Encontros simultáneos para celebrar a Lois Pereiro dentro e fóra de Galicia

Lois Pereiro © Concello de Monforte

O Ateneo Casino de Monforte organiza para este sábado, día 5, un conxunto de encontros arredor da figura de Lois Pereiro nos 25 anos do seu pasamento

Diferentes homenaxes a Lois Pereiro conflúen no tempo este sábado, día 5, pero non no espazo. Con epicentro en Monforte, esta actividade expansiva terá réplicas ás 12:30 horas en diversas aldeas, vilas e cidades de Galicia e máis alá, pois chegará ata Barcelona. Será unha reivindicación masiva do poeta, ao que lle foi dedicado o Día das Letras Galegas en 2011.

"A actividade enmárcase nos actos conmemorativos do 25 aniversario do pasamento de Lois Pereiro que estamos a desenvolver dende o Ateneo", di María Loreto G. Cabanas, presidenta do Ateneo de Monforte. Unha efeméride que levan celebrando todo o ano coa intención de espallar a súa obra.  "A gran acollida demostra o enorme interese que esperta a figura de Lois e o agarimo co que é recibida a súa obra polas novas xeracións", salienta. 

CC-BY-SA Ateneo Casino Monforte

"Levamos moito tempo traballando nesta iniciativa que ten unha organización complexa", comenta Xosé Rodríguez, membro do grupo de acción social do Ateneo monfortino, sobre as diferentes accións que terán lugar este sábado. "Estaba previsto facela antes, pero por motivos pandémicos tivemos que adiala ata este momento". 

Olga Novo, Manuel Valcárcel, Antón Lopo e Gonzalo Herrero compartirán unha conversa no Ateneo de Monforte. E á mesma hora estarán Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Souto, Rosalía Fernández Rial, Montse Yoldi, Xoán Abeleira, Teresa Ramiro e Antón Laia na terraza da Buserana da Coruña, onde tocarán os músicos César Morán, Richi Casás e Antón Díaz. 

Unha vintena de conversas, recitais e actuacións musicais que manteñen viva a figura de Lois Pereiro

Pero a cousa non queda aí, na Libraría Paz de Pontevedra estarán Ana Acuña, Lucía Novas, Malvares de Moscoso, Ramón Rozas, Tamara Andrés e Xaime Toxo; no club Clavicémbalo de Lugo Carmen Conde, Sara Nebra e Nieves Neira; en Celanova organízase unha lectura de poemas por parte da veciñanza na Casa dos Poetas; en O Incio haberá tamén un recital aberto no cemiterio de O Viso; e en Barcelona Ramón Casanova e Anxo Baranga conversarán con socias da Asemblea Cultural Galega, e o público interesado, na súa sede. 

Os xardíns da Fundación Vicente Risco de Allariz acollerán unha lectura de poemas de Lois Pereiro a cargo de María Canal, Aroa Bosch, Yvonne Alonso, Fátima Domínguez Silva, Noe González Alamino, Mila Da Aira e Carlos Da Aira na que tamén haberá música en directo e micro aberto para as asistentes. Por outra banda, no Círculo de Recreo-Casino de Lalín estarán Benxamín Otero, Gracia Santorum, Javier Pereiro e Marta Negro; e na Casa da Cultura de Ourense participarán Arancha Nogueira, Antía Balvís, Ana Fraile Somoza e Raúl Gómez Pato, un acto no que tamén se proxectará unha peza de David Lynch. Toda a información sobre máis localizacións, inscricións e aforos está na web do Ateneo. 

O ano das Letras para Lois Pereiro supuxo un revulsivo para a súa obra e para a aparición de novas publicacións arredor da súa figura. No capítulo 4 do podcast Retrocorenta, conducido por David Lombao e Ana G. Liste, abórdase a diferente acollida desta celebración tanto en 2011 con Pereiro como neste 2021 con Xela Arias. No programa, Xosé Manuel Pereiro conta como tería recibido o seu irmán todo o acontecido ao seu redor nestes 25 anos e fala dos diarios que acaba de publicar Chan da Pólvora. 

A celebración dos '25 anos con Lois Pereiro', que se pode seguir nas redes sociais co cancelo #LP25anos, continúa este domingo en Monforte cun obradoiro de escrita creativa impartido pola poeta ourensá Arancha Nogueira, que terá lugar no Ateneo Casino de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas. Este taller conta cun máximo de dez prazas, previa inscrición. 

Ademais, o día 12 ás 12:30 horas o Ateneo acollerá o IV encontro galego de postcrossing, un exercicio de escrita colectiva no que se responderá ás postais recibidas nos últimos días desde todas partes do mundo. Unha resposta especial, pois o Ateneo creou unha postal conmemorativa coa figura de Lois Pereiro e os seus versos: Estou vivindo un soño repetido nas noites dos que me seguen querendo. Todo aquel que queira recibir esta postal pode enviar a súa propia ao enderezo do Ateneo (Avenida de Galicia, 31 - 27400 Monforte de Lemos, Lugo).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.