O coronavirus segue freando con 7 diagnósticos novos en Galicia e dúas mortes máis

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O ritmo da pandemia do coronavirus en Galicia segue a frear a medida que tamén o fai na práctica totalidade do Estado. Os datos actualizados este 22 de maio polo Ministerio de Sanidade coa información que o Servizo Galego de Saúde lle transmite, mais non fai pública, indica que nas últimas vinte e catro horas foron detectados apenas sete casos novos da covid-19 no país mediante probas PCR. Mentres, o número de novos falecementos tamén está en niveis mínimos da pandemia, con dous máis para un total de 610.

Aos sete novos diagnósticos mediante probas PCR engádense 27 positivos en test de anticorpos

Este escaso incremento de novos positivos detectados mediante PCR implica que en ningún día da última semana Galicia sumou máis de dez novos diagnósticos nunha soa xornada. Mentres, a información do departamento estatal tamén reflicte outros 27 positivos máis en test de anticorpos, pero que non se corresponden necesariamente coas últimas vinte e catro horas nin con persoas que pasasen a enfermidade.

A estatística do Ministerio xa reflicte a revisión nos casos galegos efectuada durante os últimos días, que non é pública a través da Xunta porque non divulga unha serie histórica completa da pandemia en Galicia

Estes datos intégranse nunha serie histórica de evolución da pandemia na que o Ministerio de Sanidade reflicte xa os resultados da "revisión" de casos detectados mediante PCR anunciada a pasada semana pola Xunta, concretamente na xornada en que introduciu medio milleiro de "curacións" sen referencia temporal. Estas variacións non supoñen un incremento de casos, senón a súa redistribución no tempo, información que o Goberno galego transmite ao Estado, pero non fai pública.

Segundo indicara o Sergas posteriormente, a segunda gran distorsión nas cifras galegas dende o comezo da pandemia debíase á introdución dun "número importante de altas" que realmente eran dos días do "pico da pandemia" e mais a recuperacións de persoal sanitario que non foran computadas. O Ministerio xa advertira de que estas mudanzas ían supoñer unha reconfiguración da serie histórica da covid-19 referida a Galicia, que é a que xa está publicada por parte do departamento estatal e que o Goberno galego segue sen divulgar.

Os falecementos pola covid-19 en Galicia son xa 610 e as persoas que o Sergas reflicte como recuperadas superan as 9.600; o acumulado de persoas que deron positivo dende o inicio da pandemia chega ás 11.137 

Mentres o Ministerio dá a coñecer os devanditos datos de casos novos, xa recolocados por data na serie actualizada, na Xunta o indicador de referencia segue a ser o dos "positivos activos", divulgados a través dun comunicado ao día. Esa cifra baixa un día máis e chega este 22 de maio -con datos do día previo- aos 920; 70 menos que na xornada anterior e cos mencionados dous novos falecementos. Das 610 persoas que xa faleceron en Galicia a causa do virus, 271 vivían en residencias de maiores ou persoas dependentes.

Fronte a ese descenso de 70 positivos activos, a Consellería de Sanidade segue a informar dun maior número de persoas ás que dá por "curadas" tras pasar a covid-19. Son xa 9.607, o que supón un aumento de 102 con relación ao día anterior. Con independencia de que a referencia temporal difire polos devanditos motivos, o acumulado de persoas que deron positivo polo coronavirus en Galicia volve cadrar entre Xunta e Ministerio e chega este 22 de maio ás 11.137.

Esta nova evolución á baixa da pandemia en Galicia rexístrase tras unha xornada na que a Consellería de Sanidade reporta que procesou 1.524 probas PCR máis, chegando a un total de 131.948. Por terceira xornada consecutiva volven ser máis de mil nun día tras baixar dese limiar durante outros tres días durante a pasada fin de semana, algo que non sucedía dende o comezo da pandemia.

Catro novas hospitalizacións, unha menos no global

Aínda que os datos do Sergas non o especifican, a través do Ministerio é posible coñecer que nesta última xornada, Galicia rexistrou catro novas hospitalizacións a causa da covid-19. Mentres, o Sergas dá conta de que o número global de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus segue a baixar, nesta ocasión levemente: son 84, unha menos que un día antes. Un total de 12 están na UCI -no día previo eran 13- e en áreas ordinarias de hospitalización -en planta- son 72, como vinte e catro horas antes.

As recuperacións das que dá conta o Sergas concéntranse, daquela, nas persoas que estaban illadas nos seus domicilios tras daren positivo. Son agora 836 persoas as que se atopan nesta situación -un 7% menos que un día antes-, entre elas 100 residentes de centros de maiores e persoas dependentes (o día anterior eran 115).

Sen incremento de positivos activos en ningunha área sanitaria

Por áreas sanitarias, a única referencia seguen a ser os datos de "positivos activos" dos que dá conta a Xunta, toda vez que a información que o Estado ofrece a partir dos datos que lle remiten as comunidades non vai alén do nivel autonómico. A devandita redución de 70 positivos activos con relación á xornada anterior concéntrase especialmente na área sanitaria da Coruña-Cee, con 27 menos. Tamén experimentan reducións notables as áreas de Ourense (-19) e Pontevedra (-10). 

Ningunha delas rexistra un incremento de casos activos e só unha, a de Santiago, segue co mesmo número absoluto que na xornada previa. No que atinxe á incidencia -número de casos activos por cada 100.000 habitantes-, a maior segue estando na área de Ourense, se ben a súa cifra xa é practicamente idéntica á da área de Vigo e, tras os cambios no cómputo da pandemia introducidos nas últimas semanas, xa non destaca por riba da media galega. Durante varias semanas da pandemia, a incidencia en Ourense duplicou amplamente a das áreas máis poboadas do país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.