Os concellos impulsan un protocolo de seguridade para as traballadoras de axuda no fogar

Lembranza a Teresa, a traballadora do servizo de axuda no fogar do Porriño asasinada hai unha semana CC-BY-NC-SA CIG

Acordo unánime municipal para que no proceso participen Xunta, Goberno de España, patronal, sindicatos e Colexio de Traballo Social

Unha semana despois do asasinato no Porriño dunha traballadora do servizo de axuda no fogar (SAF) municipal, que volveu poñer en evidencia a precariedade dese persoal, este martes a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) celebrou unha reunión extraordinaria da súa executiva na que abordou a elaboración dun protocolo de seguridade para o persoal deses servizos. Uns procedementos de protección reclamados desde distintos eidos que os concellos queren que conten con achegas de Xunta, Goberno de España, patronal, sindicatos e Colexio de Traballo Social.

Concentración no Porriño tras o asasinato dunha traballadora do servizo de axuda no fogar CC-BY-SA CIG

Segundo a Fegamp, que acordou por unanimidade impulsar o proceso, "a elaboración dese protocolo ten que contar con todas as partes implicadas no SAF no ámbito das súas competencias como administracións, das súas relacións laborais, das súas condicións de seguridade e do seu coñecemento profesional da actividade". 

A Fegamp vai solicitar ás entidades participantes achegas para elaborar o protocolo e recompilará "toda a información existente noutras comunidades autónomas sobre novas medidas de seguridade no desenvolvemento de traballos de atención a persoas dependentes nos seus fogares, para facilitar e axilizar os traballos". A intención municipal é que "a primeira reunión desa mesa de traballo poida celebrarse o máis axiña posible". 

Concentración de traballadoras do SAF en folga en 2022 na demanda de mellores condicións laborais CC-BY-NC-SA CIG

A morte de Teresa mentres traballaba virou en tráxica evidencia da situación das profesionais do SAF, reiteradamente denunciada e apenas paliada

Alén das circunstancias concretas do acontecido no Porriño, a morte da muller mentres traballaba volveu evidenciar a precariedade que sofre o persoal do SAF, reiteradamente denunciada e apenas paliada dende as Administracións responsables. Este servizo é prestado polos concellos, que reiteran sistematicamente a necesidade de que a Xunta e o Goberno de España acheguen máis fondos para, como mínimo, daren cuberto unha tarifa de 20 ou 25 euros por hora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.