Tanxugueiras afanse a facer historia con outro cheo no Coliseum

Un intre do concerto das Tanxugueiras no Coliseum da Coruña o 17 de outubro de 2026 © Sindo Novoa

Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío presentan o directo d'O cuarto e celebran o seu décimo aniversario como grupo con igual éxito e mesmo con maior emoción que na primeira ocasión na que lograran encher de público o emblemático recinto coruñés

Hai case tres anos as Tanxugueiras despediron a xira do seu disco Diluvio, o que disparou o seu éxito, facendo historia no Coliseum da Coruña. Convertéronse "no primeiro grupo galegofalante en pendurar o cartel de non hai billetes" no emblemático recinto, o que equivale a congregar case 9.000 persoas.

Para a gran presentación ao vivo do seu novo traballo, O Cuarto, que tamén é celebración do décimo aniversario do trío, Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío propuxéronse volver facer historia. Volver encher o Coliseum. E conseguírono outra volta. Se cadra, con menos eco polo feito en si que a primeira vez, pero con igual éxito e, se cadra, con maior emoción. As Tanxugueiras, ao cabo, afanse a facer historia.

Outra volta aproximándose ás 9.000 persoas, o Coliseum cantou, coreou e emocionouse ao son de temas como Metal mollado, Na Noite, Ea ea, Pedindo Perdón, Romaría ou Ghatiña mansa. Sen faltar hits que xa transcenden o propio grupo polo seu éxito masivo: Pano Corado, Midas, Figa e, por suposto, o histórico de seu Terra, que disparou de vez a festa e, outra volta, as emocións nunha noite no que tamén houbo espazo para un tema inédito da man de Baiuca e Lilaina, "Ao mar quero volver con salitre no meus pés", ecoa sobre unha poderosa base electrónica.

Non estiveron soas as Tanxugueiras. Polos milleiros de persoas que responderon á súa chamada nas bancadas e na pista do Coliseum, pero tampouco o estiveron enriba do palco. As pandeireteiras Lilaina, Caamaño&Ameixeiras, Lagharteiras, María José Llergo, Juancho Marqués ou Valeria Castro, ademais dos bailadores Fran Sieira e Artur Puga enriqueceron un espectáculo ao que volveron asistir dende grupos de rapazada ata familias enteiras que por veces non puideron evitar as bágoas da emoción. 

As mesmas bágoas que mesmo condicionaron a voz das artistas nalgúns puntos culminantes do concerto, como ao interpretaren Hoxe, mañá e sempre. A mesma emoción que ao reivindicaren as agrupacións tradicionais das que son fillas e herdeiras. 

A emoción das Tanxugueiras no seu segundo concerto do Coliseum © Sindo Novoa

"Nada hai máis poderoso que sentirse parte dun lugar e máis cando todo se globaliza", resaltaba Aida Tarrío en entrevista con Praza.gal en vésperas do concerto. Esa idea pairou sobre o Coliseum ao longo de todo o concerto. Defender o propio, a lingua, a nosa cultura, a diversidade... E máis nos tempos nos que estamos, advertiron.

"Houbo tanto cariño que por moito que o tentemos, nunca seremos capaces de sacalo da pel", din as 'Tanxus' tras outra noite histórica de celebración, pero tamén de enorme emoción

As Tanxus sentíronse "rexurdir" neste novo éxito. E agradecérono en pleno palco elas mesmas, pero tamén fundidas nunha aperta con todo o seu equipo para a despedida final.

"Houbo tanto cariño que por moito que o tentemos, nunca seremos capaces de sacalo da pel", expresou o grupo tras o novo éxito, tras un concerto que, advirten, tamén tivo un aquel de resurrección tras salvárense dun "naufraxio". "As historias de amor deberían estar cheas de coidados, empatía, admiración e xenerosidade. E a nosa co noso público teno todo", celebran.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.