O reinicio das obras en San Pedro de Rocas, investigadas pola Fiscalía, destrúe muros e camiños históricos

Acción das escavadoras no espazo protexido de San Pedro de Rocas © Emerxencia Cultural Ourense

O reinicio das obras fíxose en pleno mes de agosto e sen que se coñeza aínda a resolución das dilixencias abertas pola Fiscalía contra o ente provincial e mais a Xunta

Dende hai dúas semanas as obras de ampliación dunha entrada no espazo protexido de San Pedro de Rocas están a producir importantes danos, irreparables en moitos casos, no patrimonio deste Ben de Interese Cultural. O inicio dos traballos, no mes de marzo, que espertaron unha importante mobilización social na súa contra, tivo lugar sen que a Deputación de Ourense agardara á decisión xudicial sobre as denuncias presentadas contra esta actuación. Nesta ocasión, o reinicio das obras fíxose en pleno mes de agosto e sen que se coñeza aínda a resolución das dilixencias abertas pola Fiscalía contra o ente provincial e mais a Xunta.

Os colectivos que defenden a integridade do espazo BIC de San Pedro de Rocas, como SOS Ourense, Emerxencial Cultural, Fundación San Pedro de Rocas ou Amigas das Árbores denuncian que a acción das escavadoras nestes últimos días destruíu muros e camiños históricos, ademais de afectar a espazos aínda non estudados arqueoloxicamente e de tallar un gran número de árbores de gran valor, tamén protexidas pola declaración BIC.

Danos provocados polas obras en San Pedro de Rocas © Ribeira Sacra denuncia

"Trala demolición íntegra do muro histórico do camiño co emprego das excavadoras, emerxía unha estrutura construtiva arqueolóxica baixo a terra"

"Trala demolición íntegra do muro histórico do camiño co emprego das excavadoras, emerxía en chan arqueolóxico e formando parte da estratigrafía do chan unha estructura construtiva arqueolóxica baixo a terra, segundo fontes da Fundación, anterior ao muro demolido e anterior ao ben catalogado Casa da Coutada, e probablemente relacionado co que había antes desta edificación e pertencente ao mosteiro", sinalaban.

"Esta nova estrutura, de importantes dimensións, aínda máis antiga que o muro, ilegalmente demolido, foi danada pola acción da escavadora", salienta, ao tempo que apunta que "en calquera outra obra, ante esta situación, a obra teríase que parar de inmediato por orde do equipo de arqueoloxía", acusando de "permisividade ante tanta destrución" á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

A Casa da Coutada, o espazo máis afectado polas obras realizadas nos últimos días, ten uns 200 anos de antigüidade e trátade dun ben catalogado coa súa área de protección. Esta protección inclúe un gran número elementos (hórreo, cruceiro, lavadoiro, patio, ciprés e baño en pedra), ademais dos muros construídos e arqueolóxicos, agora destruídos.

As concentracións convocadas a pasada semana non foron quen de deter as obras © Emerxencia Cultural Ourense

Unhas obras para beneficiar un turismo "mal entendido, non respectuoso co lugar, invasivo e masivo"

"Séculos de historia de pedra e natureza, que sempre conviviron co territorio e coas persoas que aquí habitan, foron e están sendo obxecto de destrución"

De igual xeito, a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra denuncia nun comunicado o "atentado contra o Patrimonio da Ribeira Sacra" que supoñen as obras que se están a levar a cabo con maquinaria pesada. "Séculos de historia de pedra e natureza, que sempre conviviron co territorio e coas persoas que aquí habitan, foron e están sendo obxecto de destrución", destaca a entdiade, ao tempo que lembra "a investigación aberta pola xustiza" contra estas actuacións. Neste senso a Federación pregúntase "que tipo de protección existe para os elementos catalogados como BIC na Ribeira Sacra ante unha actuación que atenta de maneira directa, evidente e notoria contra o patrimonio histórico xusto na cuna mesma da Ribeira Sacra?

A Federación entende que a obra de ampliación da estrada non é necesaria e que busca unicamente beneficiar un turismo "mal entendido", un turismo "non respectuoso co lugar, invasivo e masivo"

A Federación entende que a obra de ampliación da estrada non é necesaria e que busca unicamente beneficiar un turismo "mal entendido", un turismo "non respectuoso co lugar, invasivo e masivo". A entidade chama a atención, finalmente, contra a contradición existente entre as denuncias recibidas por particulares "por realizar obras sobre muros en pedra seca en fincas da súa propiedade" ou apertura de expedientes "por cavar viñas na ribeira que son particulares e dedicadas á produción do viño dende tempos remotos". E, pola contra, engaden, "observamos como acotío existen actuacións de grandes dimensións que son permitidas polas Administración, como sucede en San Pedro de Rocas ou en zonas de Rede Natura en que se producen grandes talas de bosque ribeirao".

Danos provocados polas obras en San Pedro de Rocas © SOS Ourense

O presidente da Fundación San Pedro de Rocas, denunciado

Durante as mobilizacións que nos últimos días se produciron no lugar para tentar, sen conseguilo, deter as obras e a destrución patrimonial que se estaba a producir, que o presidente da Fundación San Pedro de Rocas foi denunciado e "posto a disposición xudicial". Entidades como SOS Ourense chaman á cidadanía a manter a mobilización para evitar "a desfeita que a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia pretende consumar en pleno Coto do Mosteiro". 

SOS Ourense chaman á cidadanía a mobilizarse para evitar "a desfeita que a Deputación e a Xunta pretende consumar en pleno Coto do Mosteiro". 

"En plena onda de calor, nun contexto de crise climática, non podemos continuar caladas mentres se atenta contra o patrimonio e o medio ambiente, e menos aínda cando, quen o fai, en nome dun concepto obsoleto de 'progreso', é quen precisamente debería estar aí velando para que o noso medio e o noso patrimonio chegue aos nosos herdeiros, cando menos, como chegou a nós, sinala a entidade.

As concentracións convocadas a pasada semana non foron quen de deter as obras © SOS Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.