O festival que se espalla pola Costa Ártabra celebra o seu décimo aniversario cunha xornada inaugural dedicada ao esclipse solar e acollerá a estrea do Ensemble 100xMILES, unha formación de destacados músicos de jazz galegos creada expresamente para celebrar o centenario de Miles Davis
O décimo aniversario do festival Jazz de Ría de Ferrol vén marcado polo centenario do nacemento do mítico músico Miles Davis e mais por unha circunstancia excepcional: que o certame se celebra nun dos mellores lugares da xeografía do país para visionar o eclipse deste 12 de agosto.
Artistas de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda, Estados Unidos, Galicia e España converterán a Costa Ártabra nun punto de encontro internacional desde o mesmo mércores, 12 de agosto, ata o domingo 16.
O festival comeza por todo o alto cunha sesión especial preparada a cargo de DJMIL (produtor, entre outras artistas, das Tanxugueiras) en San Antón de Corveiro, en Cedeira, un dos puntos da costa galega que ofrecerá un maior tempo de escuridade total, con 1 minuto e 43 segundos de ocultación completa do Sol [o público recibirá gafas homologadas para seguir a eclipse con seguridade].
Poucos minutos despois da ocultación do Sol, Xabier Díaz presentará un directo co repertorio tradicional galego en diálogo co jazz xunto aos músicos Iván Costa, Roberto Grandal e Guillermo Guerrero
O produtor galego DJMIL, habituado a construír universos sonoros mesturando vinilo, electrónica e músicas de raíz, abrirá un diálogo entre tradición e contemporaneidade que servirá de preludio ao concerto inaugural, a cargo de Xabier Díaz.
Poucos minutos despois da ocultación do Sol, Díaz presentará un directo cunha formación pouco habitual nos escenarios galegos, pois estará acompañado polos músicos Iván Costa, Roberto Grandal e Guillermo Guerrero, cos que revisitará o repertorio tradicional do noso país desde a improvisación e o diálogo co jazz e o folk, convertendo melodías transmitidas durante xeracións nun espazo aberto á creación contemporánea.
A programación da décima edición do Jazz de Ría está fiada arredor do relato que conecta a melodía do chifro do afiador José María Rodríguez rexistrada por Alan Lomax nunha aldea ourensá coa peza que anos máis tarde interpretou Miles Davis no traballo Sketches of Spain.
O certame organizado por Luneda Producións propón un itinerario entre Cedeira, Valdoviño, Narón, e Neda que permitirá ao público achegarse a esa conexión entre a música tradicional galega e unha das figuras fundamentais do jazz do século XX, desde perspectivas moi diferentes que van abordan a narración oral e as experiencias no territorio.
O xoves 13, o relato continuará no Castro do Rodo, en Valdoviño, coa intervención de Marina Vigo, Luís Bolón e Sandra Pérez, unha proposta construída a partir das gravacións realizadas por Alan Lomax en Galicia. O repertorio inclúe precisamente a melodía do chifre do afiador José María Rodríguez que inspirou a Miles Davis, reinterpretada agora desde unha mirada actual, con novas texturas sonoras creadas con gaita, zanfona e marimba.
A xornada do día 13 en Valdoviño rematará co dúo peruano Alejandro y María Laura, recentemente seleccionado nos premios Latin Grammy, que levará ata a praia do Baleo unha proposta de canción de autor con influencias do jazz e da música de raíz latinoamericana.
O venres 14 chegará a estrea do Ensemble 100xMILES, unha formación creada expresamente para celebrar o centenario de Miles Davis que reúne algúns dos músicos máis destacados do jazz galego. O concerto no Pazo da Cultura de Narón renderá homenaxe ao trompetista recuperando o histórico repertorio do concerto que ofreceu xunto a John Coltrane no Olympia de París en 1960, ademais doutras composicións imprescindibles como Round About Midnight, Oleo ou So What.
Quico Cadaval converterá a historia de José María Rodríguez e do seu chifre nun exercicio de narración oral onde memoria, improvisación e humor dialogarán coa esencia do jazz
O fío narrativo pecharase o sábado 15 no Mosteiro do Couto de Narón coa contada de Quico Cadaval, que converterá a historia do afiador ourensán e do seu chifre nun exercicio de narración oral onde memoria, improvisación e humor dialogarán coa esencia mesma do jazz.
Ademais, no Parque do Río Freixeiro, o público asistirá a un dos poucos concertos que ofrecerán na península a formación da cantante palestino-irlandesa Sarah Dowling e o pianista estadounidense Michael Kanan, dous referentes do jazz clásico internacional. Polo mesmo escenario pasarán Albert Cirera & Tres Tambors e o Yosvany Terry Quartet.
O peche do festival será o domingo 16 na Ribeira de San Nicolás, en Neda, da man do compositor e improvisador de Tucumán (Arxentina) Manu Sija, recoñecido pola súa capacidade para integrar improvisación, folclore e experimentación electrónica nun mesmo directo.
Toda a programación é de balde, a información concreta sobre horarios e retirada de convites (nas actividades que o precisan) do Jazz de Ría está dispoñible no seu sitio web.