Competencia advirte ás eléctricas de que deben facilitar o pago aprazado dos recibos da luz atrasados dende hai meses

Recorte dun recibo da luz sobre unha imaxe dun tendido eléctrico CC-BY-NC-SA Foto: Fré Sonneveld / Unsplash | Montaxe: Praza.gal

Hai milleiros de fogares e empresas en Galicia -estímase que son millóns no conxunto do Estado- que aínda non saben con exactitude como lles están a afectar os cambios na factura eléctrica vixentes dende xuño de 2021, cos novos treitos horarios e demais mudanzas. E que tampouco coñecen como repercuten na súa economía os prezos disparados no mercado eléctrico que están a levar o IPC a máximos das últimas décadas.

Milleiros de fogares non reciben facturas da luz dende a entrada en vigor da nova tarifa e ignoran como lles está a afectar a suba dos prezos dos últimos meses

A razón é que algunhas compañías eléctricas non adaptaron os seus sistemas como debían aos cambios tarifarios. Como veñen alertando persoas afectadas a título individual, asociacións de consumo e outras entidades, esa deficiencia traduciuse nunha paralización da facturación, ata o punto de que hai fogares que aínda non recibiron recibo ningún dende a entrada en vigor do novo sistema, coa consecuente inquietude sobre o xeito en que terán que facer fronte a máis de medio ano de recibos acumulados.

Fragmento das conclusións da CNMC sobre os atrasos na facturación das eléctricas dende mediados de 2021 CC-BY-NC-SA Praza.gal

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), un dos organismos oficiais que recibiron as reclamacións, vén de constatar que esta deficiencia segue existindo. Por iso vén de lembrar ás eléctricas (que non identifica, pero que no caso galego se corresponden sobre todo con Naturgy, a antiga Gas Natural Fenosa) que están obrigadas a facilitar ás persoas consumidoras que poidan "fraccionar o pagamento da súa factura en mensualidade cando sufrisen atrasos ou fallas de facturación" atribuíbles ás propias empresas.

A CNMC evidencia que o atraso das facturas é responsabilidade das eléctricas e causa "forte preocupación" na clientela afectada. Subliña que, atendendo á lei, "teñen dereito a aprazar o pagamento de cada unha delas en tantas facturas mensuais como meses sufrisen de atrasos"

Nun expediente con data do pasado 22 de decembro, feito público este 18 de xaneiro, a CNMC constata que durante o segundo semestre do pasado 2021 "tivo coñecemento, a través de comunidades autónomas -cita varios gobernos entre os que non figura o galego-, comercializadoras, asociacións de comercializadoras, consumidores, asesores enerxéticos e o Defensor del Pueblo" de "posibles irregularidades" por parte de varias distribuidoras eléctricas. Concretamente, entre elas destaca a "ausencia ou atraso na emisión de facturas" durante "varios meses", pero tamén "facturacións sobre lecturas de subministro estimadas, atrasos en tempos de cambio de comercializador" ou "atrasos nas modificacións de potencia".

O expediente de Competencia evidencia que "moitas das reclamacións de consumidores domésticos" manifestan "unha forte preocupación polo incremento da contía adebedada, en tanto seguen sen recibir a factura" e "a súa imposibilidade para facer fronte aos pagamentos cando a distribuidora normalice a situación". Neste contexto, a CNMC lembra que a lexislación vixente na materia "impide trasladar ao consumidor unha corrección na facturación (que sexa no prexuízo do mesmo) que se deba a consumos anteriores ao ano", se a causa da corrección "é un mal funcionamento" do contador ou "un erro administrativo" da empresa.

Ademais, abonda, a mesma normativa "contempla que a regularización" poida ser "levada a cabo de forma prorrateada en tantas facturas mensuais como meses transcorreron no erro". Neste contexto, e dado que "o consumidor non é, en ningún caso, responsable" do que está a acontecer, "unha vez que os consumidores reciban as facturas atrasadas por parte do seus comercializadores, teñen dereito a aprazar o pagamento de cada unha delas en tantas facturas mensuais como meses sufrisen de atrasos". 

"Sería conveniente que non pasen ao cobro ningunha cantidade sen informar previamente aos clientes" da posibilidade de aprazar os pagamentos atrasados por culpa das eléctricas, subliña Competencia

Neste sentido, as compañías eléctricas deben facer os "maiores esforzos" para "promover a través dos medios que dispoña que o consumidor solicite o fraccionamento das facturas atrasadas unha vez que teña os datos necesarios para facturar a totalidade das facturas acumuladas". "Adicionalmente -resalta-, sería conveniente que, cando se solucione o problema que lles impide facturar con normalidade, os comercializadores non pasen ao cobro ningunha cantidade sen informar previamente aos clientes, tomando as medidas oportunas para cerciorarse da recepción" e "comprensión" dese aviso.

No caso da principal compañía eléctrica que opera no mercado galego, Naturgy, a empresa vén sinalando a clientela particular, entre outras explicacións, que os atrasos se deben a un erro en Unión Fenosa Distribución, que detectou erros de lectura de consumo coa entrada en vigor da nova tarifa, interrompendo a facturación tanto para a clientela de Naturgy inserida no mercado libre como para a de Comercializadora Regulada, a empresa coa que o grupo xestiona as tarifas reguladas polo Estado. Preguntada por Praza.gal o pasado outono, Naturgy asegurara que ía dar "facilidades" de pagamento cando o sistema volvese á normalidade. Non obstante, fontes consultadas por este diario afirman que xa emitiu sen previo aviso algúns dos recibos pendentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.