Pontevedra, "claramente unha cidade antitaurina", volve manifestarse contra as touradas

Manifestación contra as touradas celebrada en Pontevedra en 2023 © Touradas fóra de Pontevedra

Este sábado 9 de agosto ás 20.30 horas a cidadanía de Pontevedra está chamada, un ano máis, a protestar contra a celebración da Feira Taurina na cidade, o derradeiro reduto das corridas de touros en Galicia

Este sábado 9 de agosto ás 20.30 horas a cidadanía de Pontevedra está chamada, un ano máis, a protestar contra a celebración da Feira Taurina na cidade, o derradeiro reduto das corridas de touros en Galicia, que terá lugar os días 8, 9 e 15 de agosto. A marcha, convocada pola plataforma cidadá Touradas Fóra de Pontevedra, vén celebrándose dende o ano 2007, un tempo no que foi gañando en colectivos participantes e en asistencia. 

A mobilización, que conta coa colaboración de Irmandade Antiespecista de Pontevedra, Loita Raposa, AGA e o Santuario Vacaloura de protección animal, mantén este ano reivindicacións semellantes ás de edicións anteriores. O obxectivo é a supresión definitiva deste espectáculo de maltrato animal, pasando pola eliminación de toda colaboración pública, directa ou indirecta, na súa celebración.

A plataforma destaca que "Pontevedra é claramente unha cidade antitaurina" e salienta que "a maioría da xente que vén ás touradas é xente de fóra", desprazados porque é a única praza que queda en Galicia e o derredeiro festexo taurino desta entidade. "Por iso queremos que se mostre nas rúas esa maioría abolicionista existente na sociedade galega", sinalan.

Cartel da manifestación antitaurina convocada en Pontevedra este sábado © Touradas Fóra de Pontevedra

A plataforma destaca que "Pontevedra é unha cidade antitaurina claramente" e salienta que "a maioría da xente que vén ás touradas é xente de fóra"

Na última década e media a mobilización antitaurina viu como a Feira foi perdendo apoios e como, por exemplo, a Deputación provincial eliminou todas as axudas públicas que recibían os empresario taurinos ou que o Concello da cidade foi elimando espazos de publicidade para os festexos taurinos.

Nos últimos tempos, unha das principais demandas da marcha diríxese á Xunta de Galicia para que modifique a redacción da Lei de Protección Animal, que establece unha excepción para esta "protección" aos "animais empregados en calquera espectáculo taurino", incluídos os encerros.

Unha das principais demandas da marcha diríxese á Xunta para que modifique a redacción da Lei de Protección Animal, que establece unha excepción para esta "protección" aos "animais empregados en calquera espectáculo taurino"

De igual xeito, mantense a reclamación ao Concello de Pontevedra de que poña fin ao convenio que mantén cos propietarios da praza de touros para a utilización da instalación durante a Feira Franca, un acordo polo que todos os anos lle entrega máis de 30 mil euros aos empresarios taurinos, unha cantidade que o colectivo cualifica como "subvención indirecta". Con todo, a plataforma celebra que nos últimos anos o Goberno municipal recortou "moitísimo" a súa colaboración con esta empresa.

Por outra banda, a plataforma reclamou á Deputación de Pontevedra, ocupada dende hai dous anos polo PP, que confirme a existencia de apoios ou financiamento para a Feira taurina. 

Dos 12 festexos de 2007 ou 2008 e mesmo os 15 de 2009 (7 deles corridas de touros e o resto outros espectáculos como novilladas ou becerradas) pasouse a tres ou catro festexos a partir de 2016

Este ano a Feira Taurina de Pontevedra aumenta de dous a tres os días de festexos, o que non sucedía dende o ano 2018. O terceiro dos espectáculos, o venres 15 de agosto será unha "corrida goyesca".

As estatísticas do Ministerio de Cultura amosan como nos últimos anos veu descendendo de maneira progresiva o número de festexos taurinos organizados en Galicia. 

Así, dos 12 festexos de 2007 ou 2008 e mesmo os 15 de 2009 (7 deles corridas de touros e o resto outros espectáculos como novilladas ou becerradas) pasouse a tres ou catro festexos a partir de 2016, unha vez que o Concello da Coruña, co goberno da Marea Atlántica, puxo fin á feira que agta ese momento se celebraba na cidade.

En 2020 e 2021 mesmo desapareceron por completo os festexos taurinos en Galicia, debido ás restricións introducidas pola pandemia de Covid

En 2020 e 2021, mesmo desapareceron por completo os festexos taurinos en Galicia, debido ás restricións introducidas pola pandemia de Covid. 2024, con tres festexos, e o actual 2025 supoñen unha relativa recuperación dunha práctica que en todo caso segue a ser completamente residual no noso país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.