"Quixen que a historia comezara no presente porque xustamente é a maneira na que quería enfocar esa Memoria do que pasou e que segue a afectar a unhas persoas no momento no que se conta a súa historia", asegura Manuel Rivas sobre O lapis do carpinteiro
As fronteiras de verdade son aquelas que manteñen aos pobres apartados do pastel. Esta frase, tan punzante aínda a día de hoxe, advirte a quen le do tipo de libro que ten nas mans. O lapis do carpinteiro é unha novela adiantada ao seu tempo, a pesar de que a maioría da trama nos sitúe nos tortuosos anos do Golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil, a ditadura e as súas consecuencias. Un pasado que era case presente continuo en 1998, o ano no que Xerais publicou esta novela do xornalista e escritor Manuel Rivas, que xa viña marcando un camiño co seu libro de relatos Que me queres, amor? (Galaxia, 1995), no que se atopa a célebre historia d’A lingua das bolboretas, levada ao cinema por Fernando Fernán Gómez.
Rivas di que quería escribir unha historia de amor, tiña claro o que quería contar porque coñeceu de primeira man ás dúas persoas que converteu en protagonistas d’O lapis do carpinteiro, Marisa Mallo e Daniel Da Barca. O xornalista soubo dende o inicio que quería contar esta historia, o que máis lle custou ao escritor foi atopar a maneira exacta de facelo, de aí a importancia dese lapis vermello.
A novela presenta un amor tan certeiro que se mantén intacto co paso do tempo, da ausencia, dos perigos e, incluso, da brutal represión franquista. O lapis do carpinteiro vai cambiando de dono e en todos eles produce algunha mudanza. É o caso do gardián Herbal, que estaba chamado a ser o malo da historia mais resulta imposible de odiar.
“O lapis permite contar, no medio de tanta dor, tanta crueldade e tanta perda de conciencia o que para min é o máis verdadeiro da condición humana, que é iso que chamamos amor, afecto. É unha novela moi dura, pero na que tamén aparece o afecto nos lugares máis imprevisibles”, concretou Manuel Rivas na feira do libro da Coruña.
Máis de 100.000 exemplares vendidos en galego, é a novela galega máis traducida a outras linguas (un total de 40)
“Cando escribín esta novela –lembrou Rivas– aínda non se falaba moito dunha narrativa da Memoria. Eu quixen que a historia comezara no presente porque xustamente é a maneira na que quería enfocar esa Memoria do que pasou e que segue a afectar a unhas persoas no momento no que se conta a súa historia. De feito, a deusa grega da memoria, Mnemósine, non era un ser obsesionado co pasado, todo o contrario, é a fonte da creatividade. É esa memoria activa, como o xeito que teñen de remar os mariñeiros, que se poñen de costas ao lugar ao que queren chegar porque necesitan ter referentes, coordenadas para guiarse. O pasado permite avanzar cara a diante”.
O lapis do carpinteiro suma máis de 100.000 exemplares vendidos en galego, unha cifra que a sitúa como a segunda novela máis vendida da historia de Xerais, só por detrás de Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz.
"Todo neste libro é inventado, pero todo é verdade"
Ademais, é a novela galega máis traducida a outras linguas (un total de 40) e foi recoñecida con galardóns como o Premio da Crítica Española, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio da AELG, Premio Literario 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional.
A nova edición, que está nas librarías desde o 2 de xullo, volve incorporar como agasallo un lapis de carpinteiro, un obxecto cargado de simbolismo que se converteu nun elemento de culto no lanzamento do libro a finais da década dos noventa. A capa do libro tamén se adapta aos novos tempos da colección Narrativa de Xerais e cambia a súa portada por unha deseñada por Pepe Barro.
Por que mirar cara ao pasado? Manuel Rivas considera que quen se pregunta isto está a “desactivar a compaixón”. “A esa mesma xente parécelle moi ben falar dos reis católicos, da batalla das Navas de Tolosa, ou mesmo do falar do cardeal Cisneros. Iso non é pasado”, sinala Rivas.
Precisamente, na novela reivindícase o nome dalgúns represaliados, como é o caso do pintor coruñés Francisco Miguel, de quen hoxe temos máis información a través dos diarios da súa compañeira, Syra Alonso, que editou Alvarellos. “Todo neste libro é inventado, pero todo é verdade”, afirmou Rivas na feira da Coruña, na que tamén se referiu a outros dos nomes reais que decidiu introducir na novela para ser parte do improbable camiño á reparación; nomes como o de Pepe Villaverde e Marcial Vilamor.