Os catro brigadistas da BRIF de Laza, presentados como "quizais as persoas máis importantes a día de hoxe en España" explicaron en que consiste o seu traballo ou como se usa un batelume
"Son quizais as persoas máis importantes a día de hoxe en España. Un aplauso para comezar a tempada en La Revuelta para a Brigada de Reforzo de Incendios Forestais de Ourense". Deste xeito recibiu David Broncano este luns pola noite a catro integrantes da BRIF de Laza "en representación de todos os homes e mulleres que loitan contra o lume". A homenaxe aos bombeiros forestais chega despois dunhas semanas nas que Galicia e tamén outras zonas do Estado, como Zamora, León ou Estremadura, sufriron unha das peores vagas de incendios da historia.
Recibidos cunha grande ovación, os catro brigadistas explicaron en que consiste o seu traballo, como se usa un batelume ou a realización dun contralume. Como é habitual nos convidados ao programa, levaron agasallos, neste caso a bandeira da brigada -unha bandeira galega cunha formiga no centro, en referencia ao Entroido de Laza- unha caixa con produtos do rural -"ese rural que se está a queimar", destacaron- e un dos traxes que empregan os bombeiros forestais, que puxo Broncano durante parte do programa.
Tamén reivindicaron mellora nas súas condicións laborais. "Hai que apostar porque a nosa profesión sexa un servizo público e que se teñan unhas condicións dignas", dixeron
Nos 40 minutos que estiveron no escenario, tamén reivindicaron mellora nas súas condicións laborais, unha reclamación na que incidiu o propio Broncano: "aos bombeiros forestais habería que pagarlles soldos decentes. Esa sería unha boa idea de bombeiro. Non pode ser compatible ser un grupo de elite e cobrar 1.300 euros ao mes".
Un dos bombeiros recoñeceu que as condicións melloraron "algo" tras a sinatura do último convenio: "nunca é suficiente, pero cando menos chegamos a un acordo co que estamos satisfeitos". Con todo indicaron que "si que é verdade que hai compañeiros que teñen unhas condicións que non son dignas, como en Madrid ou en Castela e León". "Hai que apostar porque a nosa profesión sexa un servizo público e que se teñan unhas condicións dignas", concluíu, incidindo especialmente na situación moi negativa que están a vivir os traballadores que dependen da Comunidade de Madrid. Así mesmo, demandaron a aprobación da norma que limita a xornada laboral.
O programa, que este luns iniciou a súa segunda tempada, acadou unha audiencia media do 16,1%, converténdose no terceiro programa máis visto do día (1.852.000 espectadores)
O programa, que este luns iniciou a súa segunda tempada, acadou unha audiencia media do 16,1%, converténdose no terceiro programa máis visto do día (1.852.000 espectadores). Un bo dato, aínda que non foi quen de superar o seu gran competidor, El Hormiguero de Pablo Motos (Antena 3), que obtivo un punto máis (17,2%). Con todo, no tempo en que coincidiron estritamente, a diferenza moi mesmo inferior: 16,8% fronte a 16,4%.
Os brigadistas relataron o difícil momento que se viviu nun campamento infantil en Cabeza de Manzaneda, que se viu ameazado polo incendio de Chandrexa de Queixa
Noutro momento da entrevista, os brigadistas relataron o difícil momento que o pasado 12 de agosto se viviu nun campamento infantil en Cabeza de Manzaneda, que se viu ameazado polo incendio de Chandrexa de Queixa. Ese día a actuación da BRIF de Laza foi fundamental para evitar unha traxedia. No lugar había unhas 300 persoas, entre elas 150 menores e 30 traballadores e traballadoras do campamento.
"Ese día estabamos de dispoñibilidade e chamáronnos para activarnos e conter o incendio. Os nenos estaban confinados dentro da estación de esquí de Manzaneda e nós debiamos protexer as instalacións para que non chegase a fronte principal do lume", detallou un dos bombeiros. "Ao volver, pola estrada que chegaramos estaba todo carbonizado", engadiron.
"Estamos vivindo momentos moi complicados porque hai moito abandono do rural. Antes había terreos de cultivo, agora non, está todo abandonado e hai incendios moi virulentos", alertaron
Os brigadistas explicaron tamén a crecente dificultade de loitar contra uns incendios cada vez máis virulentos, unha situación que entre as súas causas principais ten o abandono do rural e dos campos de cultivo: "estamos vivindo momentos moi complicados porque hai moito abandono do rural. Antigamente todo o mundo tiña agricultura ou prados. Agora non, todo está abandonado e hai incendios moi virulentos", un proceso no que o cambio climático, engadiron, tamén contribúe a empeorar a situación.
"Cada vez se abandona máis o rural ou fan que o abandones, porque non podes vivir del. Todos nós vimos de zonas rurais, pero estamos vivindo en cidades. E por que? Porque eu teño fillos e quero un pediatra para eles. Non se inviste no rural e obrígante a deixalo", engadiron. "O rural perde poboación, cada vez queda máis baleiro e iso leva a que haxa cada vez peores incendios", describindo un proceso encadeado.
"O que pasou en Ourense este ano é que houbo tanto incendio á vez que colapsou o sistema, e se non é polos veciños terían ardido moitas máis zonas", dixeron
De igual xeito, explicaron o importante papel que na loita contra algúns incendios teñen as persoas voluntarias e a veciñanza dos lugares afectados polo lume. "O que pasou en Ourense este ano é que houbo tanto incendio á vez que colapsou o sistema, e se non é polos veciños terían ardido moitas máis zonas", sinalaron.
Os brigadistas sinalaron que "aos voluntarios e os veciños dámoslles as instrucións con cousas que poidan facer e entender. Temos que convivir con eles, tranquilizalos e tratalos con respecto. É complicado porque é perigoso".
Ademais dos catro brigadistas que interviron na entrevista, un grupo máis amplo de integrantes da brigada seguiron o programa dende o público e celebraron as palabras dos seus compañeiros e compañeiras. A través das redes sociais agradeceron a oportunidade de presentar publicamente o seu traballo e condicións laborais: "Grazas por darnos visibilidade, hoxe somos un pouco máis coñecidos. Grazas á sociedade en xeral polo apoio. Máis dereits laborais para os bombeiros e redución da xornada laboral xa!".