Unha ducia de temas da Nova Canción Galega para lembrar as mobilizacións de 1972
As protestas obreiras en Ferrol e Vigo de 1972, que hai medio século desafiaron á ditadura franquista e levaron á rúa a milleiros de traballadores e traballadoras, tiveron a súa banda sonora. En 1968, coincidindo coa mobilización estudantil na USC, botou a andar a Nova Canción Galega, artellada ao redor dos cantautores de Voces Ceibes e, posteriormente, do Movemento Popular da Canción Galega, que durante anos fixeron soar cancións que eran a expresión dun tempo e dun país.
-
01
Luís Olivares - Venceremos nós
Unha das cancións máis icónicas daqueles anos é o 'We shall overcome" de Pete Seeger, gravada en 1947 e que se converteu nun símbolo da loita polos dereitos civís nos Estados Unidos e das protestas esquerdistas en moitos países, traducida ademais a moitas linguas. Entre elas ao galego, traducida por Xosé Luís Franco Grande como "Venceremos nós", cantada polos estudantes de Compostela en 1968 e gravada por varios artistas, como Luís Olivares ou Xoán Rubia,
-
02
Guillermo - A vós, irmáns
En 1968, inspirados polos recitais que un ano antes ofreceran Raimon, Serrat e outros, e coas referencias dos cataláns Els Setze Jutges e dos vascos Ez dok amairu, un grupo de cantautores comezan a amosar publicamente cancións en galego, nas que a protesta social (moitas veces coutada pola censura) era protagonista.
O 26 de abril de 1968 a Facultade de Medicina da USC acolleu o concerto que deu inicio ao movemento de Voces Ceibes, no que se inscribían Benedicto García Villar e Xavier del Valle (que xa actuaran xuntos previamente), Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Guillermo Rojo, aos que pouco despois (xa no concerto da Sala Capitol de decembro de 1968) se uniu Miro Casabella
-
03
Xavier - Monólogo do Vello Traballador
Xavier del Valle interpretou naquel histórico concerto da Facultade de Medicina Monólogo do vello traballador, María Soliña, Romance incompleto e Longa noite de pedra, musicando poemas de Celso Emilio Ferreiro. Xavier abandonou pouco despois o colectivo.
-
04
Xerardo Moscoso - Primavera no ar
Naqueles primeiros recitais de Voces Ceibes, Xerardo Moscoso interpretou cancións como Deuda cumprida ou Réquiem Nº II. Nos anos seguintes sufriu problemas coa censura e tamén ameazas de grupos dereitistas, que o obrigaron a exiliarse. Moscoso finou en México o pasado ano.
-
05
Miro Casabella - Ti, Galiza
Miro Casabella comezou a súa actividade como cantautor en Barcelona, ata o seu regreso a Galicia e a súa integración, primeiro no movemento de Voces Ceibes e posteriormente no do Movemento Popular da Canción Galega. Aos seus primeiros traballos, Miro canta as súas cancións e Miro canta Cantigas de Escarnho e Mal Dizer, uniuse en 1977 Ti, Galiza, onde figura 'O meu país', posiblemente o seu tema máis coñecido.
-
06
Benedicto e Zeca Afonso - Nosa señora da Guía e Chula da Póvoa
Un dos nomes máis destacados do movemento de Nova Canción Galega foi o de Benedicto, finado en 2018. Participou nos primeiros recitais de Voces Ceibes con cancións como "Carta a Fuco Buxán" e mantivo unha intensa carreira musical ata finais dos anos 70. Foi foi amigo de José Afonso, con quen compartiu o concerto, no Burgo das Nacións, onde o portugués estreou o 'Grândola, Vila Morena'.
-
07
Bibiano Morón - Can de palleiro
Benedicto tamén compartiu moitos concertos con Bibiano Morón. Especialmente recordado é o que o 25 de xuño de 1976 ambos os dous ofreceron no Pavillón dos Deportes de Riazor en solidariedade con Santiago Álvarez, preso neses momentos. Alí interpretaron, por exemplo, o coñecido 'Can de Palleiro' (que pedía que caese a ditadura... perdón, a dentadura), que neste vídeo, de 1977, canta Bibiano xunto con 'Samba pra mocedade' e o Himno Galego.
-
08
Vicente Araguas - O Camaleón
Tamén formaba parte de Voces Ceibes Vicente Araguas, ademais de ser quen mellor documentou a vida do grupo a través de varios libros. As súas composicións buscaban ir máis aló musicalmente, con temas como 'O Camaleón', 'Os corpos' ou 'A Léo Ferré, compañeiro'
-
09
Manuel María - Acuso á clase media
A presenza de Manuel María nesta ducia está máis que xustificada, pois foi a través dunha iniciativa súa que se creou o proxecto EDIGSA-Xistral grazas á que varios dos compoñentes de Voces Ceibes gravaron en Barcelona os seus primeiros temas. El tamén gravou algúns poemas recitados, coma este.
-
10
Xoán Rubia - Fala pobo
Xoán Rubia non formou parte oficialmente de Voces Ceibes, pero estaba moi próximo en estilo ao resto de compoñentes e tamén gravou en Barcelona en Edigsa. En 1978 publicou este 'Fala Pobo'.
Este venres 16, Xoán Rubia actúa no acto que se organiza en Narón como parte dos 50 anos dos feitos de marzo de 1972.
-
11
Luís Emilio Batallán - Notas necrolóxicas
Voces Ceibes desfíxose como colectivo en 1974 pero xa neses anos había moitos outros artistas compoñendo e gravando cancións en galego. Por exemplo, Luís Emilio Batallán, que en 1975 publicou un dos grandes discos da historia da música galega, Aí vén o maio, e no que musicana a Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro
-
12
Jei Noguerol - Señor Ministro, por Favor
A carreira musical de Jei Noguerol coemzou en 1971 con 'Denantes dos vinte anos'. Nos anos seguintes publicou varios EPs e catro LPs, o primeiro deles en 1976 baixo o título de 'Señor Ministro, Por Favor'
-
13
Suso Vaamonde - Uah!
Suso Vaamonde participou en Voces Ceibes e posteriomente no efémero Movemento Popular da Canción Galega, iniciado en 1975 co Festival Folk Galego. En 1979 tivo que se exiliar para evitar ser encarcerado polas súas cancións, despois de que a letra de 'Uah!' fora acusada de incorrer no delito de "inxurias á Patria con publicidade". Fernando Fernández Rego vén de publicar 'Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo', obra na que analiza a figura do autor.
-
14
Fuxan os ventos - Sementeira
Pechamos a lista con Fuxan os Ventos, que nace no 1972 en Lugo e que nos anos seguintes publicaron discos como Fuxan os Ventos, O Tequeletéquele e Sementeira, nos que o compromiso social e a canción protesta tamén estaban presentes. En 1983, Mini e Mero, integrantes da formación, crean A Quenlla.