiples guías, decálogos e recomendacións, para un tratamento mediático correcto, como por exemplo a Declaración de Compostela impulsada hai máis de 15 anos polo Observatorio Galego de Medios e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o manual Medios de Comunicación e Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, a Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller do Colexio de Xornalistas de Galicia ou a guía do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.