O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou este martes que España prohibirá o acceso ás redes sociais ás persoas menores de 16 anos, ademais de adoptará tamén varias medidas para aumentar o control das plataformas dixitais.
O Goberno de España aprobará a vindeira semana o veto de acceso aos menores de 16 anos ás plataformas dixitais, que deberán implantar sistemas efectivos de verificación de idade
Sánchez fixo este anuncio durante a súa intervención no Cumio Mundial de Gobernos que se está a celebrar en Dubai, onde advertiu da necesidade de garantir un espazo saudable nestes ámbitos dixitais. De aí que a vindeira semana o seu goberno aprobe ese veto de acceso aos menores de 16 anos ás redes sociais, obrigando ás plataformas dixitais a implementar sistemas efectivos de verificación da idade.
"Imos devolver as redes sociais a esa terra prometida que nunca deberan ter abandonado", dixo Sánchez, que advertiu de que estas plataformas "terán que implantar medidas de control efectivas" e que a intención do seu executivo é protexer os menores "contra este Salvaxe Oeste dixital". O Goberno de España únese así a medidas semellantes anunciadas por Australia, Francia ou Portugal.
O veto de acceso ás redes a esta rapazada vai incluído nun paquete de medidas que teñen como un dos seus obxectivos "pór fin á impunidade dos directivos para que sexan legalmente responsables das infraccións que se cometen nas plataformas dixitais das que son responsables. En definitiva, que estas compañías e os seus dirixentes se enfronten a unha "responsabilidade penal" no caso de non retirar "contidos de odio e ilegais".
Os directivos das plataformas enfrontaranse a unha responsabilidade penal no caso de non retirar contidos de odio e ilegais
Tamén se tipificará "como delito a manipulación dos algoritmos e a amplificación de contido ilegal" e crearase un "sistema de rastreo, cuantificación e trazabilidade que permita establecer" o que denominou como "unha pegada de odio e polarización", ademais de abordar xunto a Fiscalía "as vías para investigar as posibles infraccións legais de Grok, TikTok e Instagram". E farao, di, en defensa da soberanía dixital e apelando á "tolerancia certo" fronte a calquera forma de coerción.
Precisamente, este martes, a Fiscalía de París rexitrou as oficinas de X en Francia e convocou a Elon Musk para que declare por manipulación de algoritmos, nunha operación que intenta determinar se a plataforma favorece inxerencias estranxeiras.
Alén disto, Sánchez anunciou que España uniuse a outros cinco Estados europeos na Coalición dos Dispostos Dixitais para avanzar de xeito coordinado e eficaz na aplicación dunha regulación máis estrita, rápida e eficaz das plataformas dixitais.
Un debate de plena actualidade
O anuncio de Pedro Sánchez chega xusto nunha etapa na que cada vez é máis fondo o debate sobre o excesivo uso das redes sociais, especialmente por parte da xente máis nova, e as consecuencias que a constante conexión dixital crea.
Durante os últimos anos, numerosos estudos insisten en destacar que o uso excesivo do móbil empeora a saúde da rapazada e insisten no consenso científico para atrasar a súa chegada á cativada. Tamén advirten do uso problemático das redes sociais e a afectación á saúde mental ou sinalan que a idade media de entrega dun dispositivo aos máis pequenos rolda os 11 anos (10,9). Unha das últimas investigacións, e das máis amplas, advirte que falta de normas e límites no uso da tecnoloxía e o mal exemplo dos pais duplica as condutas de risco 'online' dos máis novos.
Así, grupos de nais e pais levan tempo organizándose en varias localidades para, en colectivo, adiar a entrega destes dispositivos aos seus fillos adolescentes e preadolescentes. Ao tempo, a Xunta ampliou o pasado ano a toda a xornada escolar (tamén no comedor, recreo, actividades extraescolares e na entrada e saída) a prohibición do uso dos móbiles nos institutos por parte do alumnado.
Varias entidades impulsan en Galicia a campaña global 'Off february' para "desconectarse das redes sociais dos 'smartphones' durante os 28 días de febreiro"
Precisamente, este mesmo martes, Adolescencia Libre de Móbiles, Ecoloxistas en Acción e Escola Saudable anunciaron o inicio da campaña global Off february, que impulsan e na que colaboran. Conta coa adhesión, entre outras, de numerosas sociedades científicas do eido da saúde e de numerosas organizacións "críticas coa disruptiva hiperdixitalización, especialmente cando se fai precozmente nos menores sen atender as súas afectacións na saúde, a aprendizaxe e o desenvolvemento".
Son máis de 50 entidades a nivel mundial as que convidan a sumarse ao reto de "desconectarse das redes sociais dos smartphones durante os 28 días de febreiro". Unha campaña de concienciación global lanzada polo Movemento Off ante "unha hiperconexión cotidiá que nos rouba o tempo e a atención e desconéctanos dunha vida relacional real e en comunidade".
"Non se trata de fuxir do mundo, senón de reconectar con el e de aprender a facer un uso máis intencional e sobrio da tecnoloxía, sempre que se teña unha idade madurativa suficiente para iso, como se recomenda desde a pediatría", din os impulsores da campaña en Galicia, que teñen programadas diferentes actividades na cidade de Vigo.