• Entrevista | Alba Rodríguez Saavedra
  • Cultura

"Ruth Matilda Anderson supón un desafío ao sistema cultural ao amosar a invisibilización das mulleres"

Ruth Matilda Anderson © Museo de Pontevedra

Ruth Matilda Anderson chegou a Galicia un 7 de agosto de 1924. Durante 18 meses -en dúas estadías sucesivas- percorreu o país facendo case oito mil fotografías por encarga da The Hispanic Society of America. Anderson interesouse sobre todo polas zonas rurais e, nelas, polas mulleres, retratadas nestas imaxes como protagonistas e traballadoras nun mundo duro, de subsistencia. 

En Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, Alba Rodríguez Saavedra afonda nas causas da invisibilización sufrida pola autora e pregúntase se esta exclusión foi debida á "subversión" que a súa achega introduce na historiografía canónica, elevando a importancia de mulleres e autoras e poñendo en cuestión o monopolio masculino

Este corpus fotográfico da Galicia de hai un século permaneceu relativamente invisibilizado durante décadas ata que hai uns anos foi recuperado e enxalzado en varias exposicións de grande impacto. Pero Ruth Matilda Anderson fixo algo máis que tirar imaxes. En 1939 publicou en Nova York un libro, Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, que lles deu contexto e no que afondou nun país que lle deixou un pouso moi notable.

Aproveitou o inxente traballo de documentación que realizara e no que se interesou especialmente polos escritos de mulleres como Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro, á que traduce por primeira vez do galego ao inglés. A obra non só enxalza o protagonismo da muller galega como produtora senón que privilexia o papel destas autoras e intelectuais sobre o dos homes do seu tempo. 

O libro, malia a súa innegable importancia, ficou exluído do sistema cultural galego durante décadas, non só durante a ditadura franquista, senón tamén a partir de 1975 e mesmo no actual século XXI. De feito, segue sen ser traducido ao galego, aínda que a Xunta anunciou o pasado mes de novembro o acordo coa Hispanic Society of America para traducir e editar A viaxe de Ruth, provincias galegas de España. Pontevedra e A Coruña.

A investigadora e tradutora Alba Rodríguez Saavaedra publicou o pasado ano Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes (Laiovento), un ensaio no que afonda nas causas da invisibilización sufrida pola autora e no que indaga se esta exclusión foi debida á "subversión" que a súa achega introduce na historiografía canónica, elevando a importancia de mulleres e autoras e poñendo en cuestión o monopolio masculino. Falamos con ela sobre unha obra que hai unas semanas obtivo o Premio Follas Novas ao mellor ensaio do ano.

Alba Rodríguez Saavedra © Universidade de Vigo

"Do que se trataba era de investigar, de retratar, aquelas sociedades, aquelas realidades que seguramente estivesen a piques de desaparecer a causa dunha industrialización que acabaría por eliminar as culturas máis tradicionais. E a galega era unha desas, segundo Huntington"

Falemos, primeiro, dos obxectivos da viaxe de Ruth Matilda Anderson, da súa concienciuda preparación -documéntase previamente durante meses lendo a Rosalía ou a Pardo Bazán e chega a aprender algo de galego-. Dende logo non chega aquí como unha turista a facer unhas fotos e cumprir un expediente, non si?

O propósito e a iniciativa deste estudo de campo xorde do interese de Archer Milton Huntington, que foi o fundador e o presidente da Hispanic Society of America. Foi un home que namorou completamente de España. Sendo novo, a súa nai, unha muller extremadamente culta, levouno de viaxe por toda Europa percorrendo todas as pinacotecas nacionais. E tivo un encontro romántico extraordinario coa Península Ibérica, en concreto con España. Durante a súa vida dedicouse a percorrer España, especialmente o sur. Na súa vocación de hispanofilo, crea a Hispanic Society of America, coa idea de que fose un museo e unha biblioteca abertas ao público e tivese un aspecto didáctico, ademais do puramente cultural, necesitaba nutrirse de documentación recompilada no propio campo.

A partir do ano 1904, que foi cando se fundou a Hispanic Society, iniciou un traballo, prolongado no tempo, no que el foi formando todo un equipo de persoas investigadoras que se dedicasen a recompoñer esas realidades do mundo hispánico do que el estaba completamente enamorado. Ruth Matilda Anderson era fotógrafa, estaba graduada na Clarence H. White School of Photography e era unha das persoas de referencia que White, un dos fotógrafos máis aclamados e profesor de fotografía máis aclamado nos Estados Unidos, lle trasladou a Huntington como unha das posibles investigadoras para o proxecto. 

En 1922 Huntington contrátaa e inmediatamente Ruth Matilda Anderson puxouse a traballar na aprendizaxe da cultura hispánica. Esa aprendizaxe consistiu tanto nunha aprendizaxe de carácter teórico-histórico-literario, coma nunha aprendizaxe de carácter práctico-lingüístico. Evidentemente, se se está pensando en elaborar un traballo de campo etnográfico, esa parte da comunicación coa propia xente local é absolutamente indispensable, pois eses son os principios da etnografía. 

"De non aprender galego a comunicación seria extremadamente limitada, parcial e incompleta. Polo tanto, a cuestión lingüística era fundamental, non só o castelán, senón tamén do galego. Ese coñecemento do galego vaille permitir, por exemplo, acceder ás cociñas das propias casas, coa vantaxe ademais de ser muller"

Como é a súa experiencia en Galicia?

Pasados os dous anos de formación, chega a Vigo o 7 de agosto de 1924. E chega aquí cunha encarga moi, moi clara de Archer Milton Huntington, que é tamén unha encarga filla do tempo no que este tipo de expedicións se estaban a producir. Non só por parte da Hispanic Society, senón por moitas outras sociedades de folclore ao redor do mundo. Do que se trataba era de investigar, de retratar, aquelas sociedades, aquelas realidades que seguramente estivesen a piques de desaparecer a causa dunha industrialización que acabaría por eliminar as culturas máis tradicionais. E a galega era unha desas, segundo Huntington. Polo tanto, o que cumpría antes de que esa industrialización borrase absolutamente todos ou moitos dos trazos desa cultura tan tradicional era retratala. O que había que retratar era a cultura da aldea, a cultura do rural, que era onde, segundo Huntington, se atopaban todos eses trazos definitorios.

Vai compoñendo o seu retrato da Galicia da altura, tanto apoiada en imaxes como apoiada en textos. Evidentemente, para poder recompilar todos eses textos e facer ese retrato completo da encarga, o que acaba tendo que facer por absoluta necesidade e aprender o idioma. De non aprender galego a comunicación seria extremadamente limitada, parcial e incompleta. Polo tanto, a cuestión lingüística era fundamental, non só o castelán, senón tamén do galego. Ese coñecemento do galego vaille permitir, por exemplo, acceder ás cociñas das propias casas, coa vantaxe ademais de ser muller.

Capa do libro Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes © Laiovento

"O seu contacto coa xente foi un contacto próximo, nunca tivo un trato nin de condescendencia, nin de minusvaloración nin de distancia. Sempre tivo unha actitude de aproximación, tanto na mirada como na palabra. Nas súas imaxes e nas súas palabras, que temos o luxo de podelas ler, o que vemos é un profundo respecto pola cultura que visita"

A viaxe déixalle un pouso importante? Impacta nela?

Estivo aquí 18 meses en total divididos nun período de dous anos no que fixo un descanso para poder ir primeiro ao Reino Unido e despois a Nova York a levar toda a carga fotográfica e presentar o material que fora recompilando. Trátase dunha das expedicións máis extensas que se levaron a cabo aquí. E 18 meses dan para moito, mesmo establece amizades e fondas relacións con xente de aquí. Esta foi, ademais, a súa primeira viaxe como investigadora. Foi o seu bautismo profesional e polo tanto Galicia ocupou sempre un lugar importante na súa memoria e tamén no seu corazón.

Ela, a si mesma non se consideraba turista, ela sabía que era unha investigadora, era plenamente consciente de que o seu era un traballo de investigación. O seu contacto coa xente foi un contacto próximo, nunca tivo un trato nin de condescendencia, nin de minusvaloración nin de distancia. Sempre tivo unha actitude de aproximación, tanto na mirada como na palabra. Nas súas imaxes e nas súas palabras, que temos o luxo de podelas ler, o que vemos é un profundo respecto pola cultura que visita. 

"Era unha Galicia, non o esquezamos, na que as mulleres tiraban das redes de pesaca nas praias, porque saían máis baratas que os bois. Iso é tamén parte do noso patrimonio, iso é tamén de onde procedemos"

Ela retrata unha Galicia determinada: exclusivamente as zonas rurais e as estampas máis tradicionais, en certa maneira un mundo que esmorecía, e ignora por completo as cidades e as mostras de modernización dun país que xa estaba en transformacións. En ocasións ténselle criticado esta representación, pero é que entre outras cousas, este era precisamente o seu encargo concreto... Ademais, cómpre destacar que ela non presenta unha ollada condescendente cara a esas manifestacións dun territorio máis atrasado, non si?

Totalmente de acordo, esa é a cuestión. Todo mundo ten un enfoque. Sería absolutamente imposible e irrealizable conseguir retratar unha realidade completa. Iso non o fixo tampouco ningún dos nosos fotógrafos: nin Suárez, nin Casado nin Caamaño; cada persoa, cada fotógrafo ten os seus nesgos o seu enfoque. Polo tanto, non ten sentido criticala porque recolle un mundo rural, do campesiñado, feminino..., sobre todo se pensamos que naquela altura o 93% da poboación era unha poboación rural. É dicir, está retratando en boa parte a maioría poboacional de Galicia da altura. Era unha Galicia, non o esquezamos, na que as mulleres tiraban das redes de pesaca nas praias, porque saían máis baratas que os bois. Iso é tamén parte do noso patrimonio, iso é tamén de onde procedemos. Evidentemente, na Galicia nese momento convivía varias realidades e había tamén unha realidade urbana, pero era minoritaria.

Alba Rodríguez Saavedra ©

"Ela atribúe ás mulleres galegas o que en moitas ocasións pasou completamente desapercibido por moi diversos motivos: unha presenza determinante na produción económica"

Nas súas imaxes destaca por riba de todo a representación que fai da muller, que emerxe como gran protagonista. Ademais, indo alén doutras representacións máis estereotipadas (a coidadora, a mater dolorosa...) e afondando no seu papel como traballadora, dentro e fóra da casa, como produtora...

Efectivamente, é que ela atribúe ás mulleres galegas o que en moitas ocasións pasou completamente desapercibido por moi diversos motivos: unha presenza determinante na produción económica. E, de feito, ela no seu libro fala do traballo das mulleres e abórdao co termo 'industria'. Por exemplo, cando se refire ao encaixe de palillos en Muxía, fala de que iso é unha 'industria' na que traballan as mulleres, en contraposición a esa concepción dos traballos das mulleres que son absolutamente ocultados e invisibilizados e que non computan para ese reconto económico na sociedade. Ela si o fai e di que son esas industrias das mulleres as que sacaron a moitas familias da pobreza e de pasar fame.

Entón, o que nos está dando é un retrato que precisamente racha con eses estereotipos. Non fala da mater dolorosa, senón que fala de mulleres ás que non lles queda máis remedio que poñerse con absolutamente todo. E por que? Porque era ou iso ou nada. Polo tanto, non se trata dunha abnegación, trátase dunha pura necesidade de subsistencia. Ao mesmo tempo, racha con esa concepción do matriarcado, que moitas veces se defendeu. Como podemos pensar que Galicia puido ser un matriarcado se as vemos a elas deslombadas na casa, fóra da casa, en todos os lugares? Vaia matriarcado ese! As fotos e os textos de Ruth Matilda Anderson preséntannos unha realidade que nos axuda a comprender un período do que nos faltaban moitas pezas para completar o crebacabezas.

"As escollas que realiza dos textos de Rosalía son precisamente aqueles nos que vemos unha voz reivindicativa. Temos unha Rosalía que está en completo antagonismo coa Rosalía manipulada, materdolorosa, abnegada, laiante, que se nos trasladou ata ben entrados os anos 90 do século pasado"

Galicia era unha terra de mulleres, pero unha terra de mulleres contada por homes, non si? Ela racha con iso, primeiro porque ela -muller- procede a contar Galicia e, ademais, válese do escrito por outras mulleres, como Rosalía ou Pardo Bazán, en lugar de contar unicamente coas visións dos homes intelectuais?

Totalmente. Resulta interesante, por exemplo, que o que fai é desenmascarar a manipulación atroz á que foi sometida Rosalía de Castro. No Gallegan Provinces, as escollas que realiza dos textos de Rosalía son precisamente aqueles nos que vemos unha voz reivindicativa, que denuncia, e unha voz, ademais, intelixente, que bota man da retranca. Temos unha Rosalía que está en completo antagonismo coa Rosalía manipulada, materdolorosa, abnegada, laiante, que se nos trasladou ata ben entrados os anos 90 do século pasado. Xa no ano 1939 tiñamos, grazas á tradución de Ruth Matilda Anderson unha visión de Rosalía moi distinta á visión completamente manipulada que existía nese momento en Galicia.

Fotografía de mulleres carrexadoras tirada por Ruth Matilda Anderson nas Laxiñas en 1924 © Hispanic Society of America

"Para a intelectualidade había algunhas cuestións non moi agradables, como que nun libro que era en realidade un dos grandes estudos sobre a cultura galega, ningún dos intelectuais da época aparecesen nas páxinas principais con nomes e apelidos"

O libro dedicado á Coruña e Pontevedra ía ter unha continuación con outro dedicado a Lugo e Ourense? Isto é algo que podemos supoñer ou hai algúns materiais que o proben?

Pois non, non tiven acceso a ningún material que me permitise intuír iso, pero o feito de que ela percorrese as catro provincias e o feito de que primeiro o libro que temos leve por subtítulo 'A Coruña e Pontevedra', evidentemente fai pensar que tivo que haber un 'Lugo e Ourense' na súa intención. E tivo que habelo porque as fotos que efectivamente se recollen nese libro son as da Coruña e as de Pontevedra, quedando fóra as das outras dúas provincias e tamén moitos outros temas que si aparece nas súas notas de campo e diarios e mesmo nalgún bosquexo do libro. Así que si, podemos pensar que a súa intención era publicar unha segunda parte, que non se produciu. E por que? Non o sabemos, pero o que si nos consta é que tivo unha terrible decepción por dous motivos.

Primeiro, pola escasísima recepción da súa obra. E, segundo, tivo un descontento terrible con respecto ao tamaño no que se reproduciron as fotografías no libro. Porque o traballo fotográfico foi un traballo absolutamente inxente, que ademais condicionou boa parte do material comprado para esa viaxe. E o feito de que no libro as fotos aparezan en tamaño selo foi unha auténtica decepción para ela, porque a súa idea, o que ela consideraba que tiña que saír, era unha obra na que texto e imaxe dialogasen en igualdade. Isto creoulle un malestar. E, de feito, este foi o único libro de Ruth Matilda Anderson sobre estudos culturais. O resto das súas obras son única e exclusivamente vinculadas aos traxes.

"Ruth Matilda presenta unha visión que é incómoda, na que se aprecia que as mulleres ficaran completamente invisibilizadas, nas marxes, que desbarata un retrato manipulado sobre Rosalía de Castro e que ademais fai unha reivindicación de Emilia Pardo Bazán"

Por que molesta tanto esta obra? Por que queda excluída durante décadas, non só durante a ditadura, cando podería ser entendible en parte, senón nas décadas seguintes e ata hoxe?

Pois, como ben dis, evidentemente 1939 é o peor dos anos para publicar un libro sobre sobre calquera cuestión que teña que ver con España e con Galicia, pois despois veu a longa noite de pedra do franquismo, que foi un inferno e un deserto cultural. Pero a cuestión é que temos unha obra na que se está desafiando un canon. Un canon que está constituído por unha intelectualidade na que nos temos que basear para darnos ese pouso que necesitamos como sistema. Polo tanto, a obra de Ruth Matilda Anderson xera conflito. Xera conflito porque nos devolve un tempo no que convivindo cunha intelectualidade absolutamente soberbia, o que temos son unhas mulleres e unha infancia que subsisten, unha infancia que pasa auténticas penurias, temos unha reivindicación de xentes que non foron atendidas e temos o desenmascaramento da manipulación que sufriu nin máis nin menos que Rosalía de Castro. 

Para esa intelectualidade había tamén algunhas cuestións que poden non resultar moi agradables, como que nun libro que era en realidade un dos grandes estudos sobre a cultura galega, ningún dos intelectuais da época aparecesen nas páxinas principais con nomes e apelidos. Isto realmente supón un desafío nun momento en que a cultura galega necesitaba construírse despois de décadas do silencio provocado polo Franquismo. Por todo isto o libro de Ruth Matilda Anderson é de difícil encaixe nese momento. E fronte a ela, era moito máis doado botar man dos libros de Annette Meakin ou Catherine Gasquoine Hartle, que estaban máis na liña do que a intelectualidade galega dos anos 20 e 30 defendía, escribía e contaba.

Unha palilleira, fotografada Ruth Matilda Anderson nos anos 20 do século pasado © RAG

"Centrar o foco nas mulleres, na infancia e no rural, naquelas que foron excluídas e elididas da historia canónica, puido ser o motivo que conducise a ese ostracismo por parte da intelectualidade galega"

Porque o libro, a pesar de publicarse en Nova York en 1939 si era coñecido polos intelectuais galegos, verdade?

Exacto, en Galicia si que se sabía da existencia do libro e, de feito, temos -que eu puidese constatar- unha primeira cita no ano 1947 por parte de Cordero Carrete nos cadernos de estudos do Instituto Padre Sarmiento. Despois, por exemplo, Carvalho Calero tamén fai referencia a el na súa Historia da Literatura Galega. Ademais, a publicación do libro en Nova York coincide co tempo en que Castelao está alí exiliado; paréceme un pouco estraño que un home como Castelao, que estaba en contacto coa Hispanic Society e que mesmo cruzara un par de cartas con Ruth Matilda non soubese do libro, pero non teño probas que me demostren que si o coñecese. Tendo en conta o interese e a investigación que sempre houbo ao redor de todo aquilo que falase de Rosalía de Castro pois sería sorprendente pensar que un libro así estivese completamente fóra do radar. Esta foi a pregunta inicial que me levou a investigar todo isto. 

O Gallegan Provinces é o libro no que hai un maior número de traducións de Rosalía directamente do galego ao inglés e polo tanto debería estar nos rexistros. E máis tendo en conta que outra obra de Ruth Matilda Anderson de 1938 na que hai unha tradución de Rosalía si aparece citada en todas partes. Isto é o que me leva a considerar que centrar o foco nas mulleres, na infancia e no rural, naquelas que foron excluídas e elididas da historia canónica, puido ser o motivo que conducise a ese ostracismo por parte da intelectualidade galega.

"Ruth Matilda Anderson supón un desafío ao sistema cultural que a partir de 1975 necesitaba ser reconstruído e necesitaba a consolidación dos mitos fundacionais: a Rosalía e Castelao e tamén a Manuel Murguía"

É aínda máis inexplicable A tradución e publicación da obra en Galicia nin sequera se produce cando se recupera a súa figura como fotógrafa...

É que en realidade ao final estamos dando volta sobre o mesmo tema. Ruth Matilda Anderson supón un desafío a un sistema cultural que por outra banda necesitaba ser reconstruído a partir de 1975, pois presenta unha visión que é incómoda: amosa que as mulleres ficaran completamente invisibilizadas, nas marxes; ademais, desbarata un retrato manipulado sobre Rosalía de Castro e ademais fai unha reivindicación de Emilia Pardo Bazán. 

O traballo que se tivo que facer a partir de 1975 foi un traballo de recomposición inxente. E esta obra realmente constituía un desafío a ese sistema tal e como se estaba enfocando na súa reconstrución, pois necesitaba da consolidación deses mitos fundacionais: por unha banda a Rosalía, pero tamén a Castelao e evidentemente tamén Manuel Murguía. E o libro de Ruth Matilda Anderson non acababa de casar moi ben con esa proposta.

No meu estudo eu parto dunha hipótese e, como tal, vouna desenvolvendo, vou vendo ata onde podo chegar e vou vendo se conto con argumentos para defender esas ideas. Cando vexo que a miña documentación me leva a lados contrarios, pois evidentemente desboto esa vía. Eu non presento verdades absolutas, o que vou dando son pistas que me levan, mais ou menos, a pensar que ese pode ser o camiño. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.