Na presentación dos resultados de 2024, a compañía celebra a declaración de impacto ambiental "favorável" outorgada pola Xunta á súa fábrica en Palas e evidencia que aínda precisa "licenças adicionais"
Este 20 de marzo Altri presentou ante a CMVM, o regulador dos mercados financeiros portugueses, os seus resultados de 2024. A compañía finalizou o pasado exercicio cunha facturación de 855,3 millóns de euros, un crecemento do 8,5% interanual que explica "por um nível de preços médios" da pasta de papel "superior" a anos previos, "resultado de condições favoráveis do mercado global, especialmente na primeira metade do ano", reflexión semellante á tamén incluída, por exemplo, nos resultados da súa competidora Ence.
Alén destas magnitudes, con ganancias de 106,5 millóns (un 153,6% máis) e dun anuncio de boas perspectivas financeiras para 2025, en Galicia este documento ten tamén especial relevancia económica e política polas súas mencións ao proxecto de Greenfiber, a factoría que Altri proxecta en Palas de Rei xunto a Greenalia ao abeiro de Impulsa Galicia, a sociedade público-privada impulsada pola Xunta e Abanca. Máis aínda porque é publicado xusto despois de que a Xunta dese a primeira autorización do proxecto coa aprobación da súa Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

Con independencia de que inclúa algunhas condicións adicionais, Altri informa os mercados sinxelamente de que a DIA publicada pola Xunta é "favorável" ao proxecto. "Representa um marco importante, já que avalia o projeto como cumprindo as normativas ambientais em vigor", detalla, se ben advirte tamén de que aínda son necesarias "licenças adicionais".
O conselleiro delegado destaca a adquisición das divisións de compra de madeira e loxística de Greenalia: "Reforça a capacidade operacional do Grupo no aprovisionamento de matéria prima", isto é, de madeira de eucalipto
"A DIA era um passo necessário e fundamental no processo de tramitação da licença ambiental integrada" da fábrica, abonda a empresa na presentación de resultados a través dunha mensaxe asinada polo seu conselleiro delegado, José Soares de Pina. O executivo de Altri tamén fai fincapé nesa comunicación doutro dos movementos clave da empresa no noso país nos últimos meses: a compra de dúas filiais de Greenalia, a súa socia en Palas: Greenalia Forest e Greenalia Logistics, divisións dedicadas á compra de madeira a propietarios forestais e loxística.
A sinatura dese contrato de compra de accións "reforça a capacidade operacional do Grupo no aprovisionamento de matéria prima", resalta De Pina. Isto é, Altri gaña coa operación capacidade para obter eucalipto en Galicia. Como xa informara á CMVM o pasado xaneiro, cando concretou a compra, Altri evidencia tamén agora ante os mercados "a concretização desta aquisição está sujeita à verificação de um conjunto de condições prévias", o cal é "habitual em transações desta natureza".

Altri indica, en calquera caso, que "esta operação deverá ficar concluída durante o ano de 2025". Nese momento estará culminado "um importante passo estratégico na consolidação" da "presença na Galiza" do grupo, indican.