Aquí tamén se canta en galego: a iniciativa do IES Rafael Dieste trae agora un festival gratuíto

Presentación do festival 'Aquí tamén se fala', este venres na Coruña © Aquí tamén se fala

O venres 7 de xuño actuarán na Praza da Tolerancia da Coruña Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira, nun festival gratuíto e en galego

Nas aulas do IES Rafael Dieste da Coruña botou a andar a finais do curso pasado unha iniciativa cultural e de dinamización lingüística, Aquí tamén se fala, que hai uns meses se espallou por 200 centros de ensino de toda Galicia. O obxectivo inicial desta experiencia era "rachar cos prexuízos" e cunha "imaxe distorsionada" que amosaba unha suposta Galicia urbana que non fala galego e que encheu as rúas da Coruña -especialmente no comercio local- de carteis que indicaban que "aquí tamén se fala galego". Neste ano 2024 o alumnado dos preto de 200 centros de ensino participantes distribuirán máis de dez mil carteis semellantes noutros tantos espazos de todo o país.

Pero o Aquí tamén se fala é tamén un Aquí tamén se canta. A música é un dos piares fundamentais do proxecto que, por exemplo, inclúe a realización dunha playlist con 250 cancións en galego ou a gravación de concertos acústicos de músicos e músicas galegas, unha iniciativa que inaugurou Lucía Aldao o pasado mes de novembro no auditorio do instituto coruñés e que foi continuada con vídeos de Ataque Escampe, de The Rapants, de César Morán, do Leo de Matamá, de Grande Amore ou de Xoán Rubia.

A música é un dos piares do proxecto. Nos últimos meses o alumnado está a gravar actuacións acústicas de artistas e bandas do país e tamén creou unha playlist de música en galego en Spotify

Agora, a iniciativa trae tamén un festival musical. Será o venres 7 de xuño a partir das 17 horas na Praza da Tolerancia da Coruña, e que enlaza coa Festa dos Porcos de San Roque de Fóra e Labañou, recuperadas o pasado ano e que se celebrarán durante esa fin de semana. Será un festival gratuíto e, por suposto, en galego, cun cartel encabezado por Grande Amore, con Boyanka Kostova, Leria e Lontreira.

O festival foi presentado esta mañá no IES Rafael Dieste polo o profesor de Lingua e Literatura galega Alberto Pombo, impulsor inicial do proxecto Aquí tamén se fala, que destacou que foi o propio alumnado o que seleccionou os grupos participantes.

“Creo que estamos a romper cos estereotipos de que o galego é só para o rural”, explicaba Darío Regueira, alumno de 1° de Bacharelato no IES Rafael Dieste. Un obxectivo no que nos últimos anos a música está a ter un papel fundamental

No acto participaron tamén os representantes institucionais da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, da Deputación e máis do Concello da Coruña, da Xefatura Territorial de Educación e do propio centro educativo, a carón dos organizadores e dos músicos Nuno Pico (Grande Amore) e May (Leria).

Nos últimos meses a iniciativa tamén conseguiu a participación de numerosos clubs de fútbol -coma Celta, Rácing de Ferrol, Dépor e Lugo- que tamén se unen á promoción da lingua galega e ao seu uso con normalidade. E, igualmente, a incorporación de persoas destacadas do mundo da cultura, tanto galegas coma de fóra, como Viggo Mortensen, Amaia, Joao Afonso, James Rhodes, Mario Obrero, Tanxugueiras, María Vázquez ou Tamar Novas.

O proxecto educativo Ao Son da Nosa Música o a exposición cantaMOLAen galego, son dous dos exemplos da importancia da música para a difusión da lingua entre a mocidade

“Creo que estamos a romper cos estereotipos de que o galego é só para o rural”, explica Darío Regueira, alumno de 1° de Bacharelato no IES Rafael Dieste nesta reportaxe que publicamos hai uns meses en Praza.gal. Un obxectivo no que nos últimos anos a música está a ter un papel fundamental, aproveitando o excelente momento da escena musical en galego, cunha variedade de estilos e calidade nas propostas nunca vista anteriormente.

Temos, por exemplo o proxecto educativo Ao Son da Nosa Música, impulsado por Manuel Maseda e Martiño Ramos, e co obxectivo de conectar e difundir as actividades nas aulas arredor da música en galego e achegar aos centros as creacións artística. "A rapazada non coñece as propostas que lles traemos e logo sorpréndense de que tamén haxa xente que cante en galego os estilos e xéneros que lles gustan", destaban os responsables da iniciativa nesta entrevista.

Ou, igualmente, a exposición cantaMOLAen galego, organizada pola concellería de Normalización Lingüística e Xuventude de Pontevedra e redactada e comisionada por Pepe Cunha, que amosou a diversidade da música en galego actual, e que foi recoñecido como Mellor proxecto novo nos III Premios Mil Primaveras. "Foi moi emocionante, porque vías a reacción da xente, preguntándose “pero hai toda esta música en galego?”. Pois si que a hai", destacaba nesta entrevista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.