O Porto de Vigo inicia o trámite para reparar o paseo afundido no accidente do Marisquiño hai tres anos

Parte do paseo derrubado durante O Marisquiño en Vigo © 112-Galicia

A Autoridade Portuaria de Vigo destinará case 3 millóns de euros á reparación da plataforma derrubada durante un concerto causando 467 feridos

A noite do domingo 12 de agosto de 2018 pode revivirse en Vigo tres anos despois porque o paseo de As Avenidas, que se afundiu durante un concerto programado polo festival O Marisquiño deixando 467 feridos, mantén o mesmo aspecto. A disputa entre o Concello e o Porto pola responsabilidade do mantemento desa dársena, que se dirimirá no xulgado, provocou que non se reparase a parte afundida do peirao, cuxo estado empeorou cun novo derrubamento o ano pasado.

Porén, o mal estado do paseo de As Avenidas ten agora unha data de caducidade. A Autoridade Portuaria de Vigo informou este venres ao seu Consello de Administración, ao que pertence o alcalde da cidade, da licitación dun paquete de obras entre as que se atopa a mellora da zona de As Avenidas que transcorre paralela á rúa Montero Ríos e o reforzo do firme afectado polo sinistro de hai tres anos.

O treito afundido da pasarela na noite do accidente en 2018 CC-BY-SA Jacobo Pérez

O presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, non achegou detalles técnicos das obras, mais explicou que para a renovación das lousas de As Avenidas destinaranse 2,1 millóns de euros e para reforzar o taboleiro do peirao afundido haberá un investimento de 2,99 millóns de euros. Ademais, a entidade destinará 1,79 millóns á mellora da Avenida Beiramar que incluirá un novo carril para bicicletas.

O Porto de Vigo aspira a ter as obras rematas para o verán de 2021

O prazo para a presentación de ofertas aínda non rematou e López Veiga avanzou que o Porto conta con 66 ofertas para estas obras ata o de agora. O titular da Autoridade Portuaria trasladou a súa intención de acelerar a adxudicación das obras para antes de que remate o mes de novembro, e que os traballos poidan comezar cara ao mes de decembro, co horizonte de ter todo rematado en xullo de 2021.

Tres anos despois do accidente no festival O Marisquiño de Vigo non hai conclusións da comisión parlamentar aberta por iniciativa de En Marea e o BNG no Parlamento de Galicia na lexislatura pasada e o caso sobre os motivos do sinistro permanece no xulgado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.