Músicas do instrumento que non se toca para saber máis do LSD do centeo do que non se falaba

Vinilo da banda sonora de 'Negro púrpura' © Illa Bufarda

"Unha compañeira de piso comentou un día que a súa avoa traficara con LSD". Alá por 2019 as integrantes da produtora Illa Bufarda comezaron a investigar sobre o dentón, o cornecho, o caruncho... Moitos nomes para un fungo que nace no centeo e noutras gramíneas, que ten efectos alucinóxenos pero que tamén se empregou como anticoagulante, para facilitar partos e para innumerables finalidades máis. Dende os segredos entre veciñas ata a industria a farmacéutica.

Daquelas pescudas naceu Negro púrpura, o documental que dende 2021 explica como a recolección e venda do dentón, do Claviceps purpurea, revolucionou algunhas economías labregas da Galicia dos anos 40 e 50 do século pasado. O documental de Illa Bufarda recuperou unha historia da que non se falaba e fíxoo cunha banda sonora realizada polo músico Paulo Pascual e o seu theremín, o instrumento que non se toca, pero que soa.

O thereminista Paulo Pascual © Sara Roca

O theremín non se toca porque non cómpre contacto físico para facelo soar. Foi un dos primeiros instrumentos musicais electrónicos da historia e data de hai un século, cando o inventou o soviético Léon Theremin. Pascual é un dos maiores expertos nel e así o demostrou nunha banda sonora que agora cobra vida propia en forma de disco de vinilo.

Santiago, Vilar de Santos e Vigo acollen durante o mes de marzo as presentacións da banda sonora de 'Negro púrpura' en formato vinilo, un compendio de sons contemporáneos e psicodélicos co theremín de Paulo Pascual

O vindeiro 2 de marzo (19h30, entrada de balde) o Teatro Principal de Santiago acollerá a primeira das tres presentacións do disco, que incluirán a actuación de Paulo Pascual e a proxección do filme e as intervencións do seu equipo técnico. O día 12 (13h) a segunda das presentacións celebrarase n'A Arca da Noe, en Vilar de Santos (10 euros concerto e presentación, 20 euros incluíndo xantar). O venres 17, a cita con Negro púrpura e a música do theremín chega ao café Uf de Vigo, na rúa do Pracer (20h), con entrada a 10 euros.

Quen se achegue ao disco -e ao documental- atopará os sons experimentais, electrónicos e psicodélicos que acompañan o relato sobre a historia do curioso fungo, "unha codia que garda un miolo delirante", explican dende Illa Bufarda. Agora, en formato vinilo.

Tráiler de 'Negro púrpura' © Illa Bufarda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.