O sobreenvellecemento cae por primeira vez dende 1977 en Galicia ao computar os nados ao inicio do golpe franquista

Veciñanza de Sobrado dos Monxes realiza o saúdo fascista ao paso dunha comitiva do ditador en 1938 CC-BY-NC-SA BNE

Galicia é un país envellecido e que tende a selo máis. Fundamentalmente, polo espectacular incremento da esperanza de vida nas últimas décadas, fenómeno que en termos de indicadores demográficos acrecenta o seu impacto pola escaseza de nacementos, só compensada nos últimos tempos co aumento da poboación inmigrante.

A porcentaxe de poboación de 85 ou máis anos sobre o total da que ten 65 ou máis diminúe polo efecto na estatística da caída de nacementos en 1937e queda no 19,61%

Un dos indicadores que miden ata que punto está envellecida a poboación -e que serven, por exemplo, para tomar decisións políticas en materia sanitaria ou de atención á dependencia- é o índice de sobreenvellecemento. Isto é, a porcentaxe de poboación que ten 85 ou máis anos cumpridos dentro do total de habitantes que teñen 65 ou máis anos de idade. Este indicador levaba 45 anos medrando sen parar en Galicia, pero vén de frear. E a causa hai que buscala nos estragos poboacionais derivados do golpe de Estado de 1936.

Se no ano 2022 o índice de sobreenvellecemento da poboación galega estaba no 19,94%, o indicador quedou en 2023 no 19,61%. Entre as mulleres pasou o 23,14% ao 22,77% e entre os homes, dun 15,67% a un 15,41%. Son diminucións dunhas décimas, pero significativas por seren inéditas en case cinco décadas.

Como explica o IGE, "cómpre salientar" que a deste ano é a "primeira diminución no valor deste indicador dende 1977". A explicación, agrega, é "a entrada no grupo de poboación de estudo dos nacidos durante o ano 1937", isto é, da poboación que a 1 de xaneiro de 2023 xa fixera 85 anos. Trátase dunha "cohorte menos numerosa que as nacidas en anos anteriores", de aí a diminución.

O 1937 foi o primeiro ano completo tras o golpe de Estado fascista contra a II República. E, polo tanto, o inicio dun enorme retroceso en todos os ámbitos da vida, tamén no demográfico, en consonancia co clima de terror, asasinatos, prendementos -especialmente de poboación que, por idade, era susceptible de ter fillos- e fame. Abonda observar as estatísticas históricas do INE, por exemplo, para observar como foi preciso agardar ata 1943 para que a natalidade comezase a remontar cun efecto rebote que durou case unha década.

Dependencia á alza

Os datos actualizados polo IGE tamén revisan outros indicadores ligados ao envellecemento, como o índice de dependencia global. Isto é, a medición da poboación potencialmente dependente sobre o total de habitantes: menores de 15 e maiores de 64 fronte ao resto.

A poboación potencialmente dependente equivale agora ao 59,96% dos habitantes en "idade potencialmente activa"

Neste caso, o efecto estatístico do indicador de sobreenvellecemento non se traslada e o índice de dependencia global segue aumentando, tal e como o vén facendo dende 2010. Concretamente, a poboación potencialmente dependente equivale agora ao 59,96% dos habitantes en "idade potencialmente activa". Son catorce décimas máis que un ano antes.

A maior esperanza de vida das mulleres fai que o seu índice de dependencia global sexa tamén maior, ao pasar do 64,8% ao 64,9%. Entre os homes tamén aumenta, neste caso do 54,79% ao 54,96%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.