'Urbtopías' pensa a cidade como paisaxe sonora, espazo de creación e protagonista da información

Encontro do ciclo 'Urbtopías' con Teresa Táboas, Ola Gustafsson, David Sim e Miguel Anxo Fernández Lores, moderados por Fernando González 'Gonzo' © La Marela/Urbtopías
https://api.praza.gal/storage/uploads/cntino-urbtopias-2023-885e458.jpeg

Os encontros de 'Urbtopías' en Pontevedra poñen o foco na participación da cidadanía na construción das cidades centrándose nas paisaxes sonoras, na creación que se promove desde as institucións que fan unha cidade, no modelo de 'cidades suaves' e no xornalismo local encargado de narrar unha cidade

“A construción dunha Urbtopía significa soñar, mais tamén arriscar, aceptar os desafíos, concretar e marcar o rumbo que a faga realidade”. En Pontevedra promoven que as Urbtopías sexan cidades posibles e nos encontros celebrados na igrexa do convento de Santa Clara apostaron por poñer o foco en cuestións que o deseño urbanístico debera ter en conta, como son as paisaxes sonoras das cidades, a creación que se promove desde as institucións que fan unha cidade, a construción das ‘cidades suaves’ coa participación de toda a sociedade e o xornalismo local que se encarga de contar unha cidade.

O proxecto que temos en Pontevedra non rematou, as cidades fanse ao longo dos anos e dos séculos e nós queremos seguir avanzando, por iso traemos xente que nos poida ensinar e axudar a coñecer as vangardas do mundo. Queremos seguir aprendendo cos encontros de Urbtopías”, destacou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na súa intervención no debate xunto aos arquitectos David Sim, Ola Gustafsson e Teresa Táboas, moderados polo xornalista Fernando González ‘Gonzo’.

"A cidade suave significa estar máis fóra, compartila con outras persoas, vivir dun xeito máis local", defendeu o arquitecto David Sim

A vida na cidade é algo que se practica, sabemos que camiñar é bo porque o facemos todos os días. Pontevedra ten unha posición importante porque ten unha poboación urbana moi forte que se beneficia desa cidade”, salientou David Sim, quen incidiu en que as altas porcentaxes sobre xente que vive en cidades no mundo non son reais, pois só arredor dun 12% da poboación viven en verdadeiras urbes funcionais, e moitas persoas viven en espazos urbanos que precisan si ou si do coche para moverse.

Joana Meneses propón relacionar o concepto de cidades creativas "co benestar dos residentes nas cidades", o que pasa "por procesos colaborativos de pensamento sobre a cidade"

A participación de toda a sociedade na construción das cidades foi un aspecto transversal aos encontros de Urbtopías, David Sim e Ola Gustafsson acuñaron o termo ‘cidades suaves’ para sinalar aquelas con “dimensións humanas”, que “permiten que a xente se poida comportar de maneira máis sustentable”. “Para min a cidade suave significa estar máis fóra, compartila con outras persoas, vivir dun xeito máis local. Ao estar máis no espazo público estamos máis conectadas e conectados coa veciñanza”, debullou Sim. E a escoita activa das veciñas e veciños das cidades nas que traballan como arquitectos e urbanistas, engadiu Gustafsson, resulta fundamental para o éxito deses proxectos.

A experiencia que compartiu Joana Meneses, coordinadora executiva de Braga 25 – Capital Portuguesa da Cultura, sobre o traballado na cidade de Braga é outro exemplo de “auscultación” de quen vive na cidade. “En Braga fixemos un documento estratéxico para a seguinte década que supuxo un diagnóstico da cidade con conversas profundas coa veciñanza. Un proxecto que apunta camiños, non necesariamente dá respostas porque hai que deixar a apertura suficiente para incluír o que pasa na cidade, máis aínda cando a poboación está a medrar”, conta Meneses sobre os comezos da planificación na cidade portuguesa para optar á capital europea da cultura.

Joana Meneses participou do debate A cidade creativa xunto á directora da revista VINTE María Yáñez e o decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Xosé M. Buxán Bran, moderados pola xornalista Marta Gómez. Esta licenciada en Arte e Patrimonio traza as características desas cidades creativas baseadas nun modelo de finais dos anos 90, moi centrado no desenvolvemento económico, que derivou en eivas coñecidas na actualidade como a xentrificación ou a exclusión social, e que incluso acabou por xerar maior desigualdade no acceso á cultura. Ela contrapón ese modelo co concepto de capitais europeas da cultura promovido pola UE, máis pegado ás problemáticas sociais e á protección medioambiental.

Segundo detalla, houbo un uso “discrecional” do concepto de cidades creativas como “fórmula máxica” para resolver eivas nas grandes urbes. “Daquel modelo inicial aquilo que pode ser recuperado é relacionar este concepto co benestar dos residentes nas cidades, e iso pasa por procesos colaborativos de pensamento sobre a cidade. Dicíase que fomentando a creatividade se podería chegar a mellores solucións para as cidades, pero despois algúns destes valores diluíronse ao centrar a importancia no rendemento económico desas cidades creativas”, asevera Joana Meneses.

No coloquio arredor do Xornalismo urbano, no que participaron os xornalistas Ana Pardo de Vera, Silvia Intxaurrondo, Rodrigo Cota e Ramón Rozas, moderados por Jorge Rodríguez Álvarez, profesor na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, centráronse en como se conta desde os medios de comunicación a narrativa propia de cada cidade. “As cidades somos a veciñanza. Deixamos de vivir as cidades, de tal maneira que se agora queremos recuperar o espazo público o primeiro que temos que facer é reconquistalo. Falar diso ante veciños de Pontevedra, que xa deron ese paso hai anos, pode parecer estraño. Pero na miña opinión a primeira tarefa dun medio de comunicación debe ser crear conciencia porque probablemente hai cidades que non saben que poden vivir mellor”, argumentou Silvia Intxaurrondo.

Rodrigo Cota, Silvia Intxaurrondo, Jorge Rodríguez Álvarez, Anabel Gulías, Ana Pardo de Vera e Ramón Rozas © La Marela/Urbtopías

Paisaxes sonoras das urbes

Cada cidade ten unha paisaxe sonora cunha identidade propia, a pesar de que a tendencia é á homoxeneización dos sons á vez que as paisaxes tamén se homoxeneizan polo fenómeno da globalización. “Todos os sons das grandes cidades do mundo son practicamente iguais, probablemente o que marque a diferenza sexan as linguas que se falan, pero nos centros das cidades que cada vez son máis turísticos as falas van ser case as mesmas”, explica o musicólogo, artista sonoro e investigador Xoán-Xil López, co-fundador de escoitar.org (2006-2016), un colectivo dedicado ao estudo da paisaxe sonora e a auralidade.

"A peculiaridade da paisaxe sonora fronte á visual é que é algo inmersivo. Se algo non te gusta nunha paisaxe visual podes decidir non contemplalo, ou evitalo; porén, non podemos escapar dun son", di Xoán-Xil López

A homoxeneización no caso da paisaxe sonora supón un "empobrecemento" e un dos principais responsables disto é o tráfico. Como conta Xoán-Xil López, en Pontevedra a retirada de gran parte do tránsito de vehículos da améndoa central da cidade permitiu “desconxestionar” a súa paisaxe sonora. “O problema de que haxa pouca diversidade sonora nunha cidade é que se tende á continuidade sonora, non hai practicamente silencios. Así, prevalecen os sons que teñen máis volume sobre outros sons máis sutís”, debulla sobre o falado no debate Paisaxe sonora e cidade, no que tamén interviron o sociólogo e urbanista Jean-Paul Thibaud e Luís López Alonso, membro do grupo de investigación GRADES (Gramática, Discurso e Sociedade) e investigador na Universidade de Vigo, moderados pola xornalista Carolina Neira.

Neste encontro reivindicaron a importancia da escoita á hora de deseñar urbanisticamente unha cidade. “Moitas veces a humanización das cidades poderíase facer cambiando cuestións que apelan a sentidos como o da escoita. Mellorando aspectos sonoros a xente podería experimentar ou relacionarse mellor coa cidade, con investimentos moito máis sostibles ademais”, defende Xoán-Xil López, para apuntar que “a peculiaridade da paisaxe sonora fronte á visual é que é algo inmersivo. Se algo non te gusta nunha paisaxe visual podes decidir non contemplalo, ou evitalo; porén, non podemos escapar dun son”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.