O Sergas chega á súa fase máis crítica na pandemia pola explosión de casos da COVID tras as semanas das festas

Cribado da COVID en Forcarei o 21 de xaneiro de 2021 CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Forcarei | Montaxe: Praza Pública

Chegou o día. Ás seis da tarde do pasado domingo, 25 de xaneiro, o Servizo Galego de Saúde rexistraba un total de 1.154 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19. Por primeira vez, máis que no pico de hospitalización da primeira vaga da pandemia -concretamente, 47 ingresos máis- ao ter 88 camas ocupadas máis que un día antes e 415 máis que á mesma hora do meso día da semana anterior.

Galicia supera por primeira vez o pico de hospitalización da primeira vaga da pandemia e chega aos 1.154 ingresos, 47 máis que no máximo de abril e 415 máis que hai sete días

O freo do ritmo de incremento a unha semana vista é, polo momento, a única e minúscula concesión a unha posible mellora que permiten facer os datos publicados pola Consellería de Sanidade este 25 de xaneiro. Medra a hospitalización ordinaria de persoas co coronavirus, con 993 camas (+77 nun día) e tamén aumentan os pacientes na UCI con test positivo do coronavirus, que xa son 161 (+11), só 16 menos que no momento de máxima ocupación das unidades de coidados intensivos na primeira vaga.

O sistema hospitalario está tan sobrecargado como na primeira vaga, pero o conxunto do sistema sanitario estao máis que daquela. Un factor positivo, como é a maior capacidade diagnóstica, deriva no afloramento dun número moito maior de positivos por coronavirus e, daquela, dun maior esforzo no seu seguimento e control. Boa mostra disto é que os casos positivos activos chegan este luns aos 19.768. No pico de hospitalización da primeira vaga, o 6 de abril de 2020, eran 5.342 nun momento no que, segundo os posteriores estudos epidemiolóxicos, eran detectados apenas un terzo do total de casos existentes.

O Sergas rexistra 1.402 novos casos, máis de mil por décimo terceira xornada consecutiva, pero a cifra menos avultada dos últimos días

Dada a fortísima presión da pandemia sobre o sistema sanitario, o lixeirísimo acougo dalgúns dos demais datos de evolución da COVID pasan a segundo plano. O Servizo Galego de Saúde engade este luns aos seus rexistros 1.402 novos casos, os detectados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo (1.234, diagnósticos mediante PCR). É a décimo terceira xornada consecutiva por riba dos mil novos positivos, pero tamén é a cifra menos elevada das últimas seis xornadas.

En termos de días naturais (das cero ás 23:59), os datos do último completo dispoñible -o sábado, 23- son tamén menos avultados que os dos días previos: tras sumar máis de 1.800 novos casos do mércores ao venres, o sábado foron algo máis de 1.400. Neste contexto, a media de diagnósticos por PCR a 7 días segue á alza, pero a súa curva dobra un chisco e rolda os 1.232.

Sanidade computa unha media superior ás doce mortes diarias de persoas coa COVID na última semana e o total chega a 1.622

Dada a maior capacidade diagnóstica, estas cifras de casos novos non son comparables coas da primeira vaga -si o son coa segunda-. Si son máis equiparables as magnitudes de hospitalización e tamén as de falecementos de persoas que foran diagnosticadas do coronavirus. E esta segunda variable, a dos falecementos, tamén transita polos seus máximos niveis dos últimos meses, aínda que lonxe dos números acadados en marzo ou abril de 2020.

O rexistro oficial de Sanidade computa este luns 14 mortes máis que elevan o total a 1.622. Tres destes falecementos son das últimas vinte e catro horas e os restantes, de días previos. Galicia segue rexistrando unha media superior ás 12 mortes diarias de persoas coa COVID na última semana, na que destacan os 19 falecementos rexistrados o mércores, día 20, e os 18 anotados no venres, día 22 [consulta aquí a serie completa de datos].

Lixeiros alivios no aumento da incidencia que non son dabondo

Os concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas son cada día máis excepcionais e quedan en 19

O gran número de novos casos detectados dende as semanas das festas (dende o 1 de xaneiro son xa case 25.000) mantén as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) en niveis inéditos en Galicia tanto a 7 como a 14 días. Ambos indicadores presentan nas últimas xornadas lixeiros alivios no seu incremento que, en calquera caso, aínda non son dabondo para regresar, cando menos, a niveis como os previos ao Nadal.

A incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia segue trazando unha liña pronunciadamente ascendente e rolda os 674 casos por cada cen mil habitantes, pero tres áreas sanitarias (A Coruña-Cee, Ourense e Ferrol) superan os 800. A nivel municipal, como amosa o mapa baixo estas liñas, os concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas son cada día máis excepcionais -en novembro e decembro chegaran a roldar os cen e e este luns son xa 19- e os que superan os 500 casos novos por cen mil habitantes en dúas semanas son máis de 160.

Nas principais cidades, os ascensos na incidencia acumulada seguen sendo xeneralizados agás en Ferrol, que nos últimos tres días semella dirixirse a un cambio de tendencia ou, cando menos, a un acougo que este luns perde Santiago, onde a incidencia levaba varios días moderando o seu incremento. Ourense e A Coruña cruzaron xa o limiar dos 800 casos por cen mil habitantes a 14 días e Lugo, que conserva a menor incidencia acumulada da Galicia urbana, supera os 300 por primeira vez dende finais de novembro.

Algunhas luces ao fondo, pero cun longo camiño por diante

Dado o contexto xeral, con todos os indicadores dinamitando cadanseus niveis máximos, polo momento resulta arriscado realizar prognósticos de mellorías claras, descartables a curto prazo. No entanto, a comparación das incidencias acumuladas a 7 e 14 días cos datos da semana previa si permiten albiscar que o ritmo de incremento de ambos indicadores comeza a moderarse.

O ritmo de incremento das incidencias a 7 e 14 días modérase, pero ambos indicadores aínda están lonxe de indicar que a COVID remite no país

A denominada razón de taxas (a incidencia acumulada dun día dividida entre a doutra xornada, coa que se desexe comparar) a unha semana vista vén indicando, nas últimas xornadas, que tanto a incidencia acumulada a 7 como a 14 días perden ritmo de incremento. Se ollamos á súa evolución, o pico do incremento da incidencia a sete días sitúase arredor do 13 de xaneiro e a catorce días, uns catro días despois.

Este lixeirísimo acougo non quere dicir, non obstante, que a COVID estea xa a remitir. Iso sucederá, como amosa o gráfico baixo estas liñas, cando ambos indicadores estean por baixo de 1. Iso non acontece en Galicia dende mediados de decembro, isto é, cando o Sergas comezou a rexistrar o incremento de casos posterior á ponte da Constitución, nas semanas das primeiras e significativas relaxacións de medidas restritivas.

A positividade media segue estancada arredor do 10% coa maior cifra de PCR ao día dende o inicio da pandemia

Neste contexto xeral, outro indicador relevante tamén fala de certo freo no empeoramento -que non é o mesmo que melloría-. Tras a semana con máis probas PCR procesadas de toda a pandemia (unha media superior aos 10.900 test ao día e cinco xornadas seguidas con máis de 12.000 PCR en vinte e catro horas) e nun contexto marcado pola realización de cribados masivos, a positividade media a sete días -porcentaxe de test que dan positivo- permanece estable un chisco por riba do 10%, mesmo trazando minúsculas baixadas. 

Dúas áreas sanitarias, ademais, logran baixar nos últimos días dunha positividade media do 10%. Cómpre ter en conta, en calquera caso, que a Organización Mundial da Saúde non considera controlada a pandemia nun territorio determinado ata que a positividade das probas PCR non baixa do 5%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.