Marcos Pérez Pena

Unha ducia de carteis do Entroido, que volve ás rúas

Volve o Entroido! A pandemia comeza a quedar atrás e regresan as celebracións ás rúas, despois de case dous anos de restricións e vagas intermitentes, que obrigaron a ficar na casa. Habitualmente o tempo entroideiro precedía a un tempo de coresma e recollemento, pero se cadra desta volta xa tivemos contención abondo durante os últimos meses e o que o corpo pide é festa. O Entroido é un período de exhuberancia estética e de liberdade creativa e iso vese nos carteis que todos os anos presentan as localidades nas que a celebración está máis asentada. Vemos aquí unha ducia de exemplos recentes.

  1. 01

    Verín (2022)

    Verín, Xinzo e Laza forman o "triángulo máxico" do Entroido galego e todos os anos compiten por ofrecer os mellores espectáculos, atraer visitantes e, igualmente, nos carteis que presentan, cada vez máis coidados. Este é o de Verín neste ano 2022, obra de Fernando Barreira.

  2. 02

    Xinzo de Limia (2022)

    Xinzo non queda atrás, e este ano fai un chamamento a ser "máis entroideiros ca nunca" con este cartel que recolle boa parte dos símbolos desta celebración, obra de Iván Prado.

  3. 03

    Laza (2022)

    O terceiro vértice do triángulo máxico é Laza e os seus peliqueiros, ben representados no cartel deste ano, obra de Rebeca Diz.

  4. 04

    Ourense (2022)

    Fóra do Triángulo Máxico, a cidade de Ourense é sen dúbida a capital do Entroido galego e unha das urbes de todo o Estado que nestas datas rexistra unha maior actividade. Este é o seu cartel para este ano.

  5. 05

    Mercado de Abastos de Santiago (2022)

    Non só os concellos presentan carteis de Entroido. Este pertence ao Mercado de Abastos de Santiago, que neste ano anima a "botar sal" ás festas.

  6. 06

    A Coruña (2017)

    Unha das máis estrañas polémicas dos últimos anos no Entroido galego veu a conta deste cartel de Alberto Guitián, un dos cartaces cos que o Concello da Coruña anunciou as festas do ano 2017, nos que aparecía unha persoa disfrazada de Papa cunha copa de viño na man. 

    Ás críticas da Asociación de Abogados Cristianos sumouse o Arcebispado de Santiago e mesmo o Partido Popular e un xuíz aceptou a denuncia presentada por Aurora Carro, presidenta da Asociación de Viúdas de Lugo, imputando o concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, por un presunto delito de ofensa aos sentimentos relixiosos. Por suposto, a causa foi finalmente arquivada. Guitián, en entrevista con Praza.gal, criticaba que "Polémicas como a do Entroido desvían a atención dos temas realmente graves"

  7. 07

    Viana do Bolo (2015)

    Viana do Bolo é outra das capitais do Entroido galego, especialmente grazas aos seus boteiros, representados neste cartel do ano 2015.

  8. 08

    Xinzo de Limia (2020)

    Xinzo de Limia adoita coidar a estética dos seus carteis, como fixo no ano 2020 con esta creación de Iria Prol

  9. 09

    Compostela (2017)

    No ano 2017 o Concello de Santiago presentou o Entroido con este cartel de Miguel Cerro

  10. 10

    Lugo (2019)

    Lugo tamén contou con carteis orixinais, como o que presentou no Entroido de 2019.

  11. 11

    Pontevedra (2020)

    O Ravachol foi protagonista dos carteis do Entroido pontevedrés en varias ocasións, como bo símbolo que é das celebracións nesta cidade. Repasa aquí a nosa Ducia de personaxes do Entroido