O Sergas mantén pechados pubs e discotecas na Mariña e suma 22 novos positivos da COVID-19 no resto de Galicia

O conselleiro de Sanidade en funcións, flanqueado polo xerente do Sergas (dereita) e o director de Saúde Pública, na rolda de prensa onde informaron sobre as medidas da Mariña CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

O brote de coronavirus da Mariña, o máis relevante dos coñecidos en Galicia dende a fin do estado de alarma, leva tres días estable. Segundo o Servizo Galego de Saúde, non rexistra novos positivos dende o pasado día 26 malia seguir realizando PCR a contactos de pacientes que deron positivo -73 destas probas nas últimas vinte e catro horas-. O total acumulado de persoas afectadas polo brote seguiría sendo de 259, con cando menos 209 xa de alta e 44 casos "activos" -as 6 que faltan, admitiu a Xunta, foron computadas noutras áreas sanitarias porque non residen na Mariña-.

Comercio e hostalería recuperan o seu horario habitual na Mariña, pero o Sergas mantén o peche do lecer nocturno e as restricións das agrupacións de persoas ata un máximo de 10

Con estas cifras sobre a mesa, Sanidade anunciaba este mércores que, dende este xoves día 30, os catorce concellos do distrito sanitario mariñao entrarán nunha nova fase do seu desconfinamento. Tras o levantamento das restricións de mobilidade, agora a capacidade e horario dos locais comerciais e hostaleiros ou as normas para viaxar en calquera vehículo volven ser as mesmas que no resto de Galicia. Non así o lecer nocturno: pubs e discotecas seguirán sen poder abrir, ao contrario que en todos os demais concellos do país, e seguirán estando prohibidas as reunións de máis de 10 persoas.

As áreas sanitarias admiten a existencia doutros brotes de menor dimensión, como os de Vigo ou Arzúa

O brote da Mariña apunta á súa remisión mentres, non obstante, agroman outros noutros puntos do país, polo momento de menor dimensión. As distintas áreas sanitarias -non así o Sergas nos seus comunicados xerais para toda Galicia- apuntan, por exemplo, á existencia de brotes nunha familia da área sanitaria de Vigo -onde xa sería o cuarto- ou noutra de Arzúa, na área de Santiago. 

Segundo indicou o conselleiro de Sanidade en funcións na rolda de prensa para dar conta das medidas da Mariña, o Sergas estima que máis da metade dos novos casos rexistrados son "importados". É o caso do 60% do total, afirmou Jesús Vázquez Almuíña, mentres o seu departamento segue sen ofrecer directamente as cifras de novos casos detectados.

A media de casos diarios nos últimos sete días segue a aumentar (agora chega a 30), pero a dos últimos tres días xa baixa (agora está en 21)

A ausencia dunha serie pública do Sergas sobre a evolución da pandemia en Galicia e a inexistencia de información directa da Xunta sobre casos novos segue dificultando a observación da pandemia nun contexto no que, non obstante, si é posible calcular os positivos que Sanidade suma ao seu cómputo cada día. Así, este mércores a Consellería indicou que os "positivos activos" seguen a subir e agora son 7 máis -ata chegar a 249- mentres que as "curacións" aumentan en 15, ascendendo ás 11.251. 

Daquela, o total de novos casos son 22, catro máis que no día previo. Deste xeito, a media de novos casos diarios nos últimos sete días tende a aumentar (de 15 o pasado día 23 a 27 este día 30), mentres a media dos últimos tres días xa tende a baixar (o sábado 25 eran 32 e este mércores quedan en 21).

Os brotes, daquela, seguen alterando a situación xeral da pandemia en Galicia, que en calquera caso segue lonxe da do pasado marzo. Isto sucede non só porque os casos novos de cada día son moitos menos -chegaron a rexistrarse máis de 400 diarios o pasado marzo, no que ata agora foi o pico da pandemia-, senón tamén porque agora son detectadas un maior número de persoas sen síntomas. Outra diferenza esencial ten que ver cos falecementos: non se rexistra ningún ligado á COVID-19 dende o 11 de xuño, polo que o total segue sendo de 619 persoas.

A tendencia á alza de "positivos activos" máis pronunciada nos últimos días é a da área sanitaria da Coruña, afectada por brotes como o importado polo Fuenlabrada

A existencia de brotes tamén se percibe no número de "positivos activos" por áreas sanitarias. A da Coruña, afectada nas últimas semanas polo brote importado polo club de fútbol Fuenlabrada, mais tamén por outros como o rexistrado en Betanzos, segue aumentando este indicador e agora chega a 71, 8 máis. 

Nas áreas de Vigo e Santiago tamén se rexistran aumentos (+3 e +1) e a de Ferrol, tras dez días sen ningún, rexistra un localizado en Cedeira, segundo informou o Concello da localidade -a Xunta segue sen ofrecer datos municipais ou comarcais-. Mentres, nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense, os "positivos activos" descenden en 5 e 1 casos, respectivamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.