Os portos galegos e un importante grupo de empresarios do país tiveron unha participación destacada no tráfico de escravos e escravas africanas sobre todo nas seís primeiras décadas do século XIX. Trátase dunha parte da historia de Galicia pouco estudada e difundida, unha memoria incómoda que nos sitúa no papel de verdugos dunha das maiores infamias da historia humana. Un negocio -porque diso se trataba- que enriqueceu de maneira moi importante a unha serie de familias, algunhas de nomes ben distinguidos e que na actualidade seguen contando con estatuas ou rúas e prazas cos seus nomes nas cidades do país.
"Os beneficios que reportaba o tráfico de escravizados foron extraordinarios e están na base dalgunhas das grandes fortunas galegas (como aconteceu en toda Europa e nos Estados Unidos), pero tamén das non tan grandes"
No ano 1800 tivo lugar a primeira viaxe documentada dun barco galego que traficaba con escravos en dirección a América. En 1860 saíu do porto da Coruña o derradeiro barco negreiro con participación galega. Neses 60 anos calcúlase que as embarcacións propiedade de galegos secuestraron e transportaron preto de 23 mil persoas dende África a América, nomeadamente a Cuba.
Nos últimos anos unha serie de investigadores e investigadoras traballan para sacar á luz esta historia ocultada. Un dos máis destacados é Luís Alonso Álvarez, catedrático de Historia Económica na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, que dende o ano 2024 vén publicando unha interesantísima serie de artigos sobre o tema en Praza.gal, textos moi documentados nos que saca á luz a participación galega na trata de persoas escravizadas.
De igual xeito, o pasado ano Cristina Botana Iglesias e Zinthia Álvarez Palomino inauguraron no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (MUNCYT) a exposición A Coruña, Porto Negreiro, que forma parte do proxecto ‘A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade’, unha das propostas gañadoras do I Certame de Proxectos Singulares da Deputación da Coruña. Con elas falamos nesta entrevista.
Dialogamos aquí con Luís Álvarez sobre a orixe e evolución da participación galega na trata de persoas escravizadas, o papel dos portos do país, os beneficios económicos obtidos polas familias escravistas e a necesidade de coñecemento desta realidade e reparación.
"Coñecemos mellor a implicación dos empresarios da Coruña, onde estiveron a enriquecerse as elites locais coa captura e venda en América de persoas escravizadas procedentes de África e, en menor medida, as de Vigo, Ferrol e outras cidades e vilas"
Non che vou pedir que repitas aquí todo o que vés debullando nos moi completos artigos (cinco ata agora) que vés publicando en Praza. Pero que coñecemos na actualidade sobre o papel e a responsabilidade de Galicia e dos seus empresarios no tráfico de persoas escravizadas nos séculos XVIII e XIX?
Dito así, de xeito moi simplificado, non existe unha responsabilidade de Galicia como tal, senón dalgúns galegos, en concreto do grupo social que chamamos comunmente empresariado. Coñecemos mellor a implicación dos empresarios da Coruña, onde estiveron a enriquecerse as elites locais coa captura e venda en América de persoas escravizadas procedentes de África e, en menor medida, as de Vigo, Ferrol e outras cidades e vilas. Publicouse recentemente un pequeno estudo no que se confirma tamén a participación na trata de modestos patróns da Costa da Morte, o cal nos indica que non foi un fenómeno só urbano, se non tamén rural e socialmente transversal.
"Esta actividade que agora nos resulta repugnante estivo relacionada cos investimentos que se fixeron máis adiante en banca, industria, ferrocarrís e servizos portuarios nas principais cidades galegas"
Este tráfico non só foi inhumano e infame, senón que reportou notables beneficios aos seus responsables, de xeito que algunhas das fortunas máis salientables en Galicia (tamén noutros lugares) teñen a súa orixe nesa actividade. É dicir, foi unha actividade que ten ramificacións que chegan ata o presente, non si?
Os beneficios que reportaba o tráfico de escravizados foron extraordinarios e están na base dalgunhas das grandes fortunas galegas (como aconteceu en toda Europa e nos Estados Unidos), pero tamén das non tan grandes. Porén, os empresarios que impulsaron estas viaxes a África arriscaban só unha parte do seu investimento. O resto acostumaban a distribuílo en pequenas participacións de 100 pesos (ou dólares, que na época valían o mesmo), que adquirían persoas que non eran precisamente empresarios, se non profesionais, funcionarios ou pertencentes a grupos sociais semellantes.
Pensa que se o navío que transportaba escravizados non era apresado en África ou no Caribe polos vapores británicos de vixilancia -Inglaterra dispuña dunha especie de policía marítima que apresaba e xulgaba aos navíos propiedade de súbditos de países que firmaran tratados de abolición-, os beneficios que se obtiñan podían multiplicar a inversión ata por seis. E si, efectivamente, podemos asegurar que esta actividade que agora nos resulta repugnante estivo relacionada cos investimentos que se fixeron máis adiante en banca, industria, ferrocarrís e servizos portuarios nas principais cidades galegas, como tamén aconteceu en maior medida nos países europeos, especialmente no Reino Unidos, onde financiou o que demos en chamar a revolución industrial. E no presente, a pegada do desprezo polos escravizados ten o seu correspondente no racismo e na ideoloxía que o sustenta.
"Cando o Estado asinaba coa Gran Bretaña un tratado no que se decretaba a abolición do tráfico, de inmediato os negreiros da Península estudaban con atención o xeito de darlle a volta ao texto e trampear con artimañas a legalidade"
O tráfico de persoas escravizadas atravesou por distintas etapas, como ben describes nos artigos, en función moitas veces dos propios atrancos que se ían poñendo a esta actividade, que obrigaban a cambios no modus operandi dos traficantes, non si?
Cando o Estado asinaba coa Gran Bretaña un tratado no que se decretaba a abolición do tráfico, que os ingleses xa tiñan prohibido no seu país e nas súas colonias, de inmediato os negreiros da Península estudaban con atención o xeito de darlle a volta ao texto e trampear con artimañas a legalidade. Así aconteceu co subscrito entre as dúas potencias en 1817, que estivo activo ata 1835. Entre estas dúas datas, os nosos negreiros esquivaron a lexislación con matrículas e papeis falsos para os seus barcos e tripulacións que conseguían en terras portuguesas e pasaban dese xeito a trocarse en navíos portugueses, que neses anos aínda podían legalmente dedicarse á trata.
A lexislación posterior, que se fixo máis rigorosa, xa que contemplaba a existencia de indicios da trata nos barcos (auga e alimentos en cantidades notables, táboas para construír novas cubertas e outros semellantes), polos que podían ser capturados e xulgados, toureábana de mil maneiras, mesmo acudindo á matriculación dos navíos con bandeira e papeis norteamericanos, que aínda non tiñan prohibido o tráfico nalgúns estados.
"O primeiro navío da trata europea do que se ten constancia, que data do ano 1514, foi un navío portugués localizado en Vigo con 166 persoas escravizadas a bordo, traídas do río Congo para entregar na cidade olívica ao seu propietario, do que non temos máis noticia"
Entre as razóns polas que Galicia, os seus portos e unha serie de empresarios acaban adquirindo un papel central na trata de persoas escravizadas están a súa xeografía marítima, ollando cara ao Atlántico, a súa tradición armadora e mariñeira, pero tamén a súa relación privilexiada con Portugal, por proximidade xeográfica e tamén lingüística, non si? Isto dáballes facilidades para acceder a certos mercados?
Para que nos deamos conta da importancia deste asunto, sómente temos que constatar que o primeiro navío da trata europea do que se ten constancia, que data do ano 1514, foi un navío portugués localizado en Vigo con 166 persoas escravizadas a bordo, traídas do río Congo para entregar na cidade olívica ao seu propietario, do que non temos máis noticia. Esta escasa información e todos os factores que sinalas fainos sospeitar que a actividade non era só portuguesa se non que tiña tamén derivadas galegas, especialmente entre armadores das rías baixas.
Pero sen retroceder tanto no tempo, no século XIX, ás veces era traballoso confirmar se un navío da trata era ou non un falso portugués con tripulación galega que burlaba aos cruceiros ingleses. Durante algún tempo, os navíos portugueses podían dispor das súas colonias africanas para levar escravizados ao Brasil, o que facía que determinados empresarios galegos empregasen ese apaño. A semellanza na fala é outro factor que permitía camuflar como portuguesas as tripulacións dos navíos de armadores galegos.
"Cando estaban enriquecidos, compraban xeralmente títulos nobiliarios expedidos polo Vaticano ou medallas e distincións do goberno español. Pero unha parte deles quixo deixar tamén unha pegada significativa para a posteridade facendo obras de caridade e filantropía. É o caso de Eusebio da Guarda na Coruña"
Unha característica que é común a moitos destes empresarios escravistas é que nun momento dado tentan rehabilitar a súa posición social e branquear o seu capital e imaxe, dirixíndose cara a actividades legais e tamén á filantropía. De que xeito o fan?
Cando estaban enriquecidos, compraban xeralmente títulos nobiliarios expedidos polo Vaticano ou medallas e distincións do goberno español. Son os casos do ferrolán Ramón Pla, distinguido co título de marqués de Amboage, ou do ourensán Urbano Feijoo que chegou a ser deputado nas Cortes. Pero unha parte deles quixo deixar tamén unha pegada significativa para a posteridade facendo obras de caridade e filantropía. É o caso de Eusebio da Guarda na Coruña.
Da Guarda, que pilotara cando menos dous buques que portaban escravizados, herdou o imperio da maior escravista que houbo na cidade, Juan Menéndez, ao casar coa súa viúva, a cubana Modesta Goicouría. Cando se puxeron as cousas legalmente difíciles, branqueou a súa fortuna. Outro caso é o do devandito Ramón Pla, que tamén embranqueceu a fortuna familiar con escandalosos investimentos na banca madrileña e creou unha institución benéfica para favorecer aos soldados nacidos en Ferrol.
"Da Guarda, que pilotara cando menos dous buques que portaban escravizados, herdou o imperio da maior escravista que houbo na cidade, Juan Menéndez, ao casar coa súa viúva, a cubana Modesta Goicouría. Cando se puxeron as cousas legalmente difíciles, branqueou a súa fortuna"
Neste sentido, que papel xoga a Igrexa? En 1839 o papa Gregorio XVI publica unha bula moi clara ao respecto. Sempre foi así?
É moi probable que no fondo destas obras de filantropía estea a influencia da Igrexa católica. Historicamente a Igrexa nunca prohibira con claridade as actividades dos negreiros. Tan só condenara esa situación semellante á escravitude á que estaban sometidos os habitantes orixinarios das colonias españolas de América. Pero esta circunstancia mudou máis adiante. Como ti ben sinalas, en 1839 o papa Gregorio XVI promulgou unha carta apostólica na que prohibía aos católicos a trata de escravizados africanos.
Tamén é certo que se investigamos este cambio de conduta atopámonos cunha forte presión diplomática dos británicos na que estes chegaron a lanzar certas ameazas ao papado. En todo caso, a prohibición da trata e a sanción de excomuñón que levaba parella para quen a practicara debeu influír nalgúns casos e que explicaría en certo modo a filantropía de que fixeron alarde os escravistas xubilados.
Outra das claves na trata de escravos realizada por españois no século XIX é Cuba, que se mantén como colonia e se converte en receptora desta man de obra e igualmente no centro do negocio, onde se instalan unha parte dos empresarios ou abren delegacións alí. Que papel xoga?
A comezos do século XIX principiou o desconxuntamento do imperio colonial español. Quedou o que se deu en chamar o imperio insular, e dicir, as Antillas, especialmente Cuba e Porto Rico, as Filipinas e arquipélagos menores no Pacífico. As economías cubana e portorriqueña baseábanse na man de obra escravizada para traballar na agricultura azucreira e cafeeira, polo que as dúas colonias, maiormente Cuba, absorberon gran parte dos capitais investidos na que fora América española.
Iso esixiu unha gran cantidade de emprego que subministrou a trata de escravizados e converteu a illa de Cuba nun dos grandes mercados de man de obra xunto co Brasil. Sobre estes principios vaise erguer unha infraestrutura empresarial con derivacións nos principais portos da península e, entre os nosos, os da Coruña, Ferrol, Vigo e outros fondeadoiros das Rías Baixas.
"A trata foi substituída por traballadores chineses e peninsulares, moitos deles labregos galegos, levados á illa de Cuba a traballar en condicións semellantes ás da escravitude e, despois, por emigrantes en condicións normais. En Galicia temos a algúns persoeiros que se dedicaron ao tráfico dos seus paisanos"
Como remata esta infamia? De que xeito acaba por desaparecer definitivamente o tráfico? Quen reempraza como man de obra aos escravos?
Rematou pola fortísima presión internacional á que estaba sometido o goberno español, que incumpría os compromisos asinados, cando todos os países, incluído o Brasil, xa suprimiran a trata. E en especial, pola coerción da Gran Bretaña e a menos coñecida dos Estados Unidos despois da Guerra de Secesión, que comezou a xulgar a trata como piratería, o que comportaba pena de forca aos seus responsables.
A trata foi substituída por traballadores chineses e peninsulares, moitos deles labregos galegos, levados á illa de Cuba a traballar en condicións semellantes ás da escravitude e, despois, por emigrantes en condicións normais. En Galicia temos a algúns persoeiros que se dedicaron ao tráfico dos seus paisanos. Un deles foi Urbano Feijoo que deixou escrito que “un galego ha facer un traballo de dous negros polo prezo que custa un escravo”. Pero tamén ao transporte de chineses, entre outros os irmáns Pastor. Cabe subliñar que en gran medida os barcos que se tiñan aplicado á trata, moitos deses mesmos barcos foron empregados máis adiante no transporte de emigrantes.
"En Galicia investigouse pouco e niso estamos algúns. A cuestión da difusión, de dala a coñecer a un público amplo, resulta aínda máis problemático"
Estás de acordo en que o papel dos portos galegos e dun número amplo de empresarios na trata de persoas escravizadas é unha historia pouco investigada e sobre todo pouco difundida en Galicia?
En moitas universidades de fora constitúe unha liña de pescuda que leva anos de estudo -penso nas investigacións que abondan sobre os portos de Liverpool ou de Nantes-, como tamén acontece nalgunhas das universidades do Estado, especialmente en Cataluña. En Galicia investigouse pouco e niso estamos algúns. A cuestión da difusión, de dala a coñecer a un público amplo, resulta aínda máis problemático.
En xeral existe un gran descoñecemento na sociedade sobre a participación no tráfico de escravos de moitos destes empresarios que, en moitos casos, despois tamén fixeron un nome noutras actividades legais, polas que hoxe son lembrados. Estou pensando, por exemplo, no vigués Buenaventura Marcó del Pont, do que na actualidade se destaca a súa actividade como comerciante e fomentador do peixe salgado que distribuía en todo o levante español, pero que fixo fortuna transportando escravos xa dende o ano 1800.
É, sobre todo, unha historia negada, silenciada, que segue a atopar grandes resistencias a moitos niveis? Sobre todo entre os descendentes das familias máis directamente implicadas, pero en xeral a nivel institucional, social... Penso nas respostas airadas que sempre xorden cando se menciona, por exemplo, o papel de Eusebio da Guarda.
Podémola cualificala como memoria incómoda, que alporiza a certo tipo de xente conservadora e, polo mesmo, pódese falar tamén dunha memoria silenciada polos incomodados e tamén negada. Hai moi poucos descendentes das familias que tiveron unha maior implicación na trata de escravizados en Galicia, pois en gran medida desapareceron sen descendencia directa. Son os casos de Eusebio da Guarda, de Marcial del Adalid e de outros escravistas do país.
"Podémola cualificala como memoria incómoda, que alporiza a certo tipo de xente conservadora e, polo mesmo, pódese falar tamén dunha memoria silenciada polos incomodados e tamén negada"
Podemos dicir que ese descoñecemento e resistencias estanse comezando a romper? Por exemplo coas túas investigacións (e a súa difusión) ou exposicións como a coordinada por Cristina Botana Iglesias e Zinthia Álvarez Palomino...
Nalgunha medida así é. As veces coméntanme que a posibilidade de que a certos empresarios galegos estiveran implicados na trata de escravizados lles resulta un tema totalmente descoñecido. Podo acreditar cando me chaman para dar algunha charla que existe un descoñecemento de todo isto, e pénsase que os implicados no negocio eran de fóra. Por iso é tan importante que se multipliquen as experiencias de difusión como a exposición sobre a implicación coruñesa no tráfico que dirixiron Cristina e Zinthia.
"O primeiro que habería que facer sería dar unha maior difusión a este tema. Neste sentido, resultan sorprendentes accións como a de escribir sobre estatua de Eusebio da Guarda na Coruña hai moi pouco tempo un adxectivo que ten ben merecido"
De que xeito debería enfrontar Galicia -e as súas cidades máis implicadas- a memoria destes feitos para exercer unha axeitada memoria histórica e ser xustos e consecuentes co sucedido? Sería recomendable a retirada de honras públicas (nomes de rúas e edificios, estatuas se existen...) dos responsables da trata de escravos? Algún tipo de memorial que lembre o sucedido?
O primeiro que habería que facer sería dar unha maior difusión a este tema. Neste sentido, resultan sorprendentes accións como a de escribir sobre estatua de Eusebio da Guarda na Coruña hai moi pouco tempo un adxectivo que ten ben merecido. Ninguén sabe quen foi o autor, pero aí está. Algo parecido aconteceu en Ferrol coa estatua do marqués de Amboage.
Noutros lugares chegaron a retirar as estatuas, como a de Antonio López en Barcelona ou a de Edward Colston en Bristol, e se están a organizar percorridos turísticos que teñen como lema aquilo de “coñeza vostede a cidade que nunca lle mostraron”. Pero, insisto, se non hai unha concienciación previa na comunidade, non ten sentido organizar accións en prol da memoria.