Dez anos da quebra de Pescanova: a empresa en mans canadenses e o ex-presidente camiño do cárcere

Feijóo entrega a De Sousa-Faro en 2009 o diploma da concesión do 'Grelo de Ouro' a Pescanova CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

Hai tan só unhas semanas, o Tribunal Supremo condenou a Manuel Fernández de Sousa-Faro a seis anos de prisión, dous menos dos que lle impuxera en 2020 a Audiencia Nacional, nunha ampla sentenza que ratifica que o antigo todopoderoso empresario foi autor dun delito continuado de falsidade nas contas anuais da vella Pescanova, en concurso medial cun delito continuado de falseamento de información económica e financeira e culpable tamén de alzamento de bens. 

A sentenza asumiu os feitos relatados pola Audiencia, que acusaba a De Sousa-Faro de artellar "métodos de financiamento" para Pescanova baseados en "relacións comerciais ficticias". Todo, para "poder seguir gozando do financiamento bancario" e captar investidores confiados nos bos datos económicos publicados" cando a situación real era "diametralmente oposta". 

Instalacións de Pescanova en Vigo CC-BY-SA HombreDHojalata

O Supremo condenou a De Sousa a seis anos de cadea ao cumprirse dez anos da quebra de Pescanova; agora, Abanca confirmaba a venda da compañía ao grupo canadense Cooke

O Supremo ratificaba a entrada na cadea -nos vindeiros días- de Sousa cando se cumpren dez anos desde que se confirmara a quebra e só semanas antes de que se confirmase -este pasado xoves- que a empresa herdeira da multinacional arruinada, Nueva Pescanova, será vendida ao grupo canadense Cooke. En só unha década. 

Todo xorde daquela deriva para tentar esquivar os efectos da crise de 2008 que se iniciou xa en 2009, ao tempo que De Sousa asumía o seu destacado rol político para clamar polo desaloxo da Xunta de PSdeG e BNG. "Es necesario un cambio urgente", escribira nun lembrado artigo de opinión, porque o Goberno da esquerda impuxera, segundo el, "atascos en barreras ideológicas, idiomáticas o geográficas".

A multinacional quedou en mans da banca acredora ata que en 2015 se creou Nueva Pescanova, da que Abanca posúe máis do 97% do capital

Comezaba o ocaso de Sousa e de Pescanova, cuxa quebra se confirmou anos despois, hai agora unha década, nos inicios de 2013. A trama posta en marcha para ocultar a millonaria débeda do grupo e enganar milleiros de investidores, organismos reguladores e acredores caeu cando en febreiro daquel ano a empresa informaba á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) de que non podería presentar as contas do exercicio 2022. A partir de aí, solicita preconcurso de acredores, suspende a súa cotización en Bolsa, pide concurso voluntario e un auditor verifica en abril unha débeda de 3.600 millóns. 

A compañía quedou en mans da banca acredora ata que en 2015 se creou o Grupo Nueva Pescanova, a meirande empresa pesqueira de España nesta altura, con 1.000 millóns de euros de facturación, a maior frota pesqueira conxeladora do mundo e 11.000 empregados. Con máis do 97% do capital, o seu principal accionista é Abanca que, ao cumprirse unha década da quebra da antiga Pescanova, vén de acordar o traspaso da maioría do capital ao grupo canadense Cooke, que se impuxo ás propostas de Chamber e Iberconsa. 

En só dez anos Pescanova quebrou, a súa herdeira quedou en mans norteamericanas e o histórico presidente da compañía -que dirixira o grupo empresarial desde 1980- vai camiño do cárcere. 

Feijóo e Rosa Quintana, nunha visita a Pesquera Argenova, do grupo Nueva Pescanova, na Arxentina CC-BY-SA Xunta

Mentres, o futuro de Nueva Pescanova prepárase para pasar a ser dirixido por Cooke -como adiantou Faro de Vigo-, despois de que Abanca anunciase un acordo para "negociar en exclusividade a compravenda" por un importe non comunicado. Todo a través dunha operación que, segundo o banco, manterá a sede social da firma en Galicia. 

Nueva Pescanova pasará a ser unha filial nun 'holding' con 4.000 millóns de facturación e presenza nos cinco continentes

"Desde 2015 realizamos un considerable esforzo para salvagardar a viabilidade da compañía e manter a matriz e as súas filiais integradas e, a un tempo, conservar a súa sede en Galicia", aseguraba nun comunicado Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, que cre que o acordo permite "cumprir a folla de ruta" e "integrar Nueva Pescanova nunha das principais compañías familiares de proteína mariña do mundo". 

Esa mesma compañía familiar xa fora contactada por Sousa en febreiro de 2013 para ofrecerlle a venda dunhas granxas de salmón en Chile. Tal e como relata Lara Graña no Faro de Vigo, con aquela operación o empresario intentaba evitar a última hora e á desesperada a quebra, que acabou por ser a maior no Estado non inmobiliaria. Pero o acordo non chegou, o dirixente caeu en desgraza e a histórica compañía, tamén. En breve, a emblemática multinacional galega fundada en 1960 pasará a ser unha filial dentro dun holding de 4.000 millóns de facturación e presenza nos cinco continentes. 

Manuel Fernández de Sousa, recibindo un premio do xornal 'El Correo Gallego' de mans de Alberto Núñez Feijóo CC-BY-SA Xunta

Abanca non podía manter tal participación -superaba o 97%- nunha compañía que achegaba un importante risco no seu balance. Quedará co 20% logo de que Cooke pague 100 millóns e asuma arredor de 700 de débeda. O "valor futuro" que a entidade bancaria dá a Nueva Pescanova é de 800 millóns de euros. 

Agora, malia a promesa de deixar a sede en Galicia, queda pendente o futuro do milleiro de traballadores que Nueva Pescanova ten entre varias localidades galegas e algunha do Mediterráneo, alén do persoal mariñeiro. E tamén a evolución dun grupo moi adelgazado en comparación co que comandaba De Sousa non hai tanto tempo. 

O Goberno do PP na Xunta, tantos anos aliado de De Sousa, manifesta agora en palabras do presidente Alfonso Rueda a súa "esixencia" para que a empresa "manteña a viabilidade e os postos de traballo, moitos en Galicia e en toda esa frota que pesca polos mares de todo o mundo". 

"Iso ten que implicar tamén que o domicilio social e fiscal se manteña en Galicia e iso é o que pediremos", dixo Rueda este pasado venres desde Panamá, tras advertir de que ante "unha decisión entre entidades privadas", á Xunta só lle queda "velar por que a riqueza que Nueva Pescanova supón en Galicia se manteña e se acrecente, non só no país senón ao longo do mundo". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.