Álvaro Fernández Braña defendeu hai uns días na Universidade de Santiago a súa tese de doutoramento, Impact of the pricing policy on the environmental performance of urban waste management systems, na que analiza o efecto que tería na cantidade de residuos xerados a apliación dun sistema de tarifas variables para a recollida do lixo en función do peso.
O traballo escolleu como obxecto de estudo unha experiencia piloto levada a cabo nun barrio da cidade lusa de Aveiro e enmárcase no proxecto europeo LIFE PAYT
O traballo, que foi dirixido conxuntamente polo catedrático da USC Gumersindo Feijoo Costa, e pola profesora da Universidade Aberta de Portugal, Célia Dias Ferreira, escolleu como obxecto de estudo unha experiencia piloto levada a cabo nun barrio da cidade lusa de Aveiro e enmárcase no proxecto europeo LIFE PAYT que analiza o desenvolvemento experimental deste sistema ('pay-as-you-throw' ou 'PAYT' -paga só polo que botas ao lixo-) en cinco localidades de Chipre, Grecia e Portugal. Este sistema 'pay-as-you-throw' está a ser instaurado dende hai décadas en países da Europa Central como Alemaña, Austria, Chequia ou Suíza.
Entra en xogo "a percepción que se ten, tanto de sometemento a un control externo, como do control interno da persoa sobre ese mesmo prezo por medio das súas accións”, di o autor
A tese de Fernández Braña conclúe que a medida que os prezos na tarifa do lixo se ven incrementados en función da cantidade de residuo producida, máis habitantes deciden adoptar prácticas sustentables. O autor explica que “o resultado confirma que non é unicamente o valor pagado na tarifa o factor que induce á mudanza de hábitos, senón a percepción que se ten, tanto de sometemento a un control externo, como do control interno da persoa sobre ese mesmo prezo por medio das súas accións”.
Outros factores relevantes son a propia conciencia persoal no relativo á sensibilidade co medio ambiente, así como a concienciación exercida pola presión social da veciñanza
Outros factores relevantes son a propia conciencia persoal no relativo á sensibilidade co medio ambiente, así como a concienciación exercida pola presión social da veciñanza. O grao de compromiso da cidadanía ten o seu reflexo no resultado ambiental: canto máis sustentable é o comportamento das persoas fronte ao lixo, menores son os impactos ambientais que este xera. Con todo, esta mellora é limitada. “A medida que o aumento do prezo da tarifa se incrementa, máis difícil se volve reducir aínda máis o impacto ambiental dos residuos, dado que a marxe de mellora dispoñible vai sendo cada vez menor”, engade.
"As porcentaxes de recolla selectiva de materiais reciclables tenden a ficar invariables nos últimos anos. Cómpre atopar unha maneira efectiva de responsabilizar a cidadanía dos problemas ambientais derivados dos residuos que producen" di
O traballo tomou como punto de partida os sistemas de pagamento do servizo de xestión de residuos desligados da súa xeración, as taxas de valor fixo, habituais en Galicia, ou vinculadas a unha variable allea á produción de residuos, nos cales non existe recompensa para quen menos lixo produce. “Proba diso é que as porcentaxes de recolla selectiva de materiais reciclables tenden a ficar invariables nos últimos anos. Vólvese preciso, pois, atopar unha maneira efectiva de responsabilizar a cidadanía dos problemas ambientais derivados dos residuos que producen, e iso podería lograrse por medio das tarifas variables”, apunta Fernández Braña.
Galicia é a segunda comunidade autónoma, só por diante de Asturias, que menor porcentaxe de residuos recicla, recupera ou composta
Os últimos datos publicados hai uns meses amosan que Galicia recicla o 15,9% dos residuos e composta outro 5,5%, para sumar un 21,4% de materiais recuperados, moi lonxe do 38% de media no Estado español. Galicia é a segunda comunidade autónoma, só por diante de Asturias, que menor porcentaxe de residuos recicla, recupera ou composta e, ademais, é o segundo territorio que máis proporción de lixo incinera. Ademais, nos últimos cinco anos Galicia practicamente non mellorou os seus resultados de recuperación, pasando do 19,3% ao 21,4%
O tribunal que valorou a tese decidiu outorgar a cualificación de sobresaliente cum laude á investigación de Fernández Braña, que pertence ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).