Unha ducia de libros para a 'rentrée literaria'
O outono chegou con tanta forza que non foi necesario consultar o calendario, faltou con mirar pola fiestra. Volveu a choiva e con ela anticipamos eses momentos de lectura a cuberto tan idílicos destas datas. A ‘rentrée literaria’ tamén vén con forza e as autoras galegas volven ser recoñecidas. Celebramos os recentes galardóns do Ministerio de Cultura, o Premio Nacional de Poesía para Chus Pato por Sonora e o Premio Nacional de Cómic para Bea Lema por El Cuerpo de Cristo. En Praza vimos de entrevistar a Manuel Rivas pola súa nova novela, Tras do ceo, e abordamos con Nee Barros o fenómeno internacional Heartstopper, que está a piques de presentar o seu segundo volume en galego. Alberto Ramos volveu gañar o Premio Narrativa Breve Repsol, esta vez con Pirotecnia, e coñecemos a decisión da editorial Kalandraka de desvincularse do Premio Orihuela de poesía para crianzas pola negativa de PP e Vox a apoiar unha declaración institucional neste concello que pedía a anulación do xuízo que condenou a morte o poeta Miguel Hernández. As novidades editoriais non deixan de chegar ás librarías e bibliotecas e aquí seleccionamos unha ducia delas para ir pensando nas próximas lecturas.
-
01
‘O clan das barbies’, de Antía Yáñez
Nun mundo onde semella que os cartos poden comprar todo, tres persoas atópanse na clínica de fertilidade Eva. Non se coñecen, pero ese encontro fortuíto será o inicio dunha amizade xurdida da desesperación e da carraxe. Antía Yáñez volve despois de Non penses nun elefante rosa (Xerais, 2022) con O clan das barbies, unha novela chea de furia e sororidade que chegará ás librarías no mes de novembro.
-
02
‘Contos Gringos’, de Lara Dopazo
Nestes Contos gringos hai tornados, campos de millo, animais salvaxes, reptilianos, mortes inesperadas e moito, moito frío. Unha ducia de relatos que propoñen unha viaxe cara ao profundo dos Estados Unidos froito dos anos que Lara Dopazo Ruibal participou no Spanish Creative Writing MFA da Universidade de Iowa. Aquí a realidade e o sobrenatural mestúranse ata que é imposible distinguilas.
-
03
‘Hackeamos o patriarcado’
Soledad Torres Guijarro coordina este libro coral, Hackeamos o patriarcado, que pertence á coleccións Feminismos da Editorial Galaxia e no que se achegan resultados de investigacións que se desenvolveron na Universidade de Vigo a propósito da amplificación das desigualdades de xénero no mundo dixital. Nas redes sociais, a violencia contra as mulleres e as disidencias sexuais e identitarias multiplícase. Tamén a asistencia dixital, cada vez máis presente nas nosas vidas, está ateigada de estereotipos sexistas e de tolerancia á violencia de xénero. Reverter esta realidade é necesario e urxente e, para iso, resulta imprescindible que máis mulleres se formen en ciencia e tecnoloxía.
-
04
‘Os caravanistas’, de Elizabeth von Arnim
Comeza o verán e o barón Von Ottringel e a súa esposa queren ir de viaxe para celebrar o seu aniversario de voda. Tras unha visita á viúva Von Eckthum, esta convénceos para unirse a ela e ás súas amizades nunhas saudables e económicas vacacións practicando o caravanismo pola campiña inglesa. Cun estilo agudísimo, Elizabeth von Arnim ofrece en Os caravanistas un hilarante relato no que, ademais de humor, hai unha crítica ao sometemento da muller do seu tempo e unha incisiva sátira das relacións entre Alemaña eo Reino Unido previas á Gran Guerra. Celia Recarey encárgase da tradución ao galego en Irmás Cartoné.
-
05
‘Cousiña Linda’, de Anthony Browne
Cousiña Linda é unha das obras imprescindibles de Anthony Browne, un álbum tenro e con doses de humor sobre o valor da amizade e a solidariedade, que edita Kalandraka coa tradución ao galego de Sandra e Óscar Senra Gómez.
-
06
'Mica, Cuarzo e Feldespato' de Antonio M. Fraga e Bea Gregores
Mica, Cuarzo e Feldespato son tres gatos que viven nunha canteira e farán equipo coas ratas que vén ameazada a súa comida polas gaivotas. Precisarán de máis axuda, pero iso xa volo conta Antonio M. Fraga nesta álbum infantil Mica, Cuarzo e Feldespato, ilustrado por Bea Gregores na editorial Triqueta.
-
07
'Mouros fóra!', de Goran Vojnović
Marko Đorđić, un adolescente esloveno de pais serbios de Bosnia, ten como única saída profesional unha carreira no baloncesto que se esfarela tras un incidente aparentemente trivial. En Mouros fóra!, Goran Vojnović narra con realismo e ironía os seus problemas e os da sociedade eslovena dende o barrio obreiro de Fužine. Cunha prosa urbana, vulgar e radicalmente afastada da linguaxe literaria que anovou a literatura eslovena, Vojnović recibiu non só a aclamación da crítica eslovena, senón tamén unha denuncia da policía pola confusión entre autor e personaxe nunha obra de ficción, o que provocou un escándalo político.
-
08
'Castelao é noso', de X. L. Méndez Ferrín
Castelao é noso reúne os ensaios que Xosé Luís Méndez Ferrín dedicou á figura política de Castelao dentro da súa coñecida serie de artigos No Fondo dos Espellos (publicada no Faro de Vigo entre 2007 e 2020). O libro colle o título dun deses artigos, que á súa vez recolle un coñecido verso de Celso Emilio Ferreiro. Alvarellos edita este volume ao coidado do catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Vigo Fernando Ramallo.
-
09
'A pegada dixital'
Este libro elaborado pola rede de investigación académica Digitalization for Sustainability – Science in Dialogue (D4S) defende que a regulación da dixitalización debe ser quen de responder aos retos sociais actuais. O cambio climático desbocado, a perda da biodiversidade, o incremento da polarización social e a erosión da democracia esixen medidas áxiles e decididas. O que precisamos é unha reprogramación (reset) dixital: un cambio de dirección radical da finalidade das tecnoloxías dixitais para que traballen nunha transformación profunda que favoreza a sustentabilidade. A pegada dixital está traducido ao galego por Miguel Braña Montaña e publicado pola editorial Catro Ventos.
-
10
'Gnomos', Wil Huygen y Rien Poortvliet
Como viven os gnomos? Como subsisten? Como constrúen as súas casas? Todas as preguntas sobre a vida dos gnomos quedan respostadas por Wil Huygen e Rien Poortvliet neste libro con detalladas ilustracións. Traducido ao galego por Roque Barcia en Sushi Books.
-
11
'Xulia e as cóxegas das nubes', de Diego Giráldez
Xulia e as cóxegas das nubes, publicado por Aira Editorial, é unha historia tenra e cargada de fantasía que, segundo comenta Diego Giráldez, “nace xusto o día despois de que Xulia abandonase o hospital logo de case un ano de loita por sobrevivir”. “Nunca pensei en escribir nada para os máis cativos, pero a súa forza e a súa valentía animáronme a facelo. Sobre todo porque nesa sala de neonatos do Cunqueiro no que Xulia comezou a coleccionar incidencias, respíranse unhas ganas envexables por saír adiante que me apetecía trasladar aos que coñecen o que pasa alí dentro, que é maxia”, asegura o autor porriñés, que contou con MeliMolita para ilustrar esta historia tan especial.
-
12
Poesía reunida de X. L. Méndez Ferrín
A publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias é un antes e un despois na historia da literatura galega contemporánea. Neste volume que vén de editar Xerais atopamos toda a obra poética de X. L. Méndez Ferrín coa edición de Anxo Angueira, que aporta todo o contexto preciso para sacarlle toda a miga aos poemas do escritor arraiano.