"Nada hai máis poderoso que sentirse parte dun lugar e máis cando todo se globaliza"

As tres integrantes de Tanxugueiras © Raúl Béjar

O 16 de decembro de 2023 as Tanxugueiras fixeron historia. Por primeira vez un grupo ou artista cantando en galego foi quen de encher o Coliseum da Coruña, con capacidade para 9.000 persoas. Foi en pleno estoupido da onda expansiva que as converteu nun auténtico fenómeno social en Galicia e cun impacto mesmo fóra do país. Nos meses anteriores as Tanxus levaran o seu Terra ao Benidorm Fest e ás portas do Festival de Eurovisión.

Tres anos despois o trío redobra a aposta. Xa pasou a onda que as elevou -e que foron quen de surfear- no seu traballo anterior (Diluvio, 2022) e están a presentar o seu cuarto álbum, titulado precisamente O Cuarto, un traballo que celebra unha década de traxectoria. O vindeiro 17 de outubro Aída Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro volven ao Coliseum para de novo enchelo e presentar O Cuarto nunha noite de moitas sorpresas. Aínda quedan unhas poucas entradas dispoñibles.

Será, de momento, o único concerto en Galicia nunha xira de presentación que este outono e inverno as levará a salas do resto do Estado, comezando por León e Valladolid en outubro e seguindo xa en xaneiro en Madrid, Murcia e Valencia e en febreiro en Zaragoza, Vitoria-Gasteiz e Barcelona. Falamos con Aída Tarrío. 

"Para nós, o disco máis difícil foi Diluvio, porque estabamos no remuíño do Benidorm Fest e desa grande exposición, porque aí si que sentíamos que tiñamos que demostrar. Este último disco fixémolo sen necesidade de demostrar nada"

Din que o disco máis difícil para un grupo é o segundo, porque é onde hai que dar resposta a unha expectativas creadas. No voso caso este é o cuarto, como ben indica o seu título, pero é o que chega despois da onda de éxito que vivistes nos anos 2022 e 2023. Sentistes moita presión agora para manter o nivel, para amosarlle o que facedes ao público masivo que vos empezou a seguir estes anos?

Pois mira, direiche que é todo o contrario. Para nós, o disco máis difícil foi Diluvio, xusto o disco no que estabamos no remuíño do Benidorm Fest e desa grande exposición, porque aí si que sentíamos que tiñamos que ensinar o que eramos, que tiñamos que demostrar, ás veces mesmo de máis. Sentíamos que a xente tiña unhas expectativas moi altas e que as tiñamos que cumprir e mesmo superar, algo moi difícil. Hoxe somos máis conscientes do espazo que ocupamos e de cal é a nosa música e a onde chega e mesmo os límites que podemos ter. 

Este último disco fixémolo dende un punto totalmente diferente, polo tanto. Dende unas músicas moito máis conscientes, unhas persoas máis maduras, sen necesidade de demostrar nada, simplemente co ánimos de contar á nosa xente a través da música como estabamos, como nos sentíamos. Diluvio era un disco moi cara fóra, moito de ensinar, un disco no que mesmo pode parecer que estabamos enfadadas: era como dicir 'nós estamos aquí e mira o que facemos, mira o que somos'. En cambio este é un disco moito máis calmado. Ten a rabia que a veces sentes, pero unha rabia máis calmada, máis serena, máis madura.

"Quereremos repetir no Coliseum non tanto para facer un cheo, senón tamén para darnos a nós a posibilidade de poder vivilo doutra forma, de forma máis consciente"

Hai case tres anos enchestes o Coliseum da Coruña, un espazo para 9.000 persoas, no que foi un fito para vós e para a música galega. Agora volvedes ao mesmo escenario co obxectivo de volver enchelo. É un concerto especial para vós, entendo?

Pois mira, pasa un pouco como o que che dicía da diferenza entre estes dous discos, que marcan moito as últimas dúas etapas de Tanxugueiras. No 2023 é verdade que conseguimos un cheo e nós estabamos moi impactadas. Un cheo que -é certo- veu un pouco co rebufo do Benidorm Fest, digamos que tiñamos ese impulso. Porén, pódoche dicir que non fomos moi conscientes do que pasou, tiñamos e temos moitas lagoas dese concerto. Porque foi todo tan rápido, tan abafador para nós que a día de hoxe non recordamos moitas das cousas que pasaron ese día. 

En cambio este ano somos moito máis conscientes, é un concerto moito máis consciente e quereremos repetir, non tanto para facer un cheo, senón tamén para darnos a nós a posibilidade de volver a estar no Coliseum doutra forma, de forma máis consciente, de poder vivilo en primeira persoa, porque no 2023 vivímolo case dende fóra, en terceira persoa. É unha forma de dicir: despois de tantos anos -porque celebramos o noso décimo aniversario- aquí seguimos e a xente segue estando ao noso lado.

Chegar é difícil, pero é máis difícil manterse?

Si, iso é máis difícil de todo. Nós éramos conscientes disto dende que pasou e sabíamos que iba chegar o momento no que todo se ía estabilizar e que había que manterse. Nós temos moita experiencia niso, en manternos, levamos dez anos nisto. Sabíamos que é complicado non é tanto chegar e ter unha exposición como a que tivemos. Que tamén é complicado, ollo, pero non é o máis complicado. O máis difícil é que pasen catro anos e que ti sigas podendo vivir dignamente disto. 

"A día de hoxe o que máis nos emociona, tal e como están os tempos, que hai tantas divisións e problemas, é que cheguemos a un concerto e ver a todo mundo gozando xuntos dunha cousa. Parece que por un momento non está pasando nada malo no Mundo"

De O Cuarto que cancións che gustan máis? Cales representan máis o momento que estades vivindo? 

O Cuarto é un disco que é progresivo: comeza dunha forma e conta unha historia. Eu diríalle á xente que escoite todo o disco, pero se quere escoller algúns temas para saber de que vai pois diríalle que escoitase o primeiro tema, que é na noite; despois o último, que é todo amaina; e polo medio, encadear, que é un dos temas que pon moi en claro o que vivimos estes últimos anos.

De todas as cousas que estades vivindo estes anos, que é o que máis ilusión vos fai: os concertos masivos coma o do Coliseum ou cando actuastes en Riazor ante 80.000 persoas? Ou ver a cantidade de nenos e nenas que vos escoitan, que comezaron a tocar a pandeireta ou que e achegaron á música tradicional grazas a vós?

Todas estas cousas que dixeches fannos moita ilusión. Cada vez que se enche unha sala, cada vez que chega un neno ou unha nena a dicirnos que escoita a nosa música ou que fala galego grazas a nós, é algo que para nós é moi importante, por suposto. Pero eu creo que a día de hoxe o que máis nos emociona, tal e como están os tempos, que hai tantas divisións e problemas, é que cheguemos a un concerto e ver a todo mundo gozando xuntos dunha cousa, que parece que por un momento non está pasando nada malo no Mundo. Que unha persoa chegue e che diga: foi unha hora de esquecer todo malo que me está pasando na vida, creo que é o que máis nos reconforta a día de hoxe. 

As tres integrantes de Tanxugueiras © Raúl Béjar

"Agora estamos noutro momento espléndido para a música tradicional e as músicas de raíz. Chegará un punto no que a cousa baixe un pouco e outro no que volverá subir. O que temos que intentar é que cando a cousa baixe poidamos manter un bo nivel"

Nos últimos anos, en paralelo ao voso éxito (creo que ademais retroalimentando unha cousa e a outra) a música tradicional está a vivir un momento de expansión, chegando a moita máis xente. Cres que isto vai ser unha moda pasaxeira ou que vai deixar un pouso no futuro?

Mira: eu creo -como di un grande amigo meu- que a historia xa está escrita. Todo pasou, pas e volve pasar, é cíclico. Hai 20 anos vivimos unha época espléndida para o folk, logo baixou un pouco e logo volveu subir. E creo que iso pasará outra vez. Agora estamos noutro momento espléndido para a música tradicional e as músicas de raíz. Chegará un punto no que a cousa baixe un pouco e outro no que volverá subir. O que temos que intentar é que cando a cousa baixe poidamos manter un bo nivel para aproveitalo cando a cousa suba de novo. 

Está claro que as músicas de raíz sempre van estar aí. Porque é o que nos ancora á terra e o que nos ancora ao lugar de onde somos. Nada hai máis poderoso que sentirse parte dalgún lugar, sobre todo cando todo se globaliza. Isto faite crear unha identidade.

"Elas son as grandes mestras disto, foron as que gardaron todo o seu coñecemento, toda esta riqueza que a día de hoxe temos. Está claro que sen estas mulleres, sen estas mestras a cousa a día de hoxe seria moi diferente"

Nese proceso de recuperación da música tradicional está a darse un encontro xeracional: xente nova coma vós e mesmo máis nova, xunto cunha homenaxe ás mulleres que gardaron as tradición e a mantiveron viva. Toda homenaxe que se lles faga é pouca?

Por suposto, elas son as grandes mestras disto, de nós e de toda a xente que fixo camiño nestes anos. Elas foron as que gardaron todo o seu coñecemento, toda esta riqueza que a día de hoxe temos. Está claro que sen estas mulleres, sen estas mestras a cousa a día de hoxe seria moi diferente. E o mesmo podemos dicir das persoas que nas décadas do 80 e dos 90 fixeron este traballo de ir polas casas, polas aldeas, facendo gravacións e recollidas, dando a coñecer a vida, o cantar e a cultura destas mulleres, a súa forma de vivir, de expresarse. Ese traballo de campo foi importantísimo. 

"En Galicia non somos conscientes de como xente a acolle fóra e a realidade é que o recibimento é incrible xa dende a primeira nota"

Como vai ser o concerto do Coliseum? Haberá sorpresas? Pódense contar?

Vai ser un concerto moi especial, estamos construíndo algo moi grande para ese día. Van estar as Lagharteiras, que abrirán o concerto; non tiñamos dúbidas de que tiñan que estar, porque son unhas das nosas maiores referentes no mundo. Vai estar tamén María José Llergo, coa que imos facer un tema que estamos montando estes días. E tamén vai estar, obviamente, Valeria Castro coa que hai tres anos gravamos a canción de Hoxe, mañá e sempre que tantas alegrías nos deu e que estreamos precisamente no Coliseum. O que sei é que imos chorar todas todo o tempo, porque é unha cousa moi simbólica para nós poder volver cantar Hoxe, mañá e sempre xusto tres anos despois. 

E logo vai haber un par de colaboracións máis que en principio queremos gardalas para que sexan unha sorpresa ese mesmo día. Sobre todo hai unha delas que creo que vai ser moi icónica e que moita xente está esperando dende hai moitos anos e que ocorrerá por fin ese día no Coliseum. 

"O que pasou en Palencia non ten que quedar como unha anécdota, senón como algo que nos debe facer reflexionar. Ten que ser un feito que nos faga reflexionar e que sirva para apartar o odio e o ruído e ter máis en conta o respecto e a empatía"

Despois do concerto da Coruña chegarán citas no resto do Estado, comezando por León, Valladolid ou Madrid. Como se recibe a vosa música fóra de Galicia? 

Pois mira, a xente recibe fóra a nosa cultura, o noso folclore, a nosa tradición e a nosa lingua dunha forma que alucinarías. Xusto agora vimos de tocar en Sevilla e veu un amigo noso a vernos e flipaba con como estaba a xente. Porque, claro, en Galicia todos somos moi conscientes da tradición e da cultura pero non somos conscientes de como xente a acolle fóra e a realidade é que o recibimento é incrible xa dende a primeira nota. 

Xa publicáchedes a vosa valoración sobre o que sucedeu en Palencia hai unhas semanas. As imaxes que se viron amosaban como o problema procedeu dun grupo moi pequeno de persoas e que, en cambio, a maior parte do público estaba aí para vervos. Iso é o máis importante? 

Eu creo que o que pasou en Palencia non ten que quedar como unha anécdota, senón como algo que nos debe facer reflexionar. Nós estabamos alí para transmitir cultura, música e un momento de desfrute e todo o mundo ten dereito a expresar a súa opinión, pero no espazo no que poden facelo, sen molestar os demais. Pero nós o que nos queremos destacar do que pasou en Palencia é que había moitísima xente, moitísima que estaba ali para desfrutar do concerto e para gozar dunha cultura e dunha lingua diferente a súa, para querer aprender e compartir. Iso para nós é o máis importante, porque houbo moito ruído pero sobre todo houbo moitísima máis xente que estaba non tanto para apoiarnos a nós senón para gozar dunha lingua e unha cultura que non son a súa. Ten que ser un feito que nos faga reflexionar e que sirva para apartar o odio e o ruído e ter máis en conta o respecto e a empatía. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.