Unha Ultranoite para 'culturetas' e un concerto polos 30 anos do bravú encabezan a programación do novo Culturgal

Presentación da edición 2024 do Culturgal © Culturgal

Xa falta menos para a edición 2024 do Culturgal, o espazo de encontro entre as diferentes culturas galegas e os seus públicos, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro e que este xoves presentou o máis destacado da súa programación, que suma preto de 200 actividades, con 100 expositores e 500 artistas.

No programa destaca a primeira Ultranoite Cultureta de Chévere, feita "de forma expresa para o Culturgal", e un concerto polos 30 anos do Bravú. Ademais, poderase ver o novo espectáculo de Magín Blanco (A nena e o grilo nun barquiño)

No programa destaca a primeira Ultranoite Cultureta de Chévere, feita "de forma expresa para o Culturgal", e un concerto polos 30 anos do Bravú a cargo da Banda Xangai liderada por Xurxo Souto e do grupo local Rager que se completa coa proxección do documental Bravú XXX. Ademais, en Pontevedra poderase ver o novo espectáculo de Magín Blanco (A nena e o grilo nun barquiño), que será o de despedida da serie A nena e o grilo. Polo Pazo da Cultura pasarán tamén Manuel Rivas, que vén de ser galardoado ci Premio Nacional das Letras e Olga Novo, Premio Nacional de Poesía no ano 2020.

Imaxe de arquivo da Ultranoite © Chévere

A edición 2024 do Culturgal celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro. Haberá preto de 200 actividades, con 100 expositores e 500 artistas

Todas as correntes da cultura galega, as xa asentadas e as novas, terán cabida no Culturgal, en moitas actividades mesturando xéneros como a literatura, as artes escénicas, a música, o audiovisual, os videoxogos ou a maxia. O Culturgal contará con seis espazos con seis escenarios; entre eles, haberá por primeira vez un espazo pechado para as artes escénicas e destaca o crecemento do espazo de arte, que medra en superficie e actividade. 

De igual xeito, PuntoGal celebra cun festival o décimo aniversario do dominio galego. A entidade organiza os concertos de Caamaño& Ameixeiras e do proxecto Pava de Lucía Aldao. Ademais, haberá un combate de debuxantes (en colaboración con Autobán), talleres de Lego (en colaboración coa FIRSTLego League)e unha xornada sobre os retos da rede en Galicia, especialmente no que se refire á supervivencia do idioma fronte ao dominio das grandes multinacionais tecnolóxicas.

O obxectivo é que o Culturgal "sexa o mellor escaparate posible para que todas as manifestacións da cultura galega atopen novos públicos”

Na presentación da programación o director do evento, Camilo Franco, destacou que “queremos profundizar na mesma idea que o ano pasado, que o Culturgal sexa o mellor escaparate posible para que todas as manifestacións da cultura galega atopen novos públicos”. Pola súa banda, Víctor López, presidente do Culturgal, sinalou que “a deste ano será unha gran edición, tres días para compartir con creadores, artistas e empresas que se adican á cultura”.

Actuación da Banda Xangai no Grelo Folc © Grelo Folc

Entradas "a bo ritmo"

A organización destaca a venda de entradas e abonos vai "a moi bo ritmo". As entradas de día teñen un prezo de 3 euros por anticipado (5 en billeteira)

A organización destaca a venda de entradas e abonos -que se poden adquirir a través da web- vai "a moi bo ritmo". As entradas de día teñen un prezo de 3 euros por anticipado (5 en billeteira); os menores de 4 anos entran de balde e as entradas para a rapazada entre 4 e 15 anos custan 2 euros (3 na billeteira). Os bonos para tres días custan 5 euros se se mercan de forma anticipada e 9 euros se se adquiren na billeteira. 

Hai, ademais, descontos para familias para entradas de día (un adulto + un menor de 15 anos: 4 euros; catro persoas: 7 euros) e bonos para os tres días (un adulto + un menor de 15 anos: 7 euros; catro persoas: 12 euros).

As entradas para a Ultranoite e para o espectáculo adquírense por separado

O acceso ao concerto polo 30 aniversario do Bravú é libre coa compra dunha entrada de día ou abono. En cambio, a entrada para a Ultranoite adquírese por separado (22 euros de forma anticipada, con entrada gratuíta a Culturgal), o mesmo que para o espectáculo A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco (3 euros para os menores de 15 anos e 5 euros para os maiores).

Magín Blanco na Culturgal 2022 CC-BY-SA Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.