Traballar menos cobrando o mesmo. Esa posibilidade está a ser un dos grandes debates nos que está inmerso o mundo do traballo en moitos países occidentais. Ducias de institucións e empresas están a poñer en marcha programas piloto para ensaiar a implantación dunha semana laboral de catro días ou, como mínimo, reducir as horas de traballo. O obxectivo? Mellorar a satisfacción dos traballadores e favorecer a conciliación familiar ao tempo que se mantén a produtividade.
Un dos laboratorio de probas máis ambiciosos até o momento foi Islandia, un país cunha poboación que non supera en número á da área metropolitana da Coruña. Aló, o goberno municipal da capital, Reykjavyk, comezou a ensaiar en 2015 cos seus traballadores unha redución da semana laboral de entre catro e cinco horas, que acabaría estendéndose ao conxunto do goberno da nación e involucrando a máis dun 1% da forza de traballo da illa.
O primeiro episodio da nova tempada do 'Té con gotas' aborda o debate da redución da xornada laboral coa axuda de Jack Kellam, investigador que analizou o exitosa experiencia piloto en Islandia, e mais con Andrés Tarascó, responsable dunha empresa galega de ciberseguridade que está a ensaiala
A experiencia piloto, que durou catro anos e afectou a múltiples departamentos da administración, foi todo un éxito e amosou que, a pesar de traballar menos horas, a produtividade se mantivo e a felicidade entre os empregados aumentou.
"Foi especialmente importante a planificación e o diálogo entre os traballadores e os xefes dos equipos. Nestes procesos fai falla flexibilidade e pensar como rachar con rutinas improdutivas que se manteñen por simple inercia", explica Jack Kellam, investigador do think tank británico Autonomy, que participou nun recente informe que analiza a experiencia islandesa.
El é unha das voces convidadas no primeiro episodio da terceira tempada do Té con Gotas, onde se analiza o avance nos últimos anos da reivindicación da semana laboral de catro días. Un debate que tamén se está a abrir paso no Reino de España, onde tanto os gobernos da Comunitat Valenciana como o central xa teñen partidas orzamentarias reservadas para realizar programas piloto deste tipo.
Tamén en Galicia hai empresas que apostan por esta novo xeito de organizar o traballo. É o caso de Tarlogic, unha empresa de ciberseguridade con sede en Teo, onde está en pleno proceso de ensaio dunha xornada reducida voluntaria despois dunha primeira experiencia onde os resultados non saíron tan ben como se agardaba. O CEO da compañía, Andrés Tarascó, asegura que o interese por atraer profesionais cualificados foi un dos incentivos que o animou a probar con este sistema.