O sistema educativo galego, con "limitacións estruturais" para combater a exclusión social

© Igaxes

A Fundación Trébol e IGAXES alertan de "disfuncións estruturais que teñen que ver coa fragmentación institucional, coa falta de estabilidade, coa carga burocrática excesiva e cunha concepción restritiva do que se entende por éxito educativo"

As dificultades do sistema educativo galego para garantir o éxito escolar do alumnado en risco de exclusión social non poden explicarse como fallos individuais nin como déficits puntuais. Trátase de disfuncións estruturais que teñen que ver coa fragmentación institucional, coa falta de estabilidade, coa carga burocrática excesiva e cunha concepción restritiva do que se entende por éxito educativo.

Así o destacan a Fundación Trébol e IGAXES, que veñen de presentar o informe Escoitar para transformar: sistema educativo, exclusión social e éxito escolar en Galicia, un documento que recolleu as visións de profesionais da educación, da orientación educativa, da universidade, da inspección e de familias sobre os retos que afronta o sistema educativo galego. 

O documento "non pretende ofrecer receitas pechadas, senón contribuír a unha reflexión compartida sobre o futuro da educación en Galicia e sobre a necesidade de reforzar os recursos e estruturas que sosteñen o sistema educativo", destacan as dúas entidades.

O estudo foi desenvolvido ao longo do ano 2024 a través da realización de grupos focais e dun proceso posterior de validación con persoas expertas. © Igaxes

Reclámase desbotar as lecturas "que sitúan o problema unicamente no alumnado, nas familias ou no profesorado" e en cambio pide analizar "cuestións que afectan ao funcionamento global do sistema"

O estudo foi desenvolvido ao longo do ano 2024 a través da realización de grupos focais e dun proceso posterior de validación con persoas expertas. Nas súas conclusións, o documento pon o foco na "necesidade de avanzar cara a unha educación máis coordinada, máis flexible e con maior capacidade para acompañar realidades sociais cada vez máis complexas".

As reflexións presentadas "non responden a opinións illadas nin a percepcións anecdóticas, senón a consensos  compartidos arredor dos límites actuais do modelo educativo e das condicións necesarias para avanzar cara a unha educación máis xusta", alertan.

“As aulas cambiaron moito nos últimos anos e os centros educativos están asumindo situacións sociais e emocionais cada vez máis complexas. O informe intenta escoitar esa realidade e abrir un debate construtivo sobre como acompañala mellor”, explican

Reclámase desbotar as lecturas "que sitúan o problema unicamente no alumnado, nas familias ou no profesorado" e en cambio pide analizar "cuestións que afectan ao funcionamento global do sistema: a fragmentación entre servizos, a burocracia crecente, a dificultade para consolidar equipos estables ou a falta de espazos reais de coordinación entre educación, servizos sociais e outros recursos comunitarios".

“As aulas cambiaron moito nos últimos anos e os centros educativos están asumindo situacións sociais e emocionais cada vez máis complexas. O informe intenta escoitar esa realidade e abrir un debate construtivo sobre como acompañala mellor”, explican desde as entidades impulsoras.

Actividade de Igaxes © Igaxes

Ao longo do informe aparecen tamén destacadas experiencias positivas que están a funcionar en distintos contextos: o acompañamento sostido, o traballo en rede, a coordinación entre profesionais ou a flexibilidade á hora de adaptar intervencións ás necesidades

O traballo tamén cuestiona que o éxito escolar continúe medíndose case exclusivamente a través das notas ou das titulacións. As persoas participantes na investigación coinciden en sinalar a importancia doutras cuestións "como o benestar emocional, a estabilidade, o vínculo co centro educativo ou o sentimento de pertenza".

Ao longo do informe aparecen tamén destacadas experiencias positivas que están a funcionar en distintos contextos: o acompañamento sostido, o traballo en rede, a coordinación entre profesionais ou a flexibilidade á hora de adaptar intervencións ás necesidades reais do alumnado.

"A educación non pode asumir en solitario a responsabilidade de compensar as desigualdades sociais, pero tampouco pode desentenderse", din

"A educación non pode asumir en solitario a responsabilidade de compensar as desigualdades sociais, pero tampouco pode desentenderse. Garantir o dereito á educación en igualdade de condicións require vontade política, investimento sostido e unha aposta pola corresponsabilidade institucional e comunitaria", destácase no documento.

O informe conclúe cunha serie de propostas orientadas a mellorar a coordinación institucional, reducir a carga burocrática, reforzar os perfís socioeducativos e avanzar cara a modelos máis preventivos e comunitarios. “Falar de educación tamén é falar de coidados, de igualdade de oportunidades e de como unha sociedade acompaña á súa infancia e adolescencia. Ese é o debate que queremos abrir”, conclúen ambas as dúas entidades nas súas conclusións.

"A educación non pode asumir en solitario a responsabilidade de compensar as desigualdades sociais, pero tampouco pode desentenderse", din © Igaxes

"Garantir o dereito á educación en igualdade de condicións require vontade política, investimento sostido e unha aposta pola corresponsabilidade institucional e comunitaria", destácase no documento

5 recomendacións

1- Ampliar a definición oficial de éxito escolar: Incorporar dimensións como o benestar emocional, a integración social, a convivencia, a autonomía persoal e a percepción de apoio, facilitaría intervencións máis temperás e eficaces, especialmente co alumnado en situación de vulnerabilidade.

2- Crear estruturas estables de coordinación: A coordinación entre servizos sociais educación, sanidade, e terceiro sector non debe depender do voluntarismo profesional. É necesario avanzar cara á creación de estruturas estables, recoñecidas institucionalmente, con tempos, roles e canles de comunicación definidos.

3- Garantir estabilidade nos equipos profesionais: Resulta fundamental reducir a rotación, garantir a permanencia das e dos profesionais nos centros e facer estables os programas para alumnado vulnerable.

4- Reducir a carga burocrática e aumentar a flexibilidade: A simplificación administrativa e a flexibilización dos procedementos son unha condición necesaria para liberar tempo e recursos profesionais ao servizo do educativo, facilitando o traballo diario e a planificación.

5- Reforzar o enfoque comunitario e o papel do terceiro sector: A aposta polo territorio e polo traballo en rede contribúe a xerar contornos protectores para o desenvolvemento das traxectorias educativas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.