Tres novas mortes elevan a 40 os falecidos con coronavirus no último mes en Galicia tras os dous meses anteriores sen ningunha

CC-BY-SA Praza Pública

17 das persoas falecidas vivían en residencias de maiores, nas que hai 162 casos activos entre os usuarios e seguen a rexistrarse novos positivos

Entre o 11 de xuño, coincidindo co levantamento do estado de alarma en Galicia, e o 8 de agosto pasaron dous meses sen que a Xunta notificase nin un só falecemento con diagnóstico positivo de coronavirus. Desde o 8 de agosto e ata este domingo, no que se comunicaron outras tres mortes, en algo menos dun mes xa son 40 as persoas falecidas (659 desde o comezo da pandemia), das que 17 vivían en residencias de maiores, a maioría na do Incio, afectada desde hai máis de dúas semanas por un brote que suma actualmente 82 casos activos entre as persoas usuarias. En total, nos catro centros de toda Galicia con casos entre as persoas residentes, hai 162 afectados e a diario seguen a rexistrarse novos positivos, un máis na última xornada en Culleredo. 

Os 252 novos casos da última xornada van en liña coa media semanal que se vén rexistrando nas últimas xornadas

Na última xornada, ademais das tres novas mortes os datos da Xunta incorporan outros 252 novos casos ao cómputo total, unha nova oscilación en liña cos altibaixos comunicados ao longo de toda a semana pero que a través da gráfica da media semanal continúan a consolidar a cifra de novos positivos diaria arredor dos 260 desde hai varias xornadas.

Hai 204 persoas hospitalizadas, dez máis que na xornada anterior e 17 delas en UCI

Canto ao tipo de atención que precisan as persoas afectadas, na última xornada rexístranse 204 persoas hospitalizadas, das que 17 están en UCI e 187 en planta, dez máis que na xornada anterior.

As probas PCR comunicadas este domingo ascenden a 4.902, en liña coas cifras das xornadas previas.

Por áreas, as curvas de casos activos parecen moderarse na Coruña, Lugo e Santiago pero en Pontevedra pasou 233 casos o día 1 a 323 este domingo 6

Canto ás areas sanitarias, na da Coruña o Sergas informa de 96 altas na última xornada e un descenso no número de casos activos de 22, polo que pode extraerse que se engadiron outros 74 novos casos no último día, por baixo dos máis de cen rexistrados hai máis dunha semana no peor do brote. Por casos activos, cifra de referencia da Xunta que non ten en conta os novos contaxios, as curvas de Lugo e Santiago parecen moderar o seu crecemento, mentres que a de Pontevedra pasou de 233 casos activos o día 1 a 323 este domingo 6.

Nas residencias, a Orpea de Culleredo comunica na última xornada un novo caso entre as persoas usuarias nun brote que comezou coa comunicación o 15 de agosto dun positivo nun traballador e o 17 de agosto en 8 usuarios. Case tres semanas despois, o novo positivo eleva a 30 os usuarios afectados nese centro e a 162 no global de Galicia (82 no Incio, 46 en Outeiro de Rei e 4 en Lalín). Ademáis, hai 66 traballadores afectados nunha vintena de centros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.