Unha ducia de espectaculares praias galegas para celebrar o inicio do verán
Galicia conta con 1.498 quilómetros de costa e 861 praias marítimas rexistradas oficialmente. Entre elas están algunhas das máis fermosas da Península. Neste verán que comezou onte hai moito onde elixir: grandes, pequenas, urbanas, salvaxes, nudistas, con bandeira azul, sen ela (nin falta que fai)... A area, case sempre finísima. A auga, fría (para que negalo?). Os solpores, os mellores do mundo. E se non queres mar, hai unha chea de praias fluviais e de pozas e piscinas naturais.
-
01
Praia Illas (Foz)
Comezamos no norte, na Mariña, nunha praia de 760 metros de lonxitude e area branca, un fermoso areal en Foz.
-
02
Praia A Marosa (Burela)
Non lonxe da primeira, en Burela, atopamos a praia da Marosa, con bandeira azul e situada entre a Punta das Laxes e Pena Grande.
-
03
Praia Xilloi (O Vicedo)
A praia Xilloi, no Vicedo, ten case un quilómetro de lonxitude e está rodeada de cantís. Como a maior parte das praias do norte destaca polo seu carácter aberto e a súa area branca e fina.
-
04
Praia do Sacido (Viveiro)
A praia do Sacido, en Viveiro, limita coa praia de Covas, pero esta afástase algo máis do centro urbano da vila.
-
05
Praia Basteira (Cariño)
A vila de Cariño goza dunha das mellores praias urbanas de Galicia, a Praia da Basteira, que limita coa Praia da Concha, no centro da vila. Ten vento, iso si, e un piñeiral moi próximo.
-
06
Praia de San Xurxo (Ferrol)
A costa atlántica de Ferrol acolle algúns dos mellores areais de Galicia. Doniños, Esmelle, Ponzos, Santa Comba... E San Xurxo, unha praia ideal para perderse nos seus máis de dous quilómetros de area fina.
-
07
Praia de Laxe (Laxe)
Outra praia urbana, a de Laxe, podería figurar entre as máis fermosas de Galicia. A poucos metros do centro da vila, os seus dous quilómetros de lonxitude ofrecen aufas limpas e claras e area branca e fina.
-
08
Praia de Area Maior, en Louro (Muros)
A praia de Louro, en Muros, ten varias singularidades, comezando pola presenza maxestuosa do monte Louro e pola lagoa do mesmo nome e as súas dunas. Ten 1.400 metros de lonxitude e comunica coa praia de Lariño, tamén moi recomendable
-
09
Praia As Furnas (Porto do Son)
A praia das Furnas, en Porto do Son, é un areal aberto, ventoso e de grandes ondas, pouco masificado e nunha contorna aínda bastante salvaxe.
-
10
Praia de Area da Secada (A Illa de Arousa)
Entre os moitos areais que se atopan no paraíso natural da Illa de Arousa destacamos o de Area a Secada, próximo a Punta Cabalo e cun denso piñeiral ás súas costas, ideal para pasar o día.
-
11
Praia Menduiña (Cangas)
A praia Menduíña, en Cangas, atópase na Ría de Aldán. Con 250 metros de lonxitude.
-
12
Praia do Vao (Vigo)
Rematamos en Vigo, na praia do Vao, situada a carón da illa de Toralla e con fermosas vistas de toda a ría.