Unha ducia de exemplos dun rural produtivo sen macrogranxas
Por toda Galicia poden atoparse iniciativas que demostran que o rural pode ter un futuro sostible sen recorrer ás grandes explotacións que determinados intereses empresariais e políticos están a defender nos últimos días sen ter en conta os seus impactos.
-
01
Razas autóctonas
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) entrega todos os anos premios ás mellores iniciativas de desenvolvemento rural en oito categorías. Na última edición o premio do sector gandeiro foi para a Federación Boaga de asociacións de razas autóctonas de Galicia, defensora dunha gandería respectuosa co medio ambiente. Aquí podes atopar tamén unha ducia de razas galegas de animais.
-
02
Cooperativa A Carqueixa
Na categoría de paisaxe rural o premio de Agader do último ano foi para a cooperativa de carne A Carqueixa, que agrupa máis de 200 socios nos Ancares lucenses e cuxo traballo mesmo foi filmado por Oliver Laxe.
-
03
Innovación tecnolóxica
No apartado de innovación o último premio ao desenvolvemento rural foi para Innogando, iniciativa que puxo en marcha, entre outras utilidades, un "asistente virtual para as explotacións de vacún que se basea na monitorización da xeolocalización e actividades que realizan as reses, para saber se cada animal está descansando, camiñando, correndo, rumiando ou pacendo, e onde o fai, entre outra información".
-
04
Recuperación e posta en valor da terra agraria
No que atinxe á categoría de recuperación e posta en valor da terra agraria, o premio Agader da última edición foi para Dolores Vázquez, produtora de carne de vacún amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega Suprema, coa que se quixo premiar “o combate contra o abandono, a prol da mobilización de terras agrarias”.
-
05
Mulleres no rural
O premio na categoría de mulleres recaeu nas cinco promotoras da empresa de cosmética natural Muuhlloa, coas que se salientou o “esforzo e dedicación das nosas mulleres rurais, que sempre foron o verdadeiro referente do agro e que hoxe en día seguen a capitanear o seu desenvolvemento”.
-
06
Proxectos de interese social
Outra das categorías premiadas por Agader cos seus premios ao desenvolvemento rural é a de proxectos de interese social, na que no último ano a gañadora foi a Asociación Ámbar, do Barbanza.
-
07
Turismo
No eido do turismo no rural, o galardón foi para o Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas Betanzos pola súa xestión da reserva da biosfera Mariñas coruñesas e terras do Mandeo.
-
08
Mocidade
Na categoría dedicada a proxectos da mocidade no rural, o último premio Agader foi para os promotores do aloxamento Abeiro da Loba, situado no Camiño Norte a Santiago.
-
09
Innovando no rural
Por toda Galicia hai exemplos dun rural vivo, algúns dos cales repasamos nesta outra peza, con explotacións gandeiras e de producións agrícolas que venden os seus produtos en todo o Estado e máis alá, empresas de deseño, do sector do téxtil, de cosmética...
-
10
Son de Lugo
Entre as iniciativas para potenciar a saída comercial dos produtos do rural galego atópase Son de Lugo, tenda dixital impulsada por produtores locais e apoiada pola Deputación.
-
11
Montes exemplares
Tamén os montes poden ser exemplo de producións sostibles e integradas coa conservación da natureza. Nesta outra peza repasamos hai un tempo unha ducia de bos exemplos de xestión do monte.
-
12
Implicación das comunidades locais
Montes como os de Rebordechán, Froxán, ou tantas outras parroquias de Galicia son exemplo da implicación das comunidades locais na mellora da súa contorna sen esperar que o progreso veña da man de grandes empresas.