O TSXG condena a Seguridade Social a manter a alta dunha muller embarazada á que acusou de fraude

Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo CC-BY Ömürden Cengiz / Unsplash

A traballadora rematou unha excedencia de coidado de menor e foi chamada pola empresa na que estaba contratada como fixa-descontinua cando se atopaba de baixa e embarazada. A Inspección considerou o chamamento un intento de "simulación da relación laboral" e anulou a alta

Unha muller levaba dende 2009 traballando para unha Denominación de Orixe da provincia de Lugo con sucesivos contratos de "obra e servizo". Dende 2019 fíxoo como traballadora indefinida na modalidade fixo-descontinua, por nove meses ao ano. En marzo de 2021 foi nai e ata o mesmo mes de 2024 estivo de excedencia por coidado de menor, cuxo remate ratificou á empresa en vésperas de que se producise.

En maio dese 2024  a empresa realizou chamamento á traballadora para se incorporar ao seu posto fixo-descontinuo. Nese momento, explica unha sentenza ditada o pasado xuño e agora publicada polo Tribunal Superior de Xustiza, a muller estaba en incapacidade temporal -de baixa laboral- e embarazada, do cal informou á Denominación de Orixe, especificando que "aceptaba o chamamento, pero que se incorporaría cando finalizase" a baixa. Apenas un mes despois foi ingresada de urxencia "para a realización dunha cesárea antes da data prevista de parto".

Fragmentos da condena do TSXG á Seguridade Social por dar de baixa unha traballadora embarazada acusándoa de fraude CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nese chamamento, coa consecuente alta, a Inspección de Traballo da Seguridade Social viu "indicios" dunha "simulación da relación laboral", un intento de fraude para "acceder a unha prestación por nacemento e coidado de fillo" -a prestación por maternidade- "en maior contía á que lle correspondería", e deuna de baixa na cotización. Pero o Tribunal Superior ve no acontecido un estrito "cumprimento da legalidade", un chamamento "plenamente coherente coa finalización dunha excedencia" que ademais evita "unha discriminación cara á traballadora".

O alto tribunal galego reverte a decisión para "evitar unha discriminación sexista directa": "Considerar que o embarazo pode supoñer un indicio de fraude resulta inadmisible", afirma ao tempo que constata que a empresa "cumpriu coa súa obriga"

"Resulta, dende unha perspectiva xurídico-constitucional e de respecto dos principios do ordenamento laboral vixente, inadmisible que o estado de xestación dunha muller poida converterse nun obstáculo para o acceso ou mantemento dunha relación laboral válida", advirte a Sala. Se a empresa non chamase á traballadora unha vez rematada a excedencia estaría incumprindo o contrato. Desta maneira, "dar de alta á traballadora non é un indicio de fraude, senón evidencia de que a empresa estaba tentando cumprir coas súas obrigas".

Máis aínda, abonda a sentenza, "considerar que o embarazo da traballadora pode supoñer un indicio de fraude resulta inadmisible" dende esa mesma "perspectiva xurídico-constitucional". Neste sentido, considera, "atopámonos ante un suposto de axuizamento de xénero" a fin de "evitar unha discriminación sexista directa". Se non a desen de alta tras a excedencia estaría sendo "tratada, en atención ao seu sexo, de maneira menos favorable ca outras persoas", toda vez que "só é a muller a que pode verse afectada pola circunstancia do embarazo".

Desta maneira, nunha interpretación dos feitos "baixo o prisma da igualdade e non discriminación da muller traballadora e eliminando estereotipos no axuizamento, en atención tamén ao disposto na Convención para a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller", o Tribunal Superior anula a resolución da Seguridade Social e condénaa a "manter a alta da traballadora" na Seguridade Social, recoñecéndolle a cotización no período anulado, de principios de xuño a finais de setembro de 2024. Contra esta sentenza cabe recurso ante o Supremo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.