Manuel Fernández de Sousa, ex-presidente de Pescanova, entra en prisión, onde permanecerá seis anos logo de ser condenado pola súa xestión na empresa. O empresario ingresou este martes no cárcere de Soto del Real (Madrid).

Manuel Fernández de Sousa, ex-presidente de Pescanova, entra en prisión, onde permanecerá seis anos logo de ser condenado pola súa xestión na empresa. O empresario ingresou este martes no cárcere de Soto del Real (Madrid).
O xulgado fixa o 26 de xuño como data na que os Franco poderán retirar de Meirás os poucos bens que a Audiencia da Coruña lles permite levar: unhas imaxes relixiosas, unha lámpada e unhas alfombras.
O próximo curso escolar comezará o 11 de setembro e rematará o 21 de xuño. Así o acordaron este martes Xunta e sindicatos, que tamén fixaron as vacacións de Nadal do 22 de decembro ao 7 de xaneiro. O Día do Ensino será o 7 de decembro e tampouco será lectivo.
Fátima Pego e Grande Amore, xuntos no tema musical da nova campaña a prol do uso do galego lanzada por Alingua, a rede de concellos que se uniron o pasado 2022 para promover o idioma "con fachenda" e que actualmente xa reúne dezanove municipios. Baixo o lema É túa. Pásaa! "apela ao uso do galego no individual e no colectivo".
Formoso asegura que o Goberno de España fará máis vivenda para a xente moza en Galicia en 2023 que Feijóo e Rueda en quince anos. O secretario xeral do PSdeG celebra que o Executivo central destine ao alugueiro social 50.000 vivendas da SAREB e pídelle á Xunta que colabore coa iniciativa.
28M | O DOG publica o cesamento do presidente do Porto de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, tamén ex-conselleiro de Sanidade, que volverá ser candidato do PP á alcaldía de Baiona. A orde publicada sinala que o cesamento é “por petición propia” e que terá “efectos do día 20 de abril”.
Pedro Sánchez anuncia un plan para destinar as case 50.000 vivendas da Sareb (actualmente ten 46.542, 1.830 delas en Galicia), o 'banco malo', a "alugueiro asequible". Durante a Conferencia Municipal do PSOE, o presidente do Goberno de España afirma que o proxecto recibirá o visto e prace no Consello de Ministros do vindeiro martes. Suporá, especifica, poñer 21.000 vivendas á disposición de concellos e autonomías dentro dun plan que implica tamén construír unhas 15.000 en terreos da propia Sareb.
28M - ENQUISAS | Abel Caballero revalidará a súa ampla maioría absoluta en Vigo e Inés Rey continuará na alcaldía da Coruña tras o 28M, segundo senllas enquisas publicadas este domingo por Atlántico Diario e El Ideal Gallego, respectivamente. Estes inquéritos prognostican o mantemento da representación e dos gobernos do PSdeG nas dúas principais cidades de Galicia, con lixeiros ascensos do número de edís para o PP e tamén para o BNG, ademais de descensos das mareas e, no caso coruñés, a desaparición de Ciudadanos e a entrada de Podemos.
A Xunta declárase "inquieta" coa nova lei estatal de Vivenda, a piques de ser aprobada, e reclama unha reunión "coa maior urxencia posible" ao Goberno de España ante a "preocupación dos diferentes colectivos profesionais do sector da vivenda en Galicia", di nun comunicado. Ese encontro, reclama o gabinete de Alfonso Rueda, debera ser unha Conferencia Sectorial, que xunta o Executivo estatal coas comunidades autónomas. Nos últimos anos a Xunta vén mantendo que a súa "principal demanda" ao Estado en materia de vivenda son as ocupacións.
Nova folga de autobuses: CIG, CC.OO. e UGT convocan paros para os días 27 e 28 de abril e advirten de que "será indefinida a partir do 8 de maio se non se atenden ás súas demandas". Os sindicatos convocantes denuncian "a paralización na negociación dos catro convenios provinciais, a situación precaria do sector tanto no relativo ás condicións laborais como á propia prestación do servizo e os reiterados problemas de seguridade que presentan os vehículos". A folga do pasado 31 de marzo xa logrou un amplo seguimento, paralizando estacións e atrancando o transporte escolar.