Durante a tarde e o serán do pasado domingo, 24 de xullo, a Xunta deu por extinguidos tres incendios forestais dos que previamente informara: en Antas de Ulla (54,1 hectáreas), Oímbra (370 hectáreas), Cervantes (65 hectáreas) e Palas de Rei (375 hectáreas). Horas antes, Medio Rural indicaba que os equipos de extinción lograran estabilizar -fase previa ao control- o foco que segue sendo o maior desta vaga e tamén o máis extenso na historia forestal de Galicia dende que hai rexistros comparables, o que xa arrasou unhas 10.500 hectáreas en Carballeda de Valdeorras.
Ese incendio de Valdeorras, xunto cos dous do Courel (10.000 e 1.100 hectáreas) e mais o de Vilariño de Conso no que segue ardendo o parque do Invernadeiro suman algo máis de 28.000 das arredor de 33.000 hectáreas que van ardidas na onda que comezou coa vaga de calor e as treboadas de mediados de mes. Estes principais focos seguen activos agás o devandito de Valdeorras -estabilizado- máis dunha semana despois do seu inicio.
Tras unha xornada dominical na que o incendio do Invernadoiro seguiu a sumar hectáreas, este 25 de xullo comezou cun novo parte de Medio Rural que, ademais de constatar as devanditas extincións, traía consigo a boa nova de que este foco de Vilariño de Conso freara o seu avance. Así e todo, a súa evolución durante a fin de semana foi de gran importancia: de 5.800 hectáreas durante a xornada do sábado a unhas 6.500 contra o serán do domingo.
Os incendios do Courel, Valdeorras e O Invernadeiro suman unhas 28.000 hectáreas das arredor de 33.000 que van ardidas nesta vaga
Sempre atendendo aos partes de Medio Rural -que seguen sen incluír todos os incendios que se declaran-, tamén seguen ardendo, pero sen avanzar en hectáreas, os incendios de Rabal, en Oímbra (2.100 hectáreas), o da parroquia quiroguesa de Outeiro (250) e outro en Nocedo, na mesma vila do sur lucense (15 hectáreas). Todos eles entraron xa en fase de control, indica medio rural.
Mentres a situación meteorolóxica semella contribuír á mellora relativa da situación, voces expertas e tamén bombeiros forestais que traballan ao pé do lume constatan que as advertencias dos últimos anos a respecto de incendios de nova xeración, máis extensos e difíciles de controlar, xa viraron en realidade. Neste agravamento do problema inflúe de maneira determinante a crise climática, pero tamén, segundo estudos que manexa a propia Xunta, o "abandono da xestión tradicional" do monte e o despoboamento de amplas contornas rurais.