O conflito non cesa en Verín: persoal do hospital mantén a batalla xudicial contra a xerencia tras o peche frustrado do paridoiro

Mobilización polo peche do paridoiro do hospital de Verín, nunha imaxe de arquivo previa á pandemia © XCG

Xinecólogos e matronas presentan un recurso contra o arquivo da denuncia contra a xerencia por, supostamente, ter atentado contra o seu honor

O conflito non cesa en Verín ano e medio despois da reapertura da sala de partos. O equipo de xinecoloxía do hospital comarcal da localidade e mais catro matronas veñen de presentar un recurso de apelación ao auto do xulgado que decretou o sobresemento e o arquivo das dilixencias logo da denuncia destes sete profesionais contra o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, por supostamente ter atentado contra o seu honor. 

Aludían, fundamentalmente, ás xustificacións que ambos deran o pasado 25 de novembro de 2019 nun acto público no hospital verinense da decisión de pechar a sala de partos, logo rectificada tras a presión de profesionais e da cidadanía. Rubial dubidara da "pericia" dos facultativos e das enfermeiras polo descenso no número de partos nas instalacións. O centro hospitalario de Verín rematou 2020 con 115 partos, a mellor cifra desde 2015 malia ter o paridoiro pechado durante xaneiro.

Persoal e pacientes do hospital de Verín protestan contra o peche da sala de partos do centro en novembro de 2019

Os tres xinecólogos e catro matronas presentaran unha denuncia contra o xerente pero tamén contra o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Ourense, José Luis Doval, por entender que cometeran un delito continuado de inxurias graves e con publicidade contra eles. 

Referíanse tamén a frases como aquela na que Doval advertía de que "a asistencia non era adecuada" no hospital de Verín ou na que Rubial, aquel día de novembro e entre a indignación dos profesionais e veciños presentes, advertira de que "a experiencia, con tan poucos partos como os de Verín, vaise perdendo". 

"As referidas manifestacións teñen un carácter obxectiva e claramente difamatorio, atentan contra a sona dos profesionais xinecólogos, matronas e pediatras que prestaban e prestan os seus servizos (...) e realizáronse cun temerario desprezo á verdade". Segundo fontes dos profesionais aludidos, a perigosidade para a saúde de nenos e xestantes á que, segundo eles, aludiron os denunciados foi aínda máis grave. 

"Non só constitúen un acto reprochable moralmente pola súa vileza, senón que menoscabaron a fama e o bo nome como profesionais do equipo que atende os partos de Verín, funcionarios públicos, encargados do paridoiro do hospital". A Fiscalía, no entanto, entendeu a finais do mes de xuño que as expresións non tiñan "a entidade esixida polo delito de inxurias para ser consideradas ilícito penal", o que levou á xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia número un de Verín a arquivar a causa. 

Mobilización ante o hospital de Verín contra o expediente contra o doutor Castrillo CC-BY-SA PSdeG

O xefe de Xinecoloxía e un dos líderes nas protestas contra o peche do paridoiro recorrerá tamén a sanción ante a Xustiza

No entanto, os profesionais deciden recorrer o sobresemento. "Sabían que era mentira o que dicían, pero beneficíabanse e publicitárono sen pudor", advirten fontes dos denunciantes, que manteñen a súa intención de recuperar o seu "honor", máis aínda logo de que o Sergas confirmase a sanción contra o Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía do hospital comarcal, un dos médicos que liderou a protesta contra o peche do paridoiro e que tamén recorrerá á Xustiza.  

Ademais, os profesionais de Verín lembran que continúan sen aparecer os supostos informes técnicos nos que a Consellería de Sanidade dixo basear a decisión de clausurar a atención aos partos e as urxencias pediátricas na localidade, xustificada pola Xunta con varias e contraditorias versións. A petición do servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do hospital comarcal para a entrega desa documentación aínda non foi atendida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.