Unha ducia de imaxes da desfeita urbanística en Barreiros
O BNG vén de facerse coa alcaldía de Barreiros, concello rural de pouco máis de 3.000 habitantes que baixo o goberno do PP se converteu en símbolo das desfeitas urbanísticas no litoral galego. Hai un ano sucesivas sentenzas na vía administrativa consideraron ilegais as licenzas para milleiros de vivendas que outorgara o anterior alcalde, o popular Alfonso Fuente, que hai catros meses foi absolto na vía penal. Repasamos algunhas das imaxes que deixou o seu modelo de crecemento, co que quería facer de Barreiros “o Sanxenxo do norte”.
-
01
Chalés con auga e luz como algo extraordinario
Unha publicación da Xunta reflectía hai década e media o extraordinario que era que un chalé contase en Barreiros con auga e luz, redes de servizos públicos que non tiñan capacidade para abastecer a todo o que se estaba a construír.
-
02
Rúas desertas
A mesma zona da imaxe anterior presentaba hai uns días, xa no mes de xuño, ás portas do verán, un aspecto deserto, con boa parte das vivendas pechadas.
-
03
Edificios a medio rematar
A paisaxe de Barreiros aparece salpicada por ducias de edificios a medio rematar.
-
04
Estradas sen saída
Ademais da incapacidade das redes de abastecemento, saneamento ou electricidade, moitas construcións realizáronse sen accesos ou mantendo estes por vellas pistas rurais.
-
05
Bloques e vivendas unifamiliares
A paisaxe de Barreiros aparece salpicada de edificacións a medio construír de todo tipo, tanto bloques de vivendas como casas unifamiliares.
-
06
Novos intentos de recualificación
Malia o fracaso do modelo, o Concello intentou mantelo nos últimos anos impulsando un plan de urbanismo que teimaba en novas recualificacións para vivendas xunto ao litoral, como o espazo destacado en amarelo nesta imaxe aérea da Xunta.
-
07
Dificultades para arranxar o pasado
Os intentos parciais dos últimos anos por arranxar parte da desfeita urbanística evidenciaron novos impactos , como criticou a Xunta no intento de regularización deste grupo de vivendas levantadas en terreos que só podían ter uso agropecuario
-
08
Dispersión
En xeral, as imaxes aéreas de Barreiros, como esta do Plan de Ordenación do Litoral da Xunta, permiten comprobar a dispersión desordenada das construcións ao longo de todo o litoral.
-
09
Castro convertido en aparcamento de caravanas
A falta de control en Barreiros non só se deixou sentir nas construcións. Tamén o Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia acabou convertido en aparcamento de caravanas.
-
10
Ofertas
Malia o fracaso do modelo, aínda hoxe é posible ver carteis ao longo da estrada nacional que atravesa Barreiros ofrecendo terreos para novas construcións.
-
11
O 'núcleo urbano'
San Cosme de Barreiros, o máis parecido a un núcleo urbano no concello, parece desde lonxe unha vila galega máis. Porén, apenas creceu ou gañou servizos nos últimos anos xa que a construción non se concentrou ao seu redor senón que se espallou dispersa por todo o termo municipal.
-
12
O Concello
En San Cosme está a Casa do Concello, o epicentro das decisións que deixaron Barreiros na situación na que hoxe está e coa que terá que lidar agora a nova alcaldesa, Ana Ermida.