Este domingo 30 de agosto ás 12 horas o Colectivo Decolonial de Ferrol organiza un Antitributo ao Marqués de Amboaxe co obxectivo de lembrar as vítimas da escravitude e o colonialismo
Ramón Plá y Monge, marqués de Amboage, naceu en Ferrol en 1823 no seo dunha familia acomodada. Sendo novo marchou a Cuba, onde fundou a empresa Compañía Española de Alumbrado de Gas. Alén da súa actividade empresarial na colonia española -que lle valeu o título nobiliario, outorgado en 1884 polo Papa León XIII- é lembrado pola súa actividade filantrópica, realizada principalmente a través da Fundación Ramón Plá Marqués de Amboage, á que dedicou un terzo da súa fortuna.
Esta entidade pagaba a familias pobres da cidade de Ferrol as 1.500 pesetas que custaba a excedencia do servizo militar, o que librou a moitos ferroláns de ir á Guerra de Cuba. Ademais, entregaba esmolas a persoas sen recursos da cidade. En agradecemento Ferrol non só puxo o seu nome a unha das súas prazas máis importantes, presidida por unha estatua do empresario, senón que se creou unha sociedade de Gratitude ó Marqués de Amboage" para celebrar anualmente unha misa e festas na súa honra, no día do seu santo, o 31 de agosto, data na que ademais conclúen as festas patronais ferrolás.
Porén, a fortuna acumulada por Ramón Plá e a súa familia ten un reverso tenebroso, ao igual que moitas outras das grandes fortunas que emerxeron no século XIX en Galicia e no resto do Estado. Investigacións realizadas nos últimos anos polo historiador económico Luís Alonso Álvarez e outros autores e autoras documentaron a relación da familia Plá co tráfico de persoas escravizadas, unha actividade que estaría na base do seu capital acumulado. Esta infame dimensión do Marqués de Amboage queda sempre ocultada tras unha imaxe oficial na que se destaca a súa actividade filantrópica.
Investigacións realizadas nos últimos anos polo historiador económico Luís Alonso Álvarez e outros autores documentaron a relación da familia Plá co tráfico de persoas escravizadas, unha actividade que estaría na base do seu capital acumulado
Este domingo 30 de agosto ás 12 horas o Colectivo Decolonial de Ferrol organiza un Antitributo ao Marqués de Amboaxe co obxectivo de lembra as vítimas da escravitude e o colonialismo. O acto contará coas intervencións do investigador Marcos Abalde e o especialista en historia do colonialismo Sean Sullivan, ademais de lecturas de poemas e música en directo.
A entidade explica que a iniciativa chega "despois de que novas investigacións documentasen con maior precisión as relacións da familia Plá —e do propio futuro marqués— coa economía escravista cubana". "O debate xa non consiste só en saber se Amboage foi o filántropo que a cidade homenaxea desde hai máis dun século, senón en preguntarse de onde procedía o capital que fixo posíbel esa filantropía e quen quedou fóra desa memoria", sinalan, subliñando que "durante xeracións" a actividade filantrópica e de beneficencia ligada ao seu nome "foi esencialmente a historia que Ferrol contou sobre Amboage: un emigrante enriquecido en Cuba que devolveu unha parte da súa fortuna á cidade".
A relación documentada de Ramón Plá e a súa familia coa trata de persoas escravizadas
As investigacións de Luís Alonso Álvarez amosan a relación do pai de Ramón Plá coas redes locais implicadas no tráfico de escravos e documentan a participación dos irmáns do Marqués de Amboage no secuestro e transporte de persoas escravizadas
O historiador económico Luís Alonso Álvarez reconstruíu nos últimos anos a participación galega no tráfico transatlántico combinando a base de datos internacional SlaveVoyages con documentación notarial. As súas investigacións, que vén debullando nunha serie de artigos en Praza.gal, amosan que o pai de Ramón, Francisco Félix Pla i Pullés, armador establecido en Ferrol, adquiriu navíos destinados ás costas africanas e facía parte, xa na segunda década do século XIX, das redes locais implicadas no tráfico de escravos, un negocio cuxos beneficios se dispararían a partir de 1820, cando entra en vigor a prohibición da trata que o reino de España asinara coa Gran Bretaña.
Alonso Álvarez apunta, ademais, que os seus fillos se transformarían posteriormente en axentes importantes do tráfico da Habana. Neste senso, o colectivo destaca que "a documentación é particularmente contundente no caso dos irmáns de Ramón". En 1853, Narciso e José Pla, xa establecidos en Cuba, participaron no financiamento do bergantín Nueva Empresa, que adquiriu 325 persoas escravizadas en África e desembarcou 296 en Cuba. Así mesmo, José Pla aparece despois asociado a algúns dos maiores traficantes da illa, entre eles Julián Zulueta.
Alonso Álvarez sitúa expresamente a Ramón Pla entre esa "segunda xeración de traficantes galegos instalados en Cuba" e relaciona a acumulación familiar co capital que o futuro marqués transformaría despois en accións do Banco de España e noutros investimentos
Alonso Álvarez sitúa expresamente a Ramón Pla entre esa "segunda xeración de traficantes galegos instalados en Cuba" e relaciona a acumulación familiar co capital que o futuro marqués transformaría despois en accións do Banco de España e noutros investimentos. Subliña que unha característica común a moitos empresarios escravistas é que nun momento dado tentan rehabilitar a súa posición social e branquear o seu capital e imaxe, dirixíndose cara a actividades legais e tamén á filantropía.
Nesta entrevista, Alonso Álvarez salienta que "cando estaban enriquecidos, compraban xeralmente títulos nobiliarios expedidos polo Vaticano ou medallas e distincións do goberno español. Son os casos do ferrolán Ramón Pla, distinguido co título de marqués de Amboage, ou do ourensán Urbano Feijoo que chegou a ser deputado nas Cortes. Pero unha parte deles quixo deixar tamén unha pegada significativa para a posteridade facendo obras de caridade e filantropía".
Segundo a documentación localizada por Abalde, Plá aparece como propietario, con Jaime Font, de instalacións en San Antonio Chiquito utilizadas para aloxar persoas escravizadas antes da venda, así como do muíño/enxeño azucreiro San Pablo, onde o rexistro consultado sinala man de obra escravizada
Ademais, outras investigacións sinalan a responsabilidade do propio Ramón Plá no comercio de persoas escravizadas. Un traballo de Marcos Abalde Covelo, publicado en 2024 na revista O Retorno e presentado en marzo de 2025 no Centro Social Artábria xunto con Alonso Álvarez, procurou especificamente documentación sobre Ramón Plá.
Segundo a documentación localizada por Abalde e posteriormente resumida por Enrique Barrera Beitia, Plá aparece como propietario, con Jaime Font, de instalacións en San Antonio Chiquito utilizadas para aloxar persoas escravizadas antes da venda, así como do muíño/enxeño azucreiro San Pablo, onde o rexistro consultado sinala man de obra escravizada. A investigación lígao tamén a La Positiva e posteriormente a La Alianza, sociedades relacionadas coa importación de traballadores chineses sometidos en Cuba a sistemas meirande parte contratual coercitivos.