"E pensar que nos conventos medievais se copiaban historias que trogloditas con poder do ano 2025 quererían queimar"

Carlos Callón © Marcelo Vegi

'Vidas e historias LGBT da Idade Media' é o libro que a Carlos Callón lle gustaría ter lido na súa adolescencia, onde trata de ampliar a nosa visión do mundo medieval a partir da análise de cantigas e documentos da época, lonxe do puritanismo e das limitacións que lle foron impostas

Desde o ano 1999 cando Carlos Callón (Ribeira, 1978) publica un primeiro artigo sobre o noso patrimonio trovadoresco e a diversidade afectivo-sexual ata a chegada do libro Vidas e historias LGBT da Idade Media (Xerais, 2025) ás librarías e bibliotecas pasaron vinte e seis anos nos que a ollada da sociedade mudou –e o que lle queda– grazas en grande medida á teimosía e valentía de aquelas persoas que non permitiron que se seguira mirando cara a outro lado. O certo é que eses referentes que eran tan necesarios para o Callón adolescente xa estaban nas cantigas medievais, e el non parou ata reunir todas as evidencias posibles para compartilas cos seus contemporáneos. Este é o libro que a el lle gustaría ter lido na súa xuventude, pero non é o único que publica neste comezo de ano, pois este febreiro Xerais tamén publica o volume Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradiciónal galega, asinado por Callón.

Cos seus últimos libros, de corte ensaístico, logrou un forte movemento que vai máis alá do propio libro: camisolas, vídeos, debates, encontros...

Para min é moi importante primeiro investigar, ser todo o rigoroso no académico e na obxectividade, e que se hai algo a onde non se pode chegar avisalo. Mais unha vez que se investiga, tamén é importante pasar tempo dixerindo a investigación para poder dala a coñecer. Hai un campo de presentación en congresos e especializada, onde se pode manter outro tipo de linguaxe, mais acontece que moitas veces o que se fala nos congresos, mesmo o que son descubertas ou achados interesantes, non chegan á sociedade; e para min é fundamental que chegue. Por iso cada un destes libros ten todas estas cousas ao redor. N’O libro negro da lingua galega están os adhesivos, os cartaces, os roteiros, os vídeos... E neste caso xa hai unha canción de Projecto Mourente, o documental Maridos e sodomitas que fixemos con Nós Televisión e mais coa Deputación da Coruña, agora unhas camisolas que presentaron Acontravento e haberá máis sorpresas.

Presentación do libro na libraría Couceiro de Santiago de Compostela © Marcelo Vegi

Estas accións son as que poden chamar a atención da xente para que chegue ata o libro, pois nestes tempos pode ser máis difícil atrapar o interese do público directamente desde os libros...

Ademais hai cousas que eu descubro e outras que divulgo. Por exemplo, no caso do libro negro, o regulamento máis antigo que explica como castigar a nenos por falar en galego descubriuno Xulián Maure, eu o que fixen foi ir de novo o arquivo e aportar contexto, investigar e divulgar. Agora no caso Vidas e historias LGBT da Idade Media o caso do matrimonio máis antigo que se conserva o documento na Península Ibérica, eu divulgo e coa información que temos a día de hoxe podo explicar e contextualizar cousas, mais foi un investigador estadounidense nos anos oitenta, John Boswell, quen o indicou e editou este documento de Rairiz de Veiga.

O que é sorprendente é que non o soubésemos.

Exacto. Primeiro edítase en inglés nos Estados Unidos por un catedrático medieval de Yale, un libro que ten recoñecemento internacional e se traduce ao español. E mesmo así, para min foi unha sorpresa cando o atopei no libro de Boswell. Case que ollaba cara aos lados preguntándome: onde estaba isto que ninguén mo contou? Eu sigo os pasos, e tamén acabo por atopar cousas novas, mais é fundamental divulgar o que obxectivamente outras investigadoras e investigadores conseguiron e sumar a nosa achega.

"Para termos unha visión o máis fidedigna temos que intentar retirar as capas de puritanismo e de recristianización do pasado, que aconteceron sobre todo na idade contemporánea"

Dis que este é o libro que querías ler cando eras adolescente.

Claro, nos anos noventa non había a visibilidade LGBT que fomos conseguindo neste tempo. Penso na telenovela estadounidense Melrose Place, que había un personaxe gai e sempre estaba o coitado cunha cariña triste, sempre tiña problemas... Os outros tiñan os problemas de vivir, quérote ou non te quero, pero el sempre tiña un malestar existencial. E cando lle ía dar un bico a un dos mozos, fundido en negro: non se podía ver. Quen di iso é que tampouco coñecías referentes como agora. O que eu encontraba da nosa cultura, do trovadorismo, eran só sátiras contra a homosexualidade. Despois, coa investigación, fun vendo que hai máis ángulos, por un lado que algúns textos que se presentaban como sátiras non eran tal, ás veces eran sátiras pero contra un mal amante, que non é o mesmo queixarte de que non me gusta como o fas, a que non me gusta que sexas home, son cousas moi diferentes. Outras non ían contra a homofobia senón contra a pasivofobia, que tamén é un matiz.

O capítulo dedicado a esta diferenza entre homofobia e pasivofobia é moi ilustrativo. Que capacidade temos de que nos afecten os enfoques e as lecturas doutros case sen decatarnos.

Pois si, mesmo cando fixen a tese de doutoramento sobre o tema no noso rico e querido trovadorismo no ano 2017, e moitos aspectos que eu conseguín reunir en realidade eran notas de rodapé de diferentes investigadores e investigadoras; e con iso acabas tendo unha tese de dous tomos onde demostras que hai moito que contar. Para termos unha visión o máis fidedigna temos que intentar retirar as capas de puritanismo e de recristianización do pasado, que aconteceron sobre todo na idade contemporánea.

Capa do libro 'Vidas e historias LGBT da Idade Media', de Carlos Callón © Xerais

No libro analizas unha cantiga de Rodrigo Eanes de Vasconcelos para ver como pode falar do amor entre homes, por primeira vez en primeira persoa. Como pode ser que iso non se apreciara xa hai anos sobre esta cantiga?

Si, e o que é máis sorprendente aínda: como pode ser que esa cantiga, o considerado pope dos estudos do trovadorismo, Giusseppe Tavani, a interpreta dese xeito e a xente mira cara a outro lado? Chama a atención que cando persoas cunha credibilidade académica e cunha traxectoria como a súa non se teñan en conta xusto cando sinalan algo así, pero está o problema de que as persoas que non están dispostas a aceptar que esa diversidade existe ningunha proba serve. Nesta cantiga poden falar de diferentes tipos de segmentación... mais na cantiga de Maria Mateu, onde di explicitamente tam desejosa me és de cono como eu!, máis explícito é imposible ser.

"A sodomía é o delito/pecado máis útil porque podes acusar a calquera persoa sen ningún tipo de proba"

Sorprende que fose xa na Idade Media cando se constrúe o pecado que vai marcar os séculos seguintes, a sodomía.

É fascinante, por que motivo o que pasou a ser considerado por boa parte da xerarquía cristiá como pecado non está nos Evanxeos? En que momento Xesús Cristo di algo do pecado de dous homes ou dúas mulleres que fan...? Non di nada, e fala de moitas cousas, fala do malos que son os ricos, por exemplo. Esta é unha cuestión que temos que colocar enriba da mesa. A resposta que se dá normalmente é que na baixa Idade Media se produce un fenómeno dunha sociedade represora, que normalmente se identifica tamén co fortalecemento das monarquías nese período histórico e a necesidade de apuntalar o poder do monarca. A sodomía é o delito/pecado máis útil porque podes acusar a calquera persoa sen ningún tipo de proba. No caso do reinado de Afonso o Sabio, sabemos que condena a morte a persoas por sodomía, pero que tamén inflúe nisto a clase social á que pertencera a persoa. De feito, é Castela o primeiro sitio de toda Europa onde se condena a persoas por este motivo.

A publicación deste libro foi tristemente acompañada dun movemento de moita agresividade e odio. Podías esperar algo así?

Son os tempos que vivimos, é verdade que non é a primeira vez que me acontece algo semellante, co libro negro houbo moito negacionismo e con Amigos e sodomitas no ano 2011 saíu unha reseña no Faro de Vigo tres meses antes de que o libro se publicase. Mais de calquera xeito, aínda que teña esas experiencias, nunca coma esta. Nunca. O feito de que se pida queimar a miña obra, que se pida que me maten son auténticos despropósitos que hai uns anos serían eliminados inmediatamente nas redes sociais. É un disparate, pero xunto con todo iso teño que agradecer todo o apoio recibido. Temos que remar para que o mundo sexa outra cousa, non podemos habituarnos a este rexeitamento da existencia do outro. 

Carlos Callón presentando o libro en Compostela © Manuel Nóvoa

"O combustible principal destas investigacións é o entusiasmo"

Das personaxes das que falas do Reino de Galicia, que é o que máis che sorprendeu?

É que ao final o combustible principal destas investigacións é o entusiasmo. Entón, claro, cada vez que me ía encontrando cunha cousa ese entusiasmo aumentaba. Están Sancha Pêrez e Maria Leve, que haxa unha parella de mulleres que saibamos a rúa de Santiago na que viviron, ou pensaron en vivir, iso xa ten un grande valor non só a nivel do Reino de Galiza, senón a nivel europeo porque non hai información semellante. O caso do adiantado maior do Reino de Galiza e a súa relación co adiantado maior do Reino de León é moi valioso porque ten unha dimensión literaria moi forte, con sátiras moi traballadas que sabemos que tiñan música aínda que non a conservemos; e que ademais ten unha dimensión política e sabemos que ten relación da revolta contra Afonso o sabio. É moi difícil escoller porque tamén está a cantiga de amiga lésbica, moi interesante tanto polo que di como por como a intentaron modificar diferentes editores, que son os primeiros en mostrar que a identificaron como lésbica ao mudaren os pronomes de feminino para masculino. Só iso xa é interesante, mais ver esa cantiga é contexto tamén o é. E non esquezo os santos trans, pensar que nos conventos medievais se copiaban historias que trogloditas con poder do ano 2025 quererían poder queimar.

"Non temos que ser fatalistas, pero hai que constatar que estamos ante o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua"

Cómpre preguntarte tamén pola situación do galego, tanto polos datos do seu uso entre a poboación como por todo o que rodea á “renovación” do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e esa nova manifestación que convoca Queremos Galego para o 23 de febreiro en Santiago.

En primeiro lugar, moito orgullo polo traballo d’A Mesa e de Queremos Galego, se eu non fose socio d’A Mesa a día de hoxe, que o son, afiliaríame inmediatamente e animo á xente a que se afilie porque no paripé que organizou a Xunta sobre o plan de Normalización, cando Marcos Maceira e Celia Armas se ergueron para falar non é só que polas súas gorxas saísen as voces das persoas que amamos o galego, é que dalgún xeito o que dixeron podemos resumilo en catro palabras: o rei vai nu.

Que plan de normalización é se se está impondo unilateralmente sen contar co resto das forzas políticas e sociais? Iso que seriedade ten? Se houbese unha mínima vontade de mudar as cousas, o primeiro é escoitar os diferentes axentes sociais e forzas políticas, e estar disposto ou disposta a dialogar e conversas, e a escoitar tamén aos técnicos e técnicas. Nada disto se está facendo. De feito, están lexislando contra o galego. Se por vez primeira na historia non é preciso o coñecemento do galego nin para opositar na compañía pública dos nosos medios de comunicación que existe por algo. O conselleiro podería dicir, como Groucho Marx, aquilo de ‘a quen vas crer: a min ou aos teus ollos?’. Creamos aos nosos ollos. Merece unha reflexión que haxa persoas dispostas a lavarlle a cara aos verdugos do galego. Nestes momentos nos que están desprotexendo a nosa lingua nos diferentes ambientes sociais o que temos que facer é reclamar igualdade de oportunidades, que se garantan os nosos dereitos e que se cumpra coa lexislación, co Estatuto de Autonomía e cos tratados internacionais. Non temos que ser fatalistas, pero hai que constatar que estamos ante o desmantelamento da oficialidade da nosa lingua.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.