A unidade que veñen amosando sindicatos e patronal no seu rexeitamento ao novo plan de transporte da Xunta serviu este martes, na sétima xornada de folga, para que o PP atopase un novidoso argumento co que defenderse das críticas que tamén lle chegan por parte da oposición. O portavoz popular en materia de transporte, Martín Fernández Prado, asegurou no Parlamento de Galicia que En Marea, PSdeG e BNG están do lado “das grandes empresas do sector”, ás que a Xunta culpa do conflito actual, mentres o PP” está “do lado dos galegos e das galegas”. A resposta de En Marea non tardou en chegar por boca do deputado Antón Sánchez: “Mentres se tomaban decisións que beneficiaban ás empresas, e sobre todo a Monbus, o señor Feijóo e o señor Rueda recibían botellas de Vega Sicilia”, dixo Sánchez, en referencia aos regalos que lles enviaba o propietario da empresa, Raúl López. Ao tempo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lanzaba unha mensaxe de “tranquilidade” e aseguraba que as empresas “non perderán diñeiro” co seu plan.
A Xunta prevé licitar este mércores o novo modelo tras avanzar no acordo con UGT e CCOO, do que a CIG se desmarca parcialmente e mentres as empresas manteñen o seu rexeitamento
A acusación á oposición por parte do PP chegou nunha comparecencia da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para dar explicacións á Cámara sobre o seu plan, que prevé a integración do transporte escolar cos liñas regulares, o que para sindicatos e patronal suporá unha redución de servizos e con eles de empregos e empresas. Vázquez insistiu en que o seu plan é “a única alternativa viable e legal” e anunciou que este mércores publicará no Diario Oficial de Galicia a licitación dos novos contratos, nos que introduciu a obriga de subrogación dos actuais traballadores por parte das empresas que resulten adxudicatarias, como esixían os sindicatos.
No debate parlamentario, Vázquez acusou á oposición de “situarse no lado oposto ao interese xeral”, que ao seu xuízo representa o seu plan, e de querer “deixar sen transporte” á cidadanía a partir de agosto, cando as actuais concesionarias deixen de prestar servizo. A oposición en bloque lembroulle que á situación actual se chega despois dunha sentenza do Tribunal Supremo que hai un ano anulou a prorroga de concesións que en 2009 impulsou o PP e sen que o Goberno galego fixese nada durante todo ese tempo para elaborar un plan global de transporte. Tamén aseguraron que o novo plan da Xunta suporá inseguridade xurídica e “cando recorra unha empresa, pagaremos todos os galegos”, díxolle Sánchez. A resposta do popular Fernández Prado foi a de pedir un voto de confianza ao plan da Xunta porque “que despois poida vir algunha cousa, pois ningunha decisión humana está libre”.
Os avances entre Xunta e sindicatos deben aínda concretarse nos convenios colectivos que negocian traballadores e patronal
Á marxe do debate parlamentario, sindicatos e Xunta seguen avanzando na súa negociación, na que xa acordaron a subrogación dos condutores por parte das novas adxudicatarias pero na que nas últimas horas houbo un desacordo parcial por parte da CIG sobre os acompañantes do alumnado nos autobuses escolares e a propia estratexia a seguir por parte de UGT e CCOO no conflito. O sindicato nacionalista rexeita que as empresas de autobuses poidan recorrer a empresas de traballo temporal (ETT) para contratar eses acompañantes en vez de contratalos directamente, o que ao seu xuízo suporá unha maior precarización deses postos.
Por outra banda, os avances na negociación entre sindicatos e Goberno galego sobre as cuestións laborais do plan da Xunta deben aínda concretarse nos novos convenios colectivos que seguen a negociar pola súa banda sindicatos e patronal, a outra pata da convocatoria da folga que impide de momento que esta sexa desconvocada.
