O 43% das principais empresas galegas cre que os seus provedores, clientes ou socios incumpren a libre competencia

A Comisión Galega da Competencia fixo unha enquisa ás 125 principais empresas e organizacións galegas CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Unha enquisa da Comisión Galega da Competencia ás 125 principais empresas e organizacións do país revela que o seu propio traballo é descoñecido para o 33% delas e que o 25% carece de programa de cumprimento normativo

A Comisión Galega da Competencia, encargada de velar polo libre mercado a nivel galego, vén de facer pública unha consulta ás 125 "principais empresas e organizacións galegas" para "coñecer o grao de compromiso e implantación, no sector empresarial galego, dunha cultura do cumprimento normativo no ámbito da competencia". O documento reflicte que un terzo dos consultados, o 33,3%, descoñece a propia existencia da Comisión Galega da Competencia, mentres que o 43,5% consideran que os seus provedores, clientes ou socios incumpren as normas de competencia.

A Comisión Galega da Competencia, presidida polo popular Ignacio López-Chaves, quería coa súa consulta amosar o grao de esforzo das empresas por asegurar o cumprimento da normativa en materia de competencia e a existencia ou non de recursos adecuados para iso. Para iso enviou un cuestionario telemático ás 125 "principais empresas e organizacións galegas", cuxa identidade non desvela. 

A primeira pregunta que recolle o estudo é sobre a propia Comisión Galega da Competencia, cuestionando aos consultados se coñecen "a existencia, labor e funcións" da mesma. E o resultado é que un terzo das respostas foi "non".

A enquisa tamén preguntou pola existencia en cada organización dun "área, servizo ou departamento específico para a observancia do cumprimento normativo", ao que o 13% responderon que non. Algo máis, un 25%, contestaron que carecen de "programa de cumprimento normativo", que permite "previr e detectar condutas irregulares". A gran maioría dos que si teñen eses programas de cumprimento, o 88,2%, contaron para a súa elaboración con axuda de consultoras externas.

Porén, se o 75% das empresas consultadas si teñen programa de cumprimento normativo en xeral, no eido da defensa da competencia esa porcentaxe baixa ao 43,5%, mentres que a maioría, o 56,5%, carece dese tipo de medidas preventivas de defensa do libre mercado.

Última asemblea xeral ordinaria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) o pasado 6 de xuño CC-BY-SA Xunta de Galicia

O 95,7% das empresas consultadas dispoñen de canles de denuncia interna de posibles infraccións á libre competencia

A enquisa tamén preguntou se "nas relacións contractuais con terceiros (provedores, clientes, axentes comerciais, asociacións empresariais nas que se integra...) aqueles cumpren coas normas de competencia". E a resposta foi negativa por parte do 43,5% das entidades consultadas, ante o que Competencia lembra que calquera empresa "debe asegurar" que tamén esas terceiros cos que se relaciona "cumpren coas normas de competencia". Nesa liña, salienta que a prohibición de acordos contra a competencia inclúe "o intercambio de información estratéxica, confidencial ou comercialmente sensible entre competidores, xa sexan actuais ou potenciais".

No que si contestaron maioritariamente de forma positiva as empresas galegas consultadas, cun 95,7%, foi sobre a existencia de canles de denuncia e protección de informantes de posibles infraccións á libre competencia. 

A Comisión Galega da Competencia vén de ser condenada por nin sequera investigar o acordo entre Monbus e Alsa para repartirse liñas de bus

A Comisión Galega da Competencia foi condenada en firme polo Supremo o pasado outubro por nin sequera investigar o acordo entre Monbus e Alsa para repartirse as principais liñas de bus de Galicia. A xustiza estableceu que Competencia fora "ineficiente" no seu traballo "ao deixar de investigar as cuestións postas de relevo polas denuncias, sen comprobar as mesmas". Noutros casos Competencia da Xunta vén acumulando notables demoras para resolver os expedientes ou concluíndo estes sen sanción porque as empresas que atentaron contra a libre competencia amosan o seu propósito de emenda.

Ignacio López-Chaves na súa toma de posesión como presidente da Comisión Galega da Competencia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.