Praza.gal, premio Insua dos Poetas a medios de comunicación

Un ordenador con Praza.gal durante un pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA Praza.gal

"Destaca por unha liña plural e transparente e fomenta a información en galego e o debate público", salienta o xurado

A Fundación Insua dos Poetas do Carballiño entrega cada ano, cadrando coa celebración da súa Festa da Palabra, os premios cos que distingue diversas persoas e entidades vinculadas á cultura e á lingua galegas. Unha das distincións deste 2026 vén de recaer en Praza.gal.

O xurado dos premios, reunido este pasado domingo na sede da entidade, basea a concesión da distinción ao xornal editado pola Fundación Praza Pública que, dende o inicio da súa andaina en 2012, "destaca por unha liña editorial plural e transparente". "Fomenta a información en galego e o debate público", agregan.

Celebración da Festa da Palabra en 2025, na Insua dos Poetas CC-BY-SA Xunta

Canda Praza.gal, a fundación Insua dos Poetas asignou outra media ducia de galardóns. Na categoría de Literatura a premiada é Fina Casalderrey, de quen eloxian a súa "dilatada traxectoria nas nosas letras, especialmente no mundo da pedagoxía e da literatura infantil e xuvenil. No ámbito do Medio Ambiente o premio deste ano é para a Sociedade Galega de Historia Natural.

Fina Casalderrey, a Sociedade Galega de Historia Natural, o Clube Ciclista de Maceda, Bieito Ledo, Arturo Lezcano e Alfonso Medela recibirán tamén premios no transcurso da XVIII Festa da Palabra, este 18 de xullo no Carballiño

No apartado de promoción da lingua a entidade premiada é o Clube Ciclista de Maceda. "Decidiu utilizar o idioma propio de Galicia como único idioma do clube nun momento no que o castelán era o idioma dominante e case que exclusivo no mundo do deporte", aplauden.

O premio Insua dos Poetas á promoción da cultura recaerá no editor e promotor cultural Bieito Ledo. E o dedicado á Galicia exterior lévao o escritor e xornalista Arturo Lezcano polo seu libro O país invisible. Os premios deste 2026 complétanse co de música para o pianista e compositor Alfonso Medela.

As socias e socios son clave para Praza.gal CC-BY-SA Praza.gal

Todos estes galardóns entréganse durante a XVIII Festa da Palabra, o vindeiro día 18 na propia Insua dos Poetas. No transcurso do acto a fundación realizará unha homenaxe á lírica medieval galega a través da figura de Fernán Paez de Talamancos, ademais de acoller actuacións musicais, presentacións de libros e un xantar de irmandade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.