Queremos Galego propón unha ILP para "blindar" a lingua

Imaxe da rolda de prensa na que Queremos Galegos presentou a súa proposta de ILP © Queremos Galego

A proposición de Lei Lingua Vital, que se presentará en setembro, incluirá a derrogación do decreto de plurilingüismo, o recoñecemento do galego como lingua vehicular e de acollida en todos os niveis e o aproveitamento da lusofonía

Queremos Galego impulsará unha Iniciativa Lexislativa Popular que buscará "reverter as normas contra o galego" e a reverter a "emerxencia lingüística" e, igualmente, "blindar os acordos" a favor do galego e garantir os dereitos lingüísticos. A plataforma deuno a coñecer este xoves nunha rolda de prensa na que anunciou a primeira acción colectiva nacida do Protocolo Lingua Vital.

A plataforma de defensa da lingua dará a coñecer o texto da ILP en setembro, xunto coas persoas e colectivos sociais que forman parte da comisión promotora. Porén na rolda de prensa xa se anticipou que a Iniciativa Lexislativa Popular incluirá a derrogación do denominado decreto de plurilingüismo (decreto 79/2010), o recoñecemento do galego como lingua vehicular e de acollida en todos os niveis e o aproveitamento da lusofonía. 

Manifestación de Queremos Galego que o 17 de maio percorreu as rúas de Santiago baixo o lema “O galego, lingua vital” CC-BY-SA Eva F. Prieto

Queremos Galego chama así mesmo a "blindar a oferta positiva na administración, xustiza e sanidade. Tamén exixirá a reversión da lei de medios públicos, "recoñecendo o papel do galego como lingua exclusiva da CSAG"

Queremos Galego chama así mesmo a "blindar a oferta positiva na administración, xustiza e sanidade"; incide igualmente en "asegurar a presenza do galego nos programas informáticos e introducir cláusulas lingüísticas nos contratos públicos". As entidades sociais do Protocolo Lingua Vital exixen, así mesmo, o fortalecemento dos servizos de normalización lingüística e a sistematización de programas específicos para as persoas inmigrantes que chegan ao noso país. 

A ILP tamén exixirá a reversión da lei de medios públicos, "recoñecendo o papel do galego como lingua exclusiva da CSAG" e emendando a lei de IA. Igualmente, demandará máis investimento público en oferta cultural en galego, cotas de dobraxe, lexendaxe e financiamento antecipado, exhibición de filmes en galego nas salas e protección da lingua nas actividades deportivas.

Marcos Maceira, voceiro da plataforma, denunciou que "existe unha distorsión entre o que din os plans e a realidade legal da nosa lingua”. “Incumprir o Plan de Normalización non ten custes. Incumprir a lei, si”, subliñou

Marcos Maceira, voceiro da plataforma, subliñou a necesidade de aprobar esta iniciativa lexislativa. “Existe unha distorsión entre o que din os plans e a realidade legal da nosa lingua”, criticou Maceira, “e precisamos que a lei ampare e asegure o cumprimento dos acordos estabelecidos a favor do galego”. “Incumprir o Plan de Normalización non ten custes. Incumprir a lei, si”, subliñou.

Maceira dennciou que "desde 2004 e desde 2024 vese a falta de palabra e de interese do goberno do PP en actuar a favor do galego”. “A acción da Xunta foi contraria a calquera obxectivo normalizador fixado nos acordos nacionais e internacionais”, dixo, engadindo que “incumpriron ata os seus propios documentos e prazos, incluíndo a revisión do PXNLG que ía estar lista a finais do pasado ano”. 

Acción de Queremos Galego na Praza do Obradoiro, nunha imaxe de arquivo © Queremos Galego

Segundo o portavoz de Queremos Galego, “se algo está a demostrar Rueda é que non é de fiar" e denunciou "a súa capacidade de pór a súa fobia ao galego, mostrada naquela infame manifestación de febreiro do 2009, por diante dos intereses de Galiza". 

Na presentación participou unha representación das entidades apoiantes do Protocolo Lingua Vital: Lucía Veciño Souto (Fundació Galiza Sempre), Paulo Carrril (CIG) Claudio Pan Carollo (CCOO),  Antuán Rivas (Artistas da Dobraxe ADA), Olga Patiño (AS-PG) Rocío Núñez (Movemento Sumar), Mercedes Tobío (BNG), Xandre Garrido (Avante LGTB+),  Iria Nande (Galiza Nova), María Maroño (Erguer) e Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüistica).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.