"É todo un orgullo facer realidade iniciativas coma esta dende o rural"
O festival SoaSuarna está organizado por un grupo de mozos e mozas da comarca dos Ancares, que foron quen de sacar adiante unha segunda edición que se celebrará este sábado, 22 de agosto, en Navia de Suarna cunha programación pensada para achegar novas propostas culturais á xente da zona.
"É todo un orgullo facer realidade iniciativas coma esta dende o rural", salienta a mocidade que conforma a Asociación Xuventude do Navia, promotora do festival, que naceu do traballo final de grao (TFG) de dúas rapazas vinculadas á comarca, Ximena Torrón e Lucía Castro.
Esta rapazada mobilizada segue apostando por crear no seu propio territorio os espazos culturais e de encontro que tantas veces bota en falta. Por iso, organiza nos días previos actividades que permitan que a veciñanza se reúna para colaborar na montaxe e compartir tempo.
Para facilitar que o público poida gozar da experiencia completa, o festival contará cunha zona habilitada para acampar. A programación comezará así o xoves 20, ás 19 horas, día no que a veciñanza está convidada a participar na decoración das lonas do escenario xunto coa artista Eva Piay, autora do cartel desta edición do festival.
Antía Muíño, De Ninghures, Futuro Alcalde, Kid Mount, Tona e La Duendeneta estarán no SoaSuarna, que tamén dedica unha sesión ao cinema
O venres 21, a partir das 21:30 horas, celebrarase unha noite de cinema na que Sebastián Uría falará sobre o filme Adiós Ríos e se proxectará o documental 360 Curvas cun posterior coloquio con parte da equipa que devolveu á actualidade a reivindicación veciñal da Fonsagrada nos anos noventa.
O sábado 22 a festa no SoaSuarna comezará ás 11 da mañá cun mercado de artesanía que contará tamén con dous obradoiros de coiro e cerámica. Haberá, ademais, xogos tradicionais e actividades para nenos e nenas da man de Miudinho, así como un obradoiro de baile impartido por Artur Puga. Ás 13 horas terá lugar o pregón do festival e, a continuación, Tona abrirá a programación musical.
A música regresará á noitiña cos concertos de Antía Muíño, De Ninghures, Futuro Alcalde e Kid Mount. Os picadiscos de La Duendeneta acompañarán a xornada e manterán a música viva entre as diferentes actuacións ata ben entrada a madrugada.
A organización fai fincapé en que esta selección artística reflicte unha das principais apostas de SoaSuarna: "artistas galegos, unha programación musical diversa, actual e especialmente orientada á mocidade, sen perder o vínculo coa cultura e coa identidade do territorio".
"A cultura pode contribuír a dinamizar o territorio, mais para que a xente nova poida quedar, regresar ou construír nel o seu futuro son necesarios servizos públicos dignos, conectividade e oportunidades durante todo o ano"
O SoaSuarna é unha realidade grazas á implicación da xente nova que aposta pola súa comarca. Con todo, lembran que iniciativas coma esta non significan que todo estea feito nin que a situación do rural deba idealizarse. "Navia de Suarna e a súa contorna continúan sufrindo as consecuencias de décadas de abandono: mala conexión a internet, compañías telefónicas que deixan a veciñanza sen cobertura e unha falta de persoal médico que afecta directamente á vida cotiá e á seguridade de quen reside na comarca", aseveran.
"Organizar un festival no rural é unha maneira de demostrar todo o que pode facerse cando existe vontade, compromiso e comunidade, pero tamén de sinalar os recursos e servizos que non poden depender unicamente do esforzo da veciñanza. A cultura pode contribuír a dinamizar o territorio, mais para que a xente nova poida quedar, regresar ou construír nel o seu futuro son necesarios servizos públicos dignos, conectividade e oportunidades durante todo o ano", engaden dende o equipo organizador do festival.