O despedimento dunha traballadora da residencia de maiores de DomusVi en Ferrol levou ao inicio de mobilizacións do persoal, que este xoves levou a súa protesta ás portas das oficinas do SMAC, onde tivo lugar un acto de conciliación entre a empresa e a traballadora despedida. DomusVi recoñeceu a improcedencia do despedimento, mais a traballadora recorrerá á vía xudicial para que se recoñeza a nulidade do mesmo e conseguir a súa readmisión.
DomusVi recoñeceu a improcedencia do despedimento, mais a traballadora recorrerá á vía xudicial para que se recoñeza a nulidade do mesmo e conseguir a súa readmisión
Persoal das residencias de DomusVi Ferrol amosaron o seu apoio e solidariedade coa compañeira despedida e esixiron a súa readmisión. A traballadora sufriu hai meses un accidente laboral, unha caída que a obrigou a permanecer de baixa e que lle complicou outras doenzas; ademais sufriu a COVID, polo que a baixa se alongou no tempo. Despois da súa reincorporación, a empresa presentoulle a carta de despedimento, alegando baixo rendemento.
A traballadora sufriu hai meses un accidente laboral; ademais sufriu a COVID, polo que a baixa se alongou no tempo
A CIG entende, así mesmo, que no despedimento pode haber un intento de limitar a actividade sindical do persoal, pois a traballadora fora nas listas da central nacionalista nas últimas eleccións sindicais que tiveron lugar o ano pasado, e entraría de delegada no caso de que algunha das actuais representantes electas renunciara. "Entendemos que o tema vén por aí: é unha maneira de amedrentar o persoal que amosa o seu apoio á CIG", sinala Beatriz Fernández, responsable do sector de residencias privadas da CIG-Ferrol en conversa con Praza.
A CIG entende, así mesmo, que no despedimento pode haber un intento de limitar a actividade sindical do persoal, pois a traballadora fora nas listas da central nacionalista nas últimas eleccións
"Nesta residencia houbo este ano varias reclamacións de traballadoras. Ao comezo sempre somos unhas poucas as que denunciamos a precaria situación laboral e asistencial que se vive neste centro, pero a xente está animándose cada vez máis a reclamar e á empresa non lle gusta, porque son reclamacións que nós facemos públicas", explica a representante sindical. "Este despedimento non é máis que un acto de represión sindical encuberta e unha maneira de amedrentar as compañeiras que cada vez, en máis número, están a reclamar os seus dereitos laborais", conclúe. O pasado mes de marzo, a CIG-Servizos xa levara a cabo unha primeira concentración en rexeitamento á "represión sindical" exercida pola dirección da residencia de DomusVi.
O despedimento chega, ademais, no marco dun proceso de mobilización e protesta do persoal das residencias privadas en demanda de melloras nas súas condicións laborais e dun "convenio digno"
O despedimento chega, ademais, no marco dun proceso de mobilización e protesta do persoal das residencias privadas en demanda de melloras nas súas condicións laborais e dun "convenio digno". Nos últimos meses tiveron lugar manifestacións en Compostela e tamén en Ferrol, o pasado 14 de xuño, mobilizacións que continuarán en Vilagarcía nas vindeiras semanas. O 14 de xuño delegados e delegadas da CIG, UGT e CCOO no sector das residencias privadas da terceira idade concentráronse ás portas da residencia de DomusVi na cidade naval, esixindo "condicións de traballo xustas e duns salarios que dignifiquen a actividade que realizan" e denunciando que "malia evidenciarse como esencial durante esta pandemia, a patronal négase a compensar economicamente o sobreesforzo feito polas traballadoras e traballadores".
Os sindicatos denuncian "a falta de control por parte da consellaría de Política Social sobre as condicións nas que se traballa nestes centros"
Os sindicatos denuncian o incumprimento das ratios de persoal por número de persoas dependentes, unha situación que está máis controlada nos centros públicos, que co mesmo número de dependentes contan con ata 15 traballadoras máis. As centrais denuncian igualmente "a falta de control por parte da consellaría de Política Social sobre as condicións nas que se traballa nestes centros", lembrando que a Xunta só conta con sete inspectoras e inspectores para todo o país.
A CIG baralla novas mobilizacións e posibles paros puntuais "para facernos ver". "Mentres non se nos oia, estas situacións quedan ocultadas", conclúe Beatriz Fernández
A CIG esixe melloras salariais e, sobre todo, das condicións laborais. "De nada mellorar o salario se seguimos con estas condicións precarias", subliña Beatriz Fernández, que destaca o "machismo" imperante no sector, no que a maior parte do persoal é feminino. "A maior parte dos centros están dirixidos por homes e non entenden a nosa problemática", engade. Así mesmo, esixe que o Goberno galego "controle que as ratios e convenios se cumpran de verdade. Hai centros nos que as ratios se cumpren de forma nominal pero o problema é que moitas veces ese persoal non está destinado a atención directa dos usuarios, como debería".
Ademais da protesta prevista en Vilagarcía, en Ferrol a CIG tamén baralla novas mobilizacións e posibles paros puntuais "para facernos ver". "Mentres non se nos oia, estas situacións quedan ocultadas", conclúe Beatriz Fernández.