Vigo concéntrase en repulsa polo asasinato machista de 'Tilde', veciña de Teis

Concentración de repulsa en Compostela polo asasinato machista de 'Tilde' © Plataforma Feminista Galega

Clotilde era viguesa, do barrio de Teis, e traballara durante anos vendendo peixe no Berbés. Levaba arrastrando durante décadas agresións de todo tipo e malos tratos psicolóxicos continuados

O pasado mércores unha muller de 82 anos foi asasinada polo seu marido en Tenerife. O home, de 83 anos, que se lesionou despois de matar á súa dona, foi detido de inmediato. A muller, Clotilde, máis coñecida como Tilde levaba arrastrando durante décadas agresións de todo tipo e malos tratos psicolóxicos continuados, segundo salientaron nos días seguintes veciños e familiares.

Clotilde era viguesa, do barrio de Teis, e traballara durante anos vendendo peixe no Berbés. Pasaban de forma habitual longas estadías nas Canarias, onde vivía unha das súa fillas. 

O pasado sábado nunha concentración en Teis ducias de persoas reuníronse para berrar que "non é un caso illado, é o patriarcado" e que "o machismo mata"

Unha vez coñecido o asasinato convocáronse en Galicia concentracións de repulsa, tanto a cargo de concellos e outras institucións públicas como a través de organizacións feministas. A máis importante foi a que tivo lugar o pasado sábado no propio barrio de Tilde, en Teis, onde ducias de persoas reuníronse para berrar que "non é un caso aillado, é o patriarcado" e que "o machismo mata". Este luns pola tarde está convocada unha nova concentración en Vigo, desta volta na localización habitual ás portas do MARCO ás 20 horas. O chamamento é da plataforma Feminismo Unitario Vigo.

Trátase da 14ª muller asasinada no que levamos de ano no Estado español no marco da violencia de xénero. Porén, outras estatísticas que teñen en conta todos os feminicidios elevan a cifra a 37

Trátase da 14ª muller asasinada no que levamos de ano no Estado español no marco da violencia de xénero, segundo a estatística oficial do Ministerio de Igualdade. Ningún deles se produciu en Galicia -a morte de Clotilde será adscrito ás Illas Canarias na estatística- que no pasado mes de setembro asistiu ao asasinato dunha muller de 52 anos na Coruña, de momento o último asasinato machista no noso país.

Con todo, outras estatísticas coma a de Feminicidio.net, elevan a 37 as mulleres mortas a mans de homes no que levamos de 2022 no Estado Español, tendo en conta nestas cifras tanto os "feminicidios íntimos" (a cargo de parellas ou ex parellas), os "feminicidios familiares" (a cargo dalgún parente distinto do marido) e outros asasinatos, ligados moitas veces á violencia sexual. Nesta lista figura, por exemplo, Jessica Méndez, de 29 anos e residente en Barro, asasinada por un veciño que a acosara durante anos

Convocatoria da concentración en Vigo polo asasinato de 'Tilde' © FeminismoUnitarioVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.